|
Manuel
Oliveira, director do Centro Galego de Arte Contemporánea:
"O
CGAC é un dos dez mellores museos do Estado"
A
Comunidade autónoma ofrece hoxe en día unhas infraestructuras e
unha realidade cultural perfectamente articuladas e diversificadas
e compite en calidade con calquera outro lugar, en opinión do novo
director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Manuel Oliveira
Paz, quen plantexa un traballo moi diferente o que ata o de agora
se estaba a facer no espazo museístico.
¿Cales son os obxectivos desta nova etapa do CGAC? Son a
moi longo plazo algúns e hai outros a medio e a curto prazo tamén.
Poderían dividirse en dos grandes grupos. Un é o de xerar contidos
mediante unha estructura de traballo baseada na investigación e
nun traballo moi dinámico e reactivo co entorno e outro un cambio
na personalidade xurídica do CGAC para ter un modelo de xestión
máis axeitado e máis áxil.
Que papel vai ter a investigación?
O CGAC facía un tipo de traballo moi diferente ao que vou plantexar
a partir de agora. Nós non imos partir de teses curatoriais senón
que vamor facelo de preguntas e vamos empregar un modelo casi de
traballo científico, no sentido de que partiremos dunha pregunta
ou dunha inquedanza e traballaremos procesualmente para buscar respostas
para estas preguntas. Básicamente, trataremos de ter dúas liñas
de investigación para cada tema. Unha sería aquela referida aos
contidos relativos á pregunta que nós formulamos e a segunda liña
de investigación centrarase en como facer comunicables esos contidos
para esas preguntas.
¿Que vai cambiar e que vai manter sobre a anterior liña de xestión?
Eu creo que a arte contemporánea e calquera institución de arte
contemporánea ten que cambiar, pero non por capricho, senón por
adecuarse á situación cambiante da propia arte. E un campo que se
transforma con moitísima rapidez e, entón, as institucións temos
que adaptarnos a eses cambios. O modelo de traballo que imos xerar
neste centro ten como premisa unha adecuación coas condicións cambiantes
do entorno. Hai que ter en conta que cando naceu o CGAC non había
Facultade de Belas Artes, non estaba o Marco en Vigo nin a Fundación
Luis Seoane na Coruña. E agora hai un tipo de infraestructuras moi
diferente, unha realidade cultural e social moi diferente. Para
adecuarnos a eses cambios é necesario xerar un modelo tamén distinto.
¿Co CGAC e con centros como os que acaba de sinalar, pódese dicir
que Galicia está dotada das infraestructuras que precisa para impulsar
a arte?
Penso que as infraestructuras culturais que hai en Galicia están
á altura da calidade de calquera outro lugar, tanto en termos de
museos como de centros de arte, de artistas, aspectos formativos,
divulgadores, galerías, revistas..., ou sexa, que temos un sistema
perfectamente articulado e diversificado. Posiblemente, habería
que traballar en algúns aspectos máis específicos do mundo da arte.
Digamos que os aspectos xeneralistas están cubertos, pero non os
específicos.Entón, por exemplo, de aí que poñamos en marcha algo
como o 'Proxecto Edición', que é traballar o matiz dun aspecto moi
concreto. Creo que é o que falta, matizar cada vez máis os proxectos.
¿Que importancia lle da ao feito de que o número de visitantes
baixase o ano pasado no CGAC un 16 por cento e a que cre que se
debe?
Pois habería que facer un estudio de público para sabelo. En toda
a historia do CGAC, en 13 anos de existencia, nunca se fixo, e nós
estamos agora niso. O estudio de público daranos ferramentas e materiais
para elaborar unha estratexia de comunicación, para facer unha difusión
das actividades do centro e xerar tamén interese polas mesmas. Obviamente,
mentras non teñamos dito traballo non podo respostar.
Calidade antes que cantidade
¿Qué canles ten abertos o CGAC co mundo da educación?
O CGAC conta un departamento de educación e de actividades que ten
una serie de ligazóns con centros de ensino de todo tipo e con públicos
sectoriais de todo tipo. Ese traballo estase a facer e intensificarase.
O departamento de educación vai ser unha das ferramentas fundamentais
de traballo. Pero volvendo aos visitantes, primeiro, non me interesa
tanto o número como o a calidade. A cantidade e importante, non
vou a dicir que non, pero máis importante é a cualidade. E dicir,
¿que atopa a xente canto entra; que se leva cando se vai? Iso e
o que me interesa. O número, en difinitiva, casi non di nada ou
di moi pouco. Tamén hai que ter en conta que existen moitos factores
alleos á dinámica do centro e que poden influir. Hai certo tipo
de exposicións que poden atraer máis público que outras, e circunstancias
como si é ou non un Ano Santo...
¿Que están a facer os artistas galegos dentro e fóra do país?
Hoxe en día non fai falta estar a vivir fóra para ter presenza noutro
lugar. Ben, temos por ejemplo a Leiro, que vive una temporada grande
do ano en Nova Iork, Alberto Barreiro vive en Londres..., quero
dicir que os artistas móvense, viaxan e a súa información está en
moitos circuitos. Ou sexa, que están a traballar coas mismas ferramentas.
Son moitas cousas as que están a facer pero, por poñer un exemplo,
o día 10 de febreiro, inaugurouse en Sofía cos príncipes una recopilación
de obras da colección do CGAC. Esa é unha liña de traballo: a difusión
no exterior do que se está a facer aquí. Ademais, os artistas están
traballando con galerías de Madrid, están expoñendo en Arco, algunhas
galerías lévanos a feiras como Miami ou Colonia... O CGAC é unha
peza no sistema da arte, e desde aquí compramos obras de artistas
galegos e de outros lugares, facemos exposicións que itineran, da
mesma maneira que recollemos outras que veñen doutros lugares. Esta
é a forma normal de traballar.
Para este ano que ten previsto o CGAC?
Ademais das exposicións de 'Fondos de Colección CGAC. Entre o proceso
e a firma' ou a de 'Roman Signer. Esculturas e instalacións', temos
as de Tono Carbajo, Menchu Lamas, Jorge Molder, 'Proxecto Edición",
'Contos dixitais'e Alicia Framis. Estes son os proxectos.
Un dos dez mellores museos
Desde a apertura a finais de 1993 do CGAC ata o día de hoxe,
¿cal é o balance que se pode facer?
Fíxose moito, o que pasa e que 12 ou 13 anos para a arte contemporánea
é moi pouco tempo. Pero fíxose moito, porque se construiu un edificio,
fíxose unha colección, mantense una actividade constante e diaria
e moitos artistas importantes da arte contemporánea, moitos en activo
e outros non, viñeron a facer exposicións ou con motivo de actividades
do CGAC. Moitos artistas galegos fixeron tamén aquí exposicións
que logo se levaron a outros lugares. O CGAC é neste momento un
dos dez museos ou centros de arte máis importantes do Estado español
e esto non o digo eu porque sexa o director, pódese consultar en
calquera rankig. Ter cuberto ese cupo de importancia paréceme fundamental,
tanto de visibilidade da institución en si como o traballo que retroalimenta
a actividade cultural de Galicia.
Algúns traballadores do CGAC denunciaron problemas relacionados
coa súa situación laboral, ¿xa foron solventados?
Eu fun unha das persoas. Houbo unha contratación irregular ao longo
de trece anos e teño que dicir que non foi noticia ata que non houbo
un xuizo. Ninguén deu noticia desta situación ao longo de moitos
anos, agora si o está sendo e teño que manifestar que neste momento
non hai ningún traballador contratado irregularmente. Creo recordar
que quedan oito xuizos pendientes.
|