|
Carmen
Gallego, Conselleira de Pesca:
"Equivócanse
os que pensan que o sector conserveiro pervivirá forzando a máquina
dos salarios e da precariedade laboral"
"O
traslado da Consellería a Vigo non é un tema que estea en axenda
neste momento"
Ademais de ser unha das catro conselleiras socialistas da
Xunta, a pontevedresa Carmen Gallego compaxina o seu traballo á
fronte do departamento de Pesca coa súa acta de deputada no Parlamento.
¿Que balance fai destes seis meses na Consellería?
Por agora empezamos a poñer as bases do traballo que pretendemos
facer ó longo da lexislatura. Centrámonos en ser capaces de trasladarlle
ó sector, a través de múltiples xuntanzas, esa nova forma de facer
política baseada na cooperación, o diálogo e a consulta permanente.
Buscamos que o sector se involucre nas políticas da Consellería,
e que traballe en conxunto, facendo os proxectos que nós cremos
que son o seu futuro.
¿Foi a crise do mexillón o seu maior problema ata o momento?
Creo que dende o principio houbo medios para paliar esa crise económica.
De feito, as medidas que puxemos en marcha neses primeiros meses
foron históricas, con políticas de prevención cara ó futuro, e outras
para paliar a situación. Foi un sector que estivo perfectamente
atendido dende a Consellería.
¿Terá o mexillón galego a súa denominación de orixe?
Nós cremos que o produto galego tense que diferenciar para poder
penetrar mellor nos mercados, e para iso ten que haber unha identificación
clara da súa procedencia. A denominación de orixe pode cumplir esa
función, e esperamos que ó longo deste ano poidamos ter boas noticias.
Conseguilo supoñería que o consumidor vai poder mercar o mexillón
galego con toda a garantía de calidade.
¿E unha tarefa que non resolveu o anterior Executivo?
O Goberno do PPdeG non pecou de lentitude, simplemente paralizou
e obstaculizou o dossier que solicitaba a denominación. Falei coas
autoridades españolas e comunitarias, e ninguén entende que ese
dossier dese tantas voltas e fose tan mal plantexado.
¿Teme que as novas xeracións de mozos non traballen no mar?
Ese problema xa existe. Hai dificultades de atopar tripulacións
para os buques de gran altura, está empezando a pasas noutras flotas,
e incluso na flota artesanal. A xente nova non lle resulta atractiva
esta profesión, e hai moitas razóns, como a falla de condicións
salariais dignas e dun convenio colectivo. Tamén conta a dureza
do oficio, por iso estamos implementando medidas para que a xente
nova vexa que o mar é unha profesión de futuro. ¿Cambiarase o
sistema de comercialización?
Si, en breve eliminaremos a obrigatoriedade de subastar á baixa,
o que significa liberalizar a forma en que se poden vender os produtos,
como no resto de España. Isto vai contribuir a que se xenere maior
valor engadido para o produto, e unha maior rendabilidade da súa
actividade. ¿Como ve o futuro do sector conserveiro galego?
O futuro pasa por investir en investigación, desenvolvemento e innovación
(I+D+i), porque se equivocan aqueles que pensen que o sector da
conserva vai pervivir forzando a máquina dos salarios e da precariedade
laboral da xente. E imposible competir cos países asiáticos neses
términos, este goberno non está por ese labor. Tamén temos que buscar
novas especies e especializarnos, é unha barbaridade que máis dun
60 por cento sexa un único produto, o atún. ¿Hai medo á deslocalización?
A deslocalización e a internacionalización das nosas empresas non
ten por qué ser negativa, sempre e cando non signifique sacar empresas
de Galicia e levalas a outros países. A capacidade de transformación
de produtos, a tecnoloxía e o "saber facer" que temos
en Galicia non ten nada que ver coa deses países. Todo pasa por
manter aquí as liñas de producción e as industrias para especializar.
¿Os fondos europeos axudarán a renovar as artes menores?
Trátase dunha necesidade para nós, Galicia ten unha flota artesanal
moi avellentada e necesitamos renovala por motivos de seguridade.
Pero esta é unha petición que ata o de agora a Comisión Europea
non ten atendido, aínda que estamos traballando co Goberno de Madrid
e seguiremos dando batalla.
¿Que tal son as relacións con Bruxelas e con Madrid?
Creo que a relación é como ten que ser, fluida e de cooperación.
Temos información puntual de todas as cuestións que nos preocupan.
A receptividade por parte das autoridades comunitarias nas visitas
e contactos que tivemos con eles é positiva.
¿Preocúpalle a imaxe dos buques galegos como "piratas do
mar"?
Hai empresas que incumplen as normas, pero iso pasa en calqueira
outra actividade. O apresamento daqueles dous buques non foi agradable,
e moito menos de cara á posible perda de imaxe do sector pesqueiro
galego. Pero a imaxe que deu Noruega tampouco é a mellor das posibles,
estamos diante dunha acción absolutamente ilegal.
¿Cumprirase a promesa electoral de levar a Consellería a Vigo?
Agora mesmo non estamos traballando nesa cuestión. Imos agardar
un certo tempo para negociar a modificación da lei cos demais grupos
políticos, pero non é un tema que estea en axenda neste momento.
|