noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Mª José Rubio, Conselleira de Sanidade
""Os médicos de cabeceira asumirán a partir deste ano as revisións xinecolóxicas rutinarias" "
•"
O Decreto de Garantías de Tempos Máximos de Espera non marca a demora idónea, pero non queremos empezar vendendo pompas de xabrón"

 Tras oito meses á fronte da Consellería de Sanidade, María José Rubio ten moi claro cales son os cambios que quere imprimir ó sistema sanitario galego, que non son poucos. As numerosas medidas anunciadas pola conselleira deixan entrever que os seus principais retos camiñan en dous sentidos: reducir as listas de espera e mellorar a atención sanitaria á muller, "que ata agora foi paternalista e propia do século pasado", critica.        Nun intento por atallar ámbalas dúas problemáticas, anuncia unha medida que cando menos resulta innovadora: os médicos de cabeceira serán os encargados de realizar as revisións xinecolóxicas a fin de quitar carga de traballo aos sobresaturados servizos hospitalarios.


¿Que se pretende conseguir con esta nova actuación?       
O feito de que as mulleres poidan facer as revisións xinecolóxicas rutinarias nos centros de saúde permitirá que a atención primaria sexa máis resolutiva, evitando á vez que os servizos de xinecoloxía dos hospitais se atasquen con este tipo de consultas preventivas. O obxectivo é que a atención especializada reciba só a aquelas mulleres que presenten unha patoloxía ou ben estean embarazadas, así como aqueles casos nos que o médico sospeite que pode haber algún problema. A revisión dunha muller que está sana, que inclúe a palpación mamaria e a citoloxía, pódea facer perfectamente un médico de familia, que incluso lle poderá prestar un servizo mellor e máis cercano á paciente.       
De todos xeitos imaxino que para aplicar esta medida será preciso aumentar plantilla e formar aos médicos na materia...
      
Os facultativos xa adquiren coñecementos básicos de xinecoloxía na carreira, que nós reforzaremos con formación e poñendo á súa disposición o equipamento e material necesario para realizar as consultas. Polo que respecta ó incremento de plantilla, esa foi a primeira medida que tomamos en novembro, coa contratación de 75 novos profesionais para atención primaria. Este aumento de recursos, tanto humanos como materiais, é algo que seguiremos facendo cada ano. Por outra banda, xa aproveitamos a oferta pública de emprego na que os médicos consolidaron praza para realizar unha redistribución dos cupos, para que aqueles que estaban máis sobrecargados poidan ter máis dispoñibilidade de tempo para asumir esta nova función.       
¿Cando comezarán a asumir os centros de saúde este traballo?       
Será algo progresivo, porque os médicos non se poden formar todos á vez. De todos xeitos eu penso que será no transcurso deste ano cando se irán incorporando estas consultas xinecolóxicas ó ámbito da atención primaria.       
Nuns días coñeceremos os datos das listas de espera do primeiro trimestre de 2006, ¿imos por bo camiño para acadar o obxectivo de reducir a demora media a 40 días?
      
Logo de partir dunha situación difícil cunha media de 137 días de espera media en xuño, o meu equipo inviste todos os seus esforzos en lograr que esa cifra baixe. Traballamos xunto cos xerentes dos hospitais para que a xornada ordinaria sexa o máis efectiva posible, ademais de apostar por abrir consultas e quirófanos polas tardes. No conxunto do sistema deuse un incremento importante do rendemento dos profesionais sanitarios.       
Supoño que iso se traduciría nunha mellora dos resultados
      
Si, este incremento no rendemento xa está dando os seus froitos. De feito, a productividade incrementouse dunha forma notable e así o confirma o feito de que a actividade nas consultas externas aumentou nun 7,3 por cento con respecto ó mesmo periodo de 2005, e o número de intervencións quirúrxicas o fixo nun 3,6 por cento. A isto hai que sumar o uso que facemos dos centros concertados, nos que estamos loitando, a diferencia do Goberno anterior, para que os pacientes que derivamos á privada sexan atendidos por persoal do propio centro, ou ben por médicos do Sergas que nós pagamos mediante unha fórmula que consiste en alugar as instalacións da clínica.  Agora estamos vendo os primeiros resultados do noso obxectivo de acortar as listas de espera, pero para ver resultados máis espectaculares hai que seguir traballando.       
O Decreto de Garantías de Tempos Máximos de Espera garantiza que ningún galego teña que esperar máis de 180 días para entrar nun quirófano ¿non é aínda así demasiado tempo para agardar unha operación?
      
Si, efectivamente non é o tempo máis idóneo, aínda que é o que o decreto de garantías do Ministerio estableceu como mínimo. En todo caso, os obxectivos hainos que ir marcando a medida que gañas terreo. Non podes marcarte retos moi optimistas se sabes que non os vas poder afrontar. Por iso hai que ser realistas, e nós non queremos empezar vendendo pompas de xabrón.       
Antes do verán agardan ter un borrador do articulado da nova Lei de Sanidade, ¿en que se diferenciará da actual Losga?
      
Esperamos dispoñer dun borrador para discutir nos consellos consultivos, a fin de levar a nova normativa ó Parlamento a finais de ano. O noso obxectivo é que a sanidade pública galega teña dunha vez por todas unha lei que a consolide e fundamente ben. Queremos, entre outras cousas, que a cidadanía non teña dúbidas acerca da sosteñibilidade do sistema pasen os gobernos que pasen, restablecer medidas de ordenación sanitaria e que a figura do valedor do paciente sexa nomeada polo Parlamento.       
O último barómetro sanitario do CIS feito público en marzo revelou que os galegos están entre os españois máis descontentos coa sanidade pública, ¿sorpréndelle a vostede isto?
      
Ese é un barómetro que reflexa a realidade. Logo de 16 anos de xestión sanitaria do PPdeG esa foi a resposta dos galegos. Non están satisfeitos coa sanidade que se lles deu e a mín paréceme lóxico, eu tampouco o estaría.  Moitas cousas sen facer, xunto cos enganos no referido ás listas de espera, provocaron insatisfaccón nos cidadáns. A xente é adulta e quere saber a realidade, polo que manifesta o seu malestar polo que foi unha verdadeira perda de tempo. Sen embargo, hai que ter presente que o feito de que a xente esté insatisfeita coa sanidade non quere dicir que non a valore, porque eu estou convencida de que os galegos valoran moitísimo o sistema público.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.