noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Ricardo Varela, conselleiro de Traballo
"Este ano chegaremos a un punto de inflexión nos índices de siniestralidade laboral"
• O diálogo social necesita axilidade, pero tamén prudencia para lograr acordos estables
 Xunto ó seu cargo como secretario de Organización do PSdeG, o lucense Ricardo Varela foi nomeado conselleiro de Traballo coa chegada do bipartito ó Goberno da Xunta.       
O seu departamento, creado con parte das competencias da antiga Consellería de Asuntos Sociais, márcase como reto reducir os preto de 180.000 parados rexistrados en Galicia.
Outra das preocupacións pasa por mellorar os índices de temporalidade e de precariedade no mercado laboral da Comunidade.

Nos dous últimos baixou o paro. ¿Satisfeito?       
Por primeira vez prodúcese unha baixada xeneralizada do paro, que se manifesta en tódolos grupos de idade e sexo, e en tódolos sectores e todas as provincias. Hai que valorar de xeito especial o comportamento do emprego femenino e xuvenil, colectivos nos que se produciu un descenso importante. Trátase do descenso máis alto dos últimos catro anos, aínda que segue a ser un problema grave.       
A muller segue acaparando máis do 60 por cento do desemprego...
      
As medidas postas en marcha pola Consellería incentivan por riba de todo a creación de emprego. Dentro delas, as axudas máis cuantiosas se dirixen á creación de emprego estable feminino e xoven porque é unha das nosas principais prioridades.       
No caso dos mozos, tense falado de que o seu departamento non manterá o Plan Labora.
       O Plan Labora requería unha serie de medidas administrativas e burocráticas moi farrgosas que dificultaban o seu funcionamento. Ademais, pretendemos darlle máis peso á inserción laboral nas empresas galegas. O anterior plan estaba adicado case en exclusiva ó sector público, polo que non permitía a contratación.       
Galicia ten un taxa de temporalidade superior ó 35 por cento. ¿Cómo se pode chegar ó obxectivo de baixar do 20 por cento?
      
Nos últimos meses produciuse un lixeiro incremento nos contratos indefinidos, e iso quere decir que timidamente estamos mellorando nesta materia. Pero non se pode baixar a garda, hai que seguir traballando para instalar na nosa sociedade a cultura de que a estabilidade laboral, a experiencia e o oficio dos traballadores é un valor en si mesmo imprescindible para competir. Dixo que controlarían a aquelas empresas que están usando de forma fraudulenta as axudas á contratación indefinida.       
Si, por iso esas axudas requerirán unhas taxas mínimas de estabilidade nas empresas, por riba da media do conxunto das empresas en Galicia ou do sector. Por outra banda, incentivaremos os propios sistemas de control das nosas administracións.       
¿Había picaresca neste tema?       

Non sei se había picaresca ou unha certa laxitud, o certo é que hai empresarios, empresas e traballadores que merecen e deben ter axudas da Administración. Non se poden ver perxudicados por aqueles empresarios que non merecen ter nome. Queremos separar perfectamente a palla do trigo.       
En 2005 morreron máis de cen persoas nos seus traballos.
      
Agardamos que este ano haxa un punto de inflexión, que se cadra xa se ten producido nos últimos dous meses. O número de accidentes laborais mortais en Galicia, ata febreiro, reduciuse nun 50 por cento. Estamos a poñer en marcha un plan estratéxico de saúde laboral, e contemplamos a creación dun organismo autonómo con presenza de empresarios e sindicatos.       
¿E necesario un aumento da inspección de traballo?
      
Hai un compromiso para aumentar os planteis da inspección, porque ata agora eran moi exiguos, nos últimos anos a verdade é que o a oferta de incremento de efectivos foi moi pequeno. Pero no último ano multiplicouse por catro as convocatorias, e en Galicia esperamos que neste ano e no vindeiro se poidan incrementar os planteis.       
¿Cando darán froitos as mesas de diálogo social?
      
Estou convencido de que estas mesas irán dando froitos ó longo do tempo, impulsar emprego e competitividade, imprescindible para manter unhas relacións laborais adecuadas, e o obxectivo é buscar o máximo consenso. Non podemos plantexar o diálogo social como unha cuestión puntual, para chegar acordos concretos, senón a longo prazo, como unha cuestión aberta e permanente.       
¿Significa isto que non hai datas?
      
Eu espero que neste ano se alcancen algúns acordos positivos. Agardo que en materia de seguridade laboral, intermediación, modernización dos servizos de emprego, poderemos ir alcanzando acordos rápidos. En calqueira caso, non será un proceso con metas temporais.        Os sindicatos quéixanse de que o proceso vai moi lento...       
Non son queixas á consellería. Somos o lubricante que trata de engraxar o diálogo social, nalgunhas cuestións somos parte indubidable porque dependen de nós para a negociación, pero os ritmos os marcan os actores das mesas, empresarios e sindicatos. Espero que a axilidade sexa a maior posible, pero ten que ir coa prudencia negociadora para que os acordos sexan estables.       
¿Consegue compatibilizar os seus cargos?       
Son ámbitos de traballo distinto, cada un deles ten o seu tempo, e se hai disposición para adicarlle o tempo que necesita a cada unha desas actividades non representa maior dificultade. Estou satisfeito co traballo que estamos na Consellería e tamén no partido, sobre todo de cara ás vindeiras eleccións municipais.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.