noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural
"Non pasaremos do mes de maio para saber se Galicia terá que pagar multa por supertaxa láctea"
• "Hai persoas que falan de crear un grupo lácteo galego pero cando cando tiñan determinadas responsabilidades non fixeron nada"
 Intensos é a palabra coa que define o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, os oito meses que leva ao frente do seu departamento. De feito, asegura que a súa é unha Consellería "de difícil descanso".  Coa estructura orgánica que lle atribuía competencias en materia de incendios aínda sen publicar no Diario Oficial de Galicia (DOGA) tivo que afrontar, a comezos de agosto, unha das fins de semana máis activas en lumes de todo o verán e que se saldou co falecemento do piloto dunha avioneta contraincedios.  Aos lumes sumáronse, posteriormente, a multa por supertaxa láctea, as vendimas, a folga do transporte e a gripe aviaria. Suárez Canal ten claro que o agro galego require "solucións estructurais" e para eso "non existen variñas máxicas". A solución pasa polo compromiso e o traballo intenso, polo que non se admiten "panos quentes".

A súa chegada tiveron que facer frente á multa por supertaxa e, este ano, coa campaña rematada o 31 de marzo aínda non se sabe se haberá unha nova penalización, ¿que marxe de maniobra ten a Administración autonónica nesta problemática?       
O problema da supertaxa require actuar en múltiples frentes e nun deles estamos actuando, que é o de acadar para Galiza unha producción razoable en función do que representa o sector lácteo galego, das nosas explotacións e das expectativas de producción que pode haber aquí. E importante seguir aspirando a medrar en cuota e en producción, cousa ao que tamén debería aspirar o propio Estado español.       
Parece que o Goberno central non vai a facilitar o incremento de cuota entre os produtores galegos á vista do novo Plan de Reestruturación...
      
No novo borrador hai un cambio relevante respecto dos criterios usados o ano anterior e sen unha explicación moi convincente, porque o Ministerio segue avaliando como positivo o plan do ano pasado. O novo Plan de Reestruturación é un paso atrás para Galiciaa e non é doado de entender que o Ministerio bote por terra os seus propios criterios.       
¿Cando saberemos se este ano hai multa por supertaxa?
      
Aínda que o ano pasado nos enteramos da sanción no mes de agosto, esperamos ter os resultados definitivos moito antes. E probable que tardemos algo porque hai que falar das compensacións, pero penso que nunca iremos máis alá do mes de maio. Grupo lácteo galego Os prezos do leite en orixe siguen xerando conflictos entre produtores e industria lonxe de acadarse un acordo, ¿facilitaría unha solución o feito de contar cun grupo lácteo galego?        Esta é unha vella reivindicación do nacionalismo galego e figura no acordo do actual Goberno da Xunta. Estamos obrigados a traballar nesa dirección por responder a ese pacto, pero tamén hai que ter en conta as circunstancias herdadas. Hoxendía, o sector lácteo depende de empresas cunha representación galega inferior ao 30 por cento e cando chegou o Partido Popular ao poder superaba o 80 por cento. E eso dificulta enormemente a posibilidade de darlle forma a un grupo lácteo. Pensamos que hai que facer os traballos con discreción e que non hai que estar falando deste tema unha e outra vez nos medios de comunicación. Ademais, é curioso que agora están falando persoas que nos últimos anos, a pesar de que tiñan determinada responsabilidade, non fixeron ningún movemento nesa dirección.       
Quizais outra das maiores dificultades sexa o apoio económico...       
Temos que contar co que hai. E unha aposta que está no programa de goberno e intentaremos lograla pero hai que ter en conta aos demais axentes implicados, porque non só pode estar a vontade da Administración galega. O Goberno ten que ser o catalizador necesario para artellar un camiño que acabe producindo resultados.       
¿Continúan mediando entre productores e industria para abordar a cuestión dos prezos do leite en orixe?       
Nestes momentos hai un grupo de traballo funcionando entre industrias e produtores, coa participación da Administración galega, que intenta artellar maior transparencia na relación entre estes dous axentes a través dunha factura homologada. E xa se están producindo resultados porque hai industrias que xa non aplican a penalización por prima de cantidade.
O seu departamento aboga por un cambio estrutural da concepción do medio rural galego, ¿cando se empezarán a notar os primeiros resultados das novas actuacións?       
As circunstancias non se poden mudar da noite para a mañá porque non hai variñas máxicas. Hai que recurrir a actuacións lexislativas e políticas que modifiquen catro cousas: que empece a haber rentas dignas para a xente que vive no rural, que a superficie agraria improdutiva empece a producir e estea ao servizo da xente do agro, complementar con servizos ao medio rural para que vivir alí non sexa unha discriminación engadida sobre calquera outro cidadán e mudar a valorización social da actividade agraria.       
Neste último apartado tamén habería que actuar sobre o propio medio rural para incrementar a súa autoestima...
      
Aí a Administración ten moito que facer porque a xente do medio rural ten que percibir que o Goberno non é un obstáculo para a súa actividade senón un aliado, un compañeiro de viaxe. Temos que ser servidores da actividade agrogandeira e eso téñeno que percibir os produtores, porque desenvolven unha actividade estratéxica e importantísima para o presente e o futuro de Galiza. Estamos nunha terra con especiais características para producir alimentos de calidade en todas as áreas e no mundo urbano hai que entender que eso é un servizo estratéxico para un país.       
Vostede anunciou a creación dun Banco de Terras para recuperar terras incultas e poñelas ao servizo das explotacións, ¿en que fase se atopa a implantación desta figura?  
     
Esperamos que a finais deste ano sexa un instrumento operativo. Non podemos comezar de forma xeralizada en todo o territorio, senón por onde haxa demanda, aínda que tamén queremos estimular esa demanda. Estou convencido de que hai posibilidades de modificar a tendencia e recuperar terras que están abandoadas para producción agraria e forestal. De feito, imos poñer en marcha proxectos pilotos orientados a aproveitar a multifuncionalidade do medio rural para que a pasisaxe do noso territorio vaia mudando e empece a verse máis superficie ordenada e cultivada.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.