noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Ricardo Varela, conselleiro de Traballo:
"Nun ano debería notarse que se están corrixindo as curvas negativas na incorporación da muller ao mercado laboral"


"Os que teñen máis impaciencia ante o diálogo social son os que non o practicaron nunca e non entenden o que é"

Unha das medidas máis destacables das anunciadas pola Consellería de Traballo é a subvención dun 50 por cento das cotizacións á Seguridade Social das persoas que son cotitulares de explotacións agrogandeiras, "tanto homes como mulleres", puntualiza o titular deste departamento, Ricardo Varela.       
Estas axudas, que saen publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOGA) de hoxe, son para aqueles cotitulares menores de 40 anos que se animen a cotizar. A Xunta aportará o 20 por cento da cuantía, mentres que o Ministerio de Traballo achegará o 30 por cento.       
O conselleiro apunta que a maior parte dos beneficiarios serán mulleres, xa que cando os recursos dunha explotación non permiten que haxa dúas persoas cotizando "son as mulleres as que levan a peor parte".

¿Que cuantía aportará a Consellería de Traballo inicialmente para subvencionar a cotizacións dos cotitulares das explotacións agrogandeiras?       
Calculamos que inicialmente precisaremos unha partida dun millón de euros, que serán ampliables en función das necesidades ou das demandas que se vaian producindo.       
¿Cantas persoas poderían acollerse a esta orde de axudas?
      
As mulleres que poderían beneficiarse desta axuda poderían ser unhas 10.000. Pero hai que ter en conta que esta incorporación será gradual e progresiva ao longo dos próximos anos. De feito, será despois do cuatrienio da lexislatura cando poderemos analizar e ver cantas mulleres e homes se incorporan.       
Hai un colectivo moi importante de cotitulares que por ser maiores de 40 anos quedan fóra desta axuda, ¿teñen pensado poñer en marcha algunha outra iniciativa para favorecer a estas persoas?  
Queremos ver o nivel de demanda e logo, se fora posible, faríamos unha ampliación da idade, sempre que os recursos permitiran esa ampliación. O espazo natural para analizar a medida son os catro anos da lexislatura e será entón cando determinaremos se a axuda require dalgunha modificación ou adaptación de xeito que poida ser máis ampla ou chegar dun xeito máis eficaz.
Na direción de favorecer a incorporación das mulleres ao mercado laboral, ¿como están incluindo as perspectivas de xénero no diálogo social?       
A perspectiva de xénero está contemplada no guión do diálogo social e no conxunto das mesas de xeito transversal. Aínda así é certo que afecta máis en determinados ámbitos de negociación como a formación, a inserción profesional, as medidas de fomento do emprego ou a seguridade e a saúde laboral.  
¿Cando se empezarán a notar os primeiros efectos das políticas postas en marcha pola Consellería para mellorar a situación laboral das mulleres?       
Deberían ter reflexo inmediato nalgunhas actuacións como, por exemplo, en materia de formación, sobre todo en actividades nas que a muller está subrepresentada. E penso que nun ano debería notarse que se están corrixindo as curvas negativas en canto á incorporación da muller no mercado de traballo.  
     
Diálogo social      
¿Mantense a previsión de acadar os primeiros acordos do diálogo social neste ano?
      
Si, esperamos que se dean este ano. De todos xeitos, o diálogo social é un proceso aberto e permanente, non ten unha data de caducidade. Hai que ter en conta que debemos modificar unha cultura de administración laboral de Galicia na que se dirixía dende a Xunta sen debatir cos axentes económicos e sociais.       
¿Pódese facer entón unha chamada á paciencia a aquelas voces que din que este proceso vai con retraso?       
O ritmo márcano os interlocutores sociais e estamos ante un proceso que trancorre cunha axilidade normal se analizamos os procesos de diálogo social doutras comunidades. Dáme a sensación de que os que teñen máis impaciencia no diálogo social son os que non o practicaron nunca, nunca creron nel e, polo tanto, non entenden o que é.       
¿En que dirección irán os primeiros froitos?       
Os primeiros resultados penso que son os que fan referencia ás cuestións da seguridade laboral, onde hai que facer un esforzo de celeridade; políticas de fomento do emprego; formulación do Consello Galego de Relacións Laborais; e representación institucional de empresarios e sindicatos ante a Administración. .

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.