noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Faustina Solloso. Mariscadora e Patrona Maior:
"Ata o 95 non soubemos o que era mariscar dignamente"


En Galicia hai moitas mariscadoras e moi poucas patronas de confraría. Faustina Solloso, de 53 anos, ten esa dobre condición. Baixa á praia desque era unha cativa e declárase orgullosa deste oficio. Faustina é patrona maior da confraría do Vicedo (Lugo) e vicepresidenta da Federación de Confrarías de Galicia desde hai dez anos. Un tempo no que lle tocou vivir a profesionalización do marisqueo.    
 
¿Mariscar vénlle de familia?       
E por herdanza familiar e por vocación. Meus pais eran mariscadores os dous. Antes íase mariscar tamén de noite, saiamos aos longueiróns e eu termáballe do farol a meus pais. Era unha tradición, xuntabámonos unha chea de xente e todo o mundo levaba os fillos para que alumaran co farol. Un vaise encariñando co mar, e eu ademais son muller de mariñeiro. O mar hai que querelo e amalo, e se o queres e o amas tamén o sentes.  Xa lembra tempos nos que o marisco estaba máis barato        (Sorrí) Si. E tempos nos que había tanto berberecho, e non había a quen venderllo, que se tiraba da ponte embaixo. Nunha hora igual se collían corenta quilos de berberecho. ¡Oxalá que volveran os tempos de recuperar os bancos!       
Teñen vostedes unha vantaxe respecto á pesca extractiva: poden sementar, e o que sementa recolle.
      
E certo. O que pasa é que hai moi pouco marisco criado aquí. A maior parte do que se sementa vén de fóra: ameixa xaponesa, ameixa fina de Túnez. Trae rexistro de sanidade, pero ás veces chega como chega. E triste que as 42 mariscadoras do Vicedo levemos un ano sen poder mariscar. Un ano sen coller nada, e mentres tanto temos que afrontar algo polo que pelexamos moito as mariscadoras: a cotización á Seguridade Social.       
¿A que se debe esta parada?       
A que non temos recursos. Eu tiña moita esperanza na coquina, por termos aquí o proxecto piloto de minicriadoiro da Consellería de Pesca. O primeiro ano funcionou perfectamente, con máis dun millón de unidades sementadas. O sorprendente foi que en 2005 morreron todos os desoves e non puidemos sementar nada. Fóronse buscar reprodutores, desovaron e agora temos que esperar. E un compás de espera triste. Algunha xente está pensando en xubilarse, ou busca traballo noutras partes. Somos persoas de arredor de 50 anos. ¿A onde imos ir?        ¿Foi un erro traer especies foráneas?       
E que non houbo outro remedio. O noso marisco esgotouse, non sabemos os motivos, e para poder repoboar hai que traer de fóra.       
O oficio de mariscadora chegou a estar mal visto.       
Mal visto, si. ¡Téñennos chamado ata mortas de fame! Eran outros tempos. Nosoutras somos mulleres traballadoras que queremos loitar polo noso. Houbo un tempo no que iamos cando certas persoas querían. Non sabiamos o que era mariscar dignamente.A partir do ano 95, cando os primeiros 'Encontros de Mariscadoras', a Administración decidiu que nos ía botar un man. Entón empezamos a facer agrupacións nas confrarías e empezaron a explicarnos que épocas eran boas para mariscar, o que era un plan de explotación... Nós descoñeciamos todo eso.       
Mariscábase cando cadraba.       
Cando a certa persoa lle interesaba.       
¿Que era esa "certa persoa", unha especie de patrón?       
Si. E organizaba o marisqueo segundo lle conviña. A Administración dixo que nos tiñamos que rebelar. Rebelámonos e constituíuse unha agrupación de mariscadoras. Tivemos dous soportes moi importantes, dúas mulleres moi decididas: Maricarmen e Fina, mariscadoras do Vicedo. Foron a presidenta e a vicepresidenta da agrupación, e alí loitaron contra vento e marea.
Por tradición, o seu é un oficio de mulleres.       
Hai dez anos aínda había aquí homes que se dedicaban ao marisqueo. Desgraciadamente, xa morreron. No Vicedo somos todas mulleres, pero pola parte de Pontevedra e da Coruña hai moito home mariscador. Máis ben mariscadores de a flote.       
Estar na praia como están vostedes é unha malleira para o corpo, ¿non si?       
Si, porque se fai na peor época do ano: de outubro a marzo. Hai temporais, hai xeadas fortes... A maior parte de nós temos problemas de artrose ou de reuma. Temos que andar moi dobradas e moi molladas. Subvenciónannos os traxes de augas, pero o frío entra no corpo. Mentres un é novo non o nota tanto, pero a medida que van pasando os anos o corpo reséntese.       
¿Recomendaríalle a unha filla que se fixera mariscadora?       
¿E por que non? Non teño filla, teño fillo, pero se o meu fillo decidira por vontade propia ser mariscador non me importaría. E unha profesión digna e honrada, coma calquera outra. Eu síntome orgullosa dela.       
Pero non hai novas xeracións no marisqueo.
      
Non hai, non, escapan diso. Nin queren sequera ir ao mar. Antes, cando un rapaz tiña 16 anos, xa sacaba a libreta de navegación. Primeiro, porque querían ir á mili polo mar. E había aquela cousa de dicir que tiñan a libreta e podían enrolarse. Agora, non sei, será porque os pais non llelo inculcamos. O meu fillo ten a libreta e eu síntome orgullosa. Está facendo o proxecto da carreira, pero non me importaría que fose ao mar.       
¿Como chegou vostede a patrona maior do Vicedo?       
Un día que estabamos a mariscar na praia da Abrela dixéronme que ía haber as eleccións na confraría. E presenteime. Eu descoñecía totalmente o que era ser patrón maior. E estaba o tema do recoñecemento, porque o mundo do mar...é moi machista. E moi machista. Afortunadamente, agora non tanto, pero naquel momento, hai dez anos, era moi machista. Estaba mal visto que unha muller estivera ao mando dunha confraría. Daquela había patronas maiores en Lourizán e en Barallobre. Eu tiven a sorte de que me apoiaran os compañeiros, que así lles chamo aos patróns maiores das confrarías de Lugo.       
Como patrona, ¿que lle pide á Administración?
      
Aquí non tiñamos nada cando chegamos. Subvencionáronnos unha cámara frigorífica para a carnada. Conseguirmos unhas casetas dignas para os mariñeiros, que as de antes eran propias do terceiro mundo. E temos galpón para as redes, carro varadoiro... Pero o que me doe é que hai un plan de portos no que cada confraría pide o que precisa, e nós tiñamos un compromiso asinado coa anterior consellería e non nolo dan. Nós queremos eses cartos para cultivar as nosas praias e poñelas a producir. Falan de dragar, pero as dragas estragan o medio ambiente.       
¿Ialles mellor coa Xunta do PP?       
A min dáme igual que cor estea na Administración. As cousas políticas non se deben meter nun organismo sen ánimo de lucro como é a confraría. Na confraría están todas as cores e ti non podes tratar á xente de maneira distinta por ter distinta ideoloxía a ti.       
Vostede é concelleira do PP no Vicedo.       
Son concelleira do Medio Mariño e de Protección Civil. Pero o tema do Concello trátase no Concello. A confraría é un estamento diferente. Eu creo que a anterior Administración, sería porque estivo máis tempo, atendíanos doutra maneira. No tempo que levamos coa nova Xunta estamos coma o primeiro día ou peor. Están empezando, claro. Hai que darlles un tempo.        ¿O seu traballo non lles rendería máis se vendesen directamente?       
As confrarías pequenas non podemos facer venda directa, teriamos que ter unha capitalización grande, pero si que podemos evitar intermediarios, que son os que levan a suor do traballador. Nós recollemos o produto na praia e facemos unha poxa na que poñemos un prezo mínimo. Se non se pode vender hoxe, venderase mañá. Sempre se vendeu todo na primeira poxa, e ademais o compromiso do comprador é facerse responsable de recoller o de toda a semana. Evitamos a persoa que facía de intermediaria e levamos directamente o marisco á depuradora.       
¿Aínda quedan furtivos?       
Algún hai, si, e non é posible integralos. Terían que someterse a un réxime ao que nós estamos afeitas. O que é furtivo non respecta esas normas, igual que conductor que é tolo na estrada, que o multan e pasa de todo.       
¿Os furtivos andan así por necesidade?       
Pois non o sei. Algún porque o fixo toda a vida. Outros igual por necesidade, non o sei. Pero se é por necesidade non fai falta ser furtivo. Pódese buscar emprego no mar, está vindo xente de fóra porque aquí non hai quen queira ir. Eso é máis digno que sacarlle o pan aos que traballan, porque o furtivo nin paga á Facenda nin á Seguridade Social nin a nada.       
Tería algún rifirrafe con eles.       
Cando as mulleres entramos na confraría vixiabamos pola noite. Anque sempre tivemos vixilancia polo día, quen mellor pode vixiar a casa é o propietario. O mar é de todos, pero nós vixiabamos os nosos bancos.       
¿Bota en falta baixar a praia?
      
A campaña abre en outubro, e coa asistencia técnica que temos na confraría esperemos que de aquí a alá... Que na primeira semana de outubro volvamos traballar, ser as persoas que somos.       
Por certo, ¿góstalle o marisco?       
Góstame, pero non podemos acceder a el. Ten uns prezos desorbitados e non nos podemos permitir ese luxo. O mariñeiro tampouco come a robaliza, que é exquisita. Leva o que está picado, o que non ten venda. ¿E nós cando probamos o marisco? Pois no Nadal, un día ao ano.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.