|
Laura Bugallo, sindicalista e muller "trans":
"Os
"trans" temos que romper con todo para reconstruírnos de volta"
Non a todas as persoas lles vén asignado de nacemento o seu xénero.
Laura Bugallo pertence ao colectivo de mulleres que tivo que conquistalo.
A súa foi a primeira sentenza xudicial de cambio de sexo en Galicia.
Un itinerario difícil no que a discriminación feminina abrolla dun
xeito aínda máis rotundo. Politóloga, nacida en Compostela hai 42
anos, Laura Bugallo trahalla na CIG desde hai 13. Atende a oficina
de Inmigración.
¿Cando te decataches de que eras unha muller?
Resposta.-A unha idade moi temperá. Non sabería dicirche... Hai
relatos na familia, de cando aínda era unha nena.
A sensación que describen os que queren reasignar o seu sexo
é de estar atrapados nun corpo alleo.
Esa experiencia, cambiando as palabras, está como sentimento en
todas as persoas que coñezo. Sobre todo, en canto que o corpo representa
un mundo de relacións sociais.
¿En que momento asumes que o teu sexo é un problema que tes que
solventar?
Tiña xa unha idade media, 30 anos. Claro, os cambios son máis difíciles.
Tes moitas relacións sociais, o teu mundo está feito a nivel laboral,
remataches a parte académica... E unha muller 'trans' pode ter maiores
complicacións. No mundo laboral a reacción pode ser un despedimento.
Improcedente, pero, ao fin e ao cabo, un despedimento. O que sucedía
moito, antes máis que agora, é que as mulleres trans acababan na
prostitución nunha alta porcentaxe.
E hai 13 anos as cousas non eran tan doadas.
Claro, non había tanta información. Ademais, nos medios de comunicación,
na televisión sobre todo, dábase unha imaxe esperpéntica dos trans.
A min lembrábame un circo romano onde se exhibían as bestas. E así
nos trataban, como a bestas. Coma persoas con algunha tara mental,
con todo o respecto para as persoas que poidan ter algunha enfermidade
de carácter psiquiátrico.
Parece mentira, ¿non? Falas dos anos 80.
Claro, pero hai que pensar que ata os anos 70 esto que se chama
disforia de xénero, que así aparecía no Libro Branco de Psiquiatría,
era unha enfermidade pola que as persoas debían ser ingresadas en
centros psiquiátricos. Todo é moi recente. O PSOE de Felipe González
non foi suficientemente valente. Houbo unha lei de sanidade de Angeles
Amador na que figuraba que a atención á transexualidade só se daría
nos casos nos que se diagnosticaba hermafroditismo conxénito. Esto
pódese dar, pero en todo caso xa é bastante duro todo este proceso
como para que, por riba, teñas que facer un mapa cromosómico.
Ademais pensábase que o problema era moito máis minoritario do que
en realidade é. Naquel momento establecíase unha ratio
de 1 persoa cada 30.000. Dá igual, as estatísticas nunca son de
todo certas. Non é algo tan frecuente, pero cada vez son máis os
que van saíndo do armario. As persoas gais e lésbicas comentan que
a nosa saída do armario é radical. Ao fin e ao cabo, tamén con todo
cariño para esas persoas, eles non teñen que romper con todo. Nós
si que temos que facelo, para reconstruírnos de volta.
¿O feito de estar en Galicia significou unha dificultade engadida
para ti?
Non, non. Contrariamente ao estereotipo de que este pode ser un
sitio conservador, é todo o contrario. No mundo de Compostela o
meu proceso foi positivo e levadeiro. Con pequenos encontros, ás
veces con algo de violencia verbal ou física. Pero cando sabes que
tes que ir por un determinado camiño, tes unha forza inusitada..
Sabes que vas chegar. E chegas. Os procesos son máis difíciles cando
se dan en realidades máis hostís. Por exemplo, no mundo rural. Non
polas persoas do medio rural, senón porque a posibilidade de información
alí é máis limitada.
Ti fuches a primeira galega 'trans'.
A nivel de sentenza xudicial, si. A miña sentenza foi a primeira
en Galicia, pero xa había outros casos noutras partes do Estado.
Se fixeramos unha pescuda na xurisprudencia española atopamos un
caso semellante en 1957, o que pasa é que non se falaba nestes termos.
Pasou desapercibido. Coa nova lei, a Lei de Identidade de Xénero,
xa non haberá necesidade de sentenzas xudiciais.
¿Tedes moitas esperanzas postas nesa norma?
Sempre que hai unha lei haberá persoas que queden fóra, pero en
xeral é algo que vai axudar, como axudaron outras leis de minorías
_ou de maiorías silenciosas_, caso da do matrimonio homosexual.
¿Que pasa? Que eu sei de casos de mulleres trans inmigrantes que
non van entrar nesta lei, e van ter que seguir vivindo cun documento
de estranxería que non representa á persoa que eu teño diante. A
Lei é un avance, pero non podemos dicir que estea todo feito.
¿Como foi de complexo o teu proceso civil de cambio de identidade?
Antes había que ir a un xuízo contra a Dirección Xeral de Rexistros
e Notariado, facer unha serie de peritaxes... Era un proceso que
levaba seis meses, o que pasa é que tiñas que ter moita voracidade
en conseguir todas as probas que che esixían. Eso agora non vi ser
así, vai haber unha peritaxe, pero a nivel físico, para comprobar
que a persoa que di chamarse María ten unha aparencia morfolóxica
de muller.
Alén dos papeis está todo o entorno laboral, afectivo, familiar...
Todo eso muda, si. Pero decátaste de que as persoas que te queren
van seguir queréndote. E, sobre todo, queda patente que as mulleres
trans poñemos enriba da mesa a discriminación que existe na nosa
sociedade cara ás mulleres. Hai persoas que teñen unha profesión
de arquitectura ou enxeñería, antes os proxectos valían porque eran
eles e agora que son elas o concepto de "igual traballo, igual salario"
non se cumpre. Así que o traballo sindical é moi importante no tema
da transexualidade.
E dicir, que se a muller está discriminada laboralmente, a muller
transexual estao aínda máis. A escritora e feminista María Xosé
Queizán falaba de como conscientemente pasas dun vagón onde podías
exercer o poder, polo feito de ser home, a un segundo vagón. Nalgúns
casos non pasas a un segundo vagón, pasas ao vagón de cola. Non
se trata tanto de respecto como de xustiza. E xusto que cada persoa
poida existir, e as persoas trans reclamamos existir como tales.
¿Hai máis discriminación cara á muller 'trans' que cara ao home
'trans'?
Eso dáse porque, en xeral, a medicación da terapia de substitución
hormonal dos homes trans é moito máis rápida. As hormonas masculinas
actúan moito máis rapidamente cás femininas. Os homes trans, en
xeral, soportan moitas menos agresións.
¿A transformación cirúrxica é importante para un 'trans'?
Non. A transformación cirúrxica dáse nalgúns casos e noutros non.
Pensemos que non hai só dous conceptos, o de muller e o de home,
senón todo un continuum entre ambos. Hai moitas maneiras de ser
muller e moitas maneiras de ser home. Esto vén dentro da teoría
queer, os chamados por Judy Butler "fodedores de xénero", os que
xogan a deconstruír eses constructos que son os xéneros.
De todos os xeitos, para o voso colectivo é un problema que a Seguridade
Social só financie operacións de cambio de sexo en Málaga.
A volta do verán farase en Galicia unha nova proposta. Aínda que
aquí non temos quizais todas as posibilidades, si que se trata de
abrir o debate. O gasto económico sería moi baixo. Non se trata
de instalar un novo quirófano, senón de reempregar os que xa existen.
Ademais hai médicos e enfermeiras que están preparados e ofrecen
todas as garantías de facelo ben. P.-¿Hai un protocolo serio
e ben establecido para avaliar a necesidade de reasignación sexual?
E que a avaliación non pode vir de fóra, ten que saír da propia
persoa. O que hai que garantir é que a persoa sexa consciente da
súa determinación. Por outra banda, no chamado test da vida real,
cando a persoa comeza a dar os pasos para cambiar a propia identidade,
se non o ten claro vai tirar a toalla enseguida. Non é doado nesta
sociedade. Déronse casos nos que as persoas se sentiron arrepentidas,
pero moi poucos. Non foi tanto que se arrepentisen de ser mulleres,
senón que ao mellor non desexaban facer as operacións. Sentíanse
ben sendo mulleres con algún elemento masculino.
Cando se contempla o movemento agora chamado LGBT (lesbianas, gais,
bisexuais e transexuais), dá a impresión de que os transexuais sodes
o patio traseiro. ¿E así?
Non, non. Pensa que hai persoas trans que participan tamén dos outros
colectivos. Todo está mesturado, E, por outra banda, este ano en
case todo o Estado, tamén en Galicia, os grupos LGBT dan unha preponderancia
ao movemento trans pola consecución da nova legislación, que non
é só un logro dos grupos LGBT senón da sociedade no seu conxunto.
¿Es feliz?
Moi feliz. Moi, moi feliz. Cada ano é mellor. Cos problemas de calquera
outra persoa, tirando para adiante, tentando que se nos respecte...
Manteño un pouco de militancia, pero non unha militancia que me
poida levar a destruírme.
Prefires que te vexan como unha muller e punto.
Que me vexan como Laura. Laura é muller, é politóloga, é pedagoga,
é mestra, amiga das súas amigas e dos seus amigos... E moito máis
que muller trans. Hai mil elementos máis coma para que vaia pola
rúa e me digan: trans. A definición cun só corsé non serve. Para
ningunha persoa.
|