|
Santiago Lago, profesor de Economía Aplicada de la Universidade
de Vigo:
"Os
concellos de Galicia están afogados financeiramente e dependen moito
de subvencións e de transferencias "
"Hai que buscar a mellor fórmula para prestar
os servizos públicos: desde o ámbito autonómico, local ou a supramunicipalidade"
¿Como valoraría a situación financeira dos concellos de Galicia
na actualidade?
O primeiro que hai que salientar é o baixo nivel de recursos per
cápita dos concellos galegos en comparación co resto de España e
de comunidades autónomas. Sobre todo se deixamos fóra as sete cidades,
que si son comparables e equiparables a cidades do seu tamaño. A
norma para os cerca de 300 concellos de Galicia é dun nivel de recursos
moi baixo, pouco máis da metade da media española.
¿Os servizos públicos vénse influenciados por ese baixo nivel de
recursos dos concellos?
En Galicia os galegos teñen uns servizos públicos locais inferiores
e peores que no resto do territorio español. Do mesmo xeito que
non temos unha Sanidade ou unha Educación peor si temos en xeral
uns servizos públicos locais máis frouxos, porque temos menos recursos
por habitante, o que incrementa o seu custe.
Entón, ¿pódese falar dunha peor atención nos servizos públicos dos
concellos galegos que no resto dos do Estado?
Os servizos locais típicos, de sumidoiros, alumeado público, rede
de augas ou de transporte público son moito máis caros debido a
un espallamento tan extraordinario como é o galego. Hai que lembrar
que en Galicia aglutina máis da metade dos núcleos de poboación
de toda España. Falamos de 30.000 núcleos de poboación e de servizos
en rede o que son o máis caro. Debido a menor dispoñibilidade de
fondos e carestía dos servizos, comoo resultado estes son moito
peores, no sentido de que sigue a haber moitas vivendas en Galicia
que non teñen auga da traída, sumidoiros ou que contan con alumeados
públicos defectuosos, falta de beirarrúas, ou un transporte público
defectuoso.
¿A que se debe esta escasez de recursos das Administracións locais?
Ter menos recursos por habitantes pode ter dúas causas, que se acheguen
menos recursos en transferencias ou subvencións ou que se tañan
tributos máis baixos nas taxas do lixo e da auga, das contribucións
especiais. Os impostos locais de Galicia, como o de circulación
de vehículos, son máis baixos que no conxunto do Estado. A realidade
é que sobre todo é un problema de tributos. Tamén é certo que as
transferencias que fai a Administración central son algo máis baixas
porque en Galicia se fai pouco esforzo fiscal no eido local. Esa
menor actividade financeira dos concellos galegos ten que ver cos
tributos, que noutra parte de España aportan máis da metade dos
recursos mentres que aquí non se chega ao 20 por cento dos recursos.
¿Como fan os concellos medianos e pequenos para sobrevivir se
non aumentan a carga impositiva?
A situación é de infrafinanciamento o que quere dicir que a maioría
teñen problemas de endebedamento, non gravísimos pero importantes
á hora da prestación e da calidade dos servizos. A realidade é que
os concellos están afogados financeiramente e dependen moito de
subvencións e de transferencias. No pasado abusouse de subvencións,
ao nivel da comunidade autónoma, o que é perigoso, porque son discrecionais
e pódesllas dar a un concello e a outros non co que se crean situacións
de agravio comparativo moi importante. Se financias a un concello
non axudas a outro.
Ultimamente alértase do progresivo despoboamento do medio rural,
¿como repercute este fenómeno nas Administracións locais?
Pode crear retos nos concellos porque se hai menos poboación, caen
os recursos pero eso non implica deixar de prestar servizos en concellos
que teñan unha gran superficie, como é o caso da Fonsagrada ou da
Estrada. O despoboamento reduce a base de ingresos do concello e
os gastos non se reducen tanto como os ingresos.
Solucións
¿Cales son as principais solucións de cara a incrementar a autonomía
financeira dos concellos?
No incremento dos recursos dos concellos, hai moitas cuestións abertas
como o Pacto Local, que é un bo instrumento. E un paso adiante para
avanzar na suficiencia financeira dos concellos, e de tal xeito
que incentivemos que asuman máis responsabilidade fiscal. Esto pódese
facer condicionando mellor a transmisión de medidas e transferencias
ao esforzo fiscal que estean dispostos a facer os concellos. Habería
que premiar a aqueles dispostos a facer maior esforzo fiscal mediante
a percepción de máis transferencias. Sen embargo, a capacidade de
xestión e financeira de todos os concellos non é a mesma. Hai que
avaliar que servizos son mellor prestados desde o ámbito autonómico,
local, no contexto da supramunicipalidade, das áreas metropolitanas
ou fórmulas variadas. Non para todos os servizos a fórmula é a mesma.
Hai que ir combinando as distintas fórmulas para o obxectivo final:
o benestar do cidadán co menor custe posible, a maximización dos
recursos. E para iso hai que ter unha certa imaxinación nas fórmulas
de prestación de servizos.
¿Estas medidas recolleranse no novo Estatuto de Autonomía de Galicia?
No Estatuto hai que falar desas cuestións pero hai que ter en conta
que é unha lei marco que non vai ir polo miúdo regulando esas cuestións.
Primeiro haberá que pensar que queremos para que o Estatuto defina
un modelo que non mude cada catro anos. Falouse moito
neste último ano sobre o futuro das Deputacións Provinciais, ¿cal
debe ser o seu papel, ao seu xuízo?
Os ingresos das Deputacións débense a transferencias do Estado e
da Administración autonómica. Son entes con moi pouca responsabilidade
fiscal e non teñen recursos propios. Eso é xa un problema porque
hai que camiñar cara unha situación en que cada Goberno sexa responsable
do que gasta. Está en dúbida ademais o seu modelo de selección xa
que non é unha democracia directa. Non obstante a lei é moi aberta
e di que as Deputacións están aí para axudar aos concellos, que
sería a súa función. Sobre o seu futuro penso que hai que
poñer o acento na necesidade de buscar actuacións de apoio aos concellos,
unha función que é posible para as Deputacións, que xa fan parcialmente
e que habería que reforzar.
|