noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta:
"Farei o que teña que facer para meter ao PP no bote do Estatuto"


"Nós estamos dispostos a axudar a Feijoo a romper as cadeas con Madrid"

Exhibe planta de dianteiro centro peleón e discurso pausado de seminarista. Non é de estrañar, pois Anxo Quintana (Allariz, 1959), antes de catapultar ao BNG por primeira vez ao poder, fixo os seus 'pinitos' no fútbol e enchoupouse dos ensinos dos xesuítas en Vigo. Agora, a punto de cumprir un ano na Vicepresidencia da Xunta, trata de marcarlle un gol a Alberto Núñez Feijoo -e de rebote ao seu socio Emilio Pérez Touriño- invitándoo a aceptar o termo nación no Estatuto a cambio de apoiar a proposta de financiamento do PPdeG. E un debate no que non quere ser convidado de pedra: "Farei o que teña que facer para meter ao PP no bote, e que Galicia teña o Estatuto que merece", asegura.      


Como bo dianteiro centro que din que foi, quixo marcarlle un gol pola escuadra a Feijoo, e de paso a Touriño, ao ofrecerlle ceder na cuestión do financiamento a cambio de aceptar o termo nación no Estatuto. ¿Para o BNG, é irrenunciable a cuestión identitaria?       
Eu teño unha estratexia: a cada problema, unha solución. Nin condicións nin bloqueos. Os líderes estamos para inventar solucións; o líder mudo non é o meu modelo de líder. O acordo BNG-PSdeG foi un gran paso. Non descansarei ata sumar ao PP, e farei o que teña que facer para metelo no bote, e que Galiza teña o Estatuto que merece. A redacción dun novo Estatuto, eu creo que non podemos pechala en termos de renuncia, en termos de perda, senón en termos de ganancia e en termos construtivos, para ter un proxecto ambicioso dun Estatuto de nación. Eu non pretendo meter goles, eu o que pretendo é exercer a miña responsabilidade. O que teño comprobado nestes días é que o señor Feijoo estaba tremendamente preocupado polo financiamento e moi pouco preocupado polas cuestións de definición de Galicia, e teño ofertado un acordo razoable que é coller o seu modelo de financiamento, que é mellorable, como punto de partida, xa que el non considera importante a cuestión de definición e eu si.       
¿Tan importantes son as palabras?       
Non é só cuestión de palabras. Non é unha cuestión nominalista, que é unha cuestión moi importante, porque considero que o recoñecemento nacional de Galicia vai ter repercusións sociais, políticas e económicas evidentes. Temos que ofrecer solucións, dar a cara, e lamento que o señor Feijoo non teña contestado á miña proposta. Creo que a política do Partido Popular de tirar a pedra e esconder a man non é a axeitada. Empezo a preguntarme se non me equivoquei. Tiña que terlla feito a Mariano Rajoy, porque Núñez Feijoo proba día a día que non é o líder que o PP galego necesita.       
Os que lle contestaron foron os seus socios, pero con patadas nas canelas.       
Eu repito que creo que, neste momento, para que teñamos un Estatuto ambicioso, un Estatuto de nación, téñense que dar tres realidades. Unha, que os líderes políticos sumemos a nosa responsabilidade e deamos iniciativas. Unha segunda é que a relatorio conxunto traballe como o está facendo. E hai unha terceira, que é que a sociedade participe, para que non padezamos unha nova aldraxe.       
¿E se o PPdeG non pasa polo aro?       
Eu creo que o Partido Popular está seguindo unha estratexia, para min cada día máis evidente, de intentar que Galicia acabe tendo un Estatuto de segunda división, pero, ao mesmo tempo, que a sociedade galega non se dea conta. A iso se debe que alardeen de que, para eles, a cuestión das palabras non é importante, pero que despois fagan causa de que Galicia non teña o recoñecemento nacional que lle corresponde. A isto se debe que coloque como cuestión fundamental o financiamento, pero cando se lle pregunta se acepta esa proposta mira para outro lado e esconde a cabeza. A iso se debe que presente no Parlamento a 'bombo e platillo' unha gran proposta como unha auténtica novidade e despois comprobemos que, abertas as páxinas desa proposta, non sexa nada novo, senón unha proposta de segunda man, a mesma que xa utilizou en Valencia e en Baleares, e sen dúbida utilizará en Murcia, La Rioja e Madrid. Eu vexo falta de liderado do señor Feijoo, vexo falta de capacidade para tomar decisións, e, sobre todo, sen ter que pedir permiso a Rajoy, Acebes e Zaplana. Nós estamos dispostos a axudalo a romper esas cadeas que o unen con Madrid, e por iso fago propostas construtivas.       
¿Talvez o pacto de mínimos entre BNG e PSOE deixou ao PP con pouca marxe de manobra?.
O problema que ten o Partido Popular é que agora chegou o momento da definición, e agora xa non vale só criticar aos demais. Un ten que dicir o que quere para Galicia. Ata agora, ao Partido Popular, que non tiña proposta, bastáballe con dicir que as forzas políticas que sustentan o Goberno non se poñían de acordo entre si. Como agora as forzas políticas que sustentan o Goberno teñen un acordo de mínimos, o PP queda sen argumentos. Esa é a grande bondade do acordo de mínimos acadado.       
¿Contan xa con garantías do 'Goberno amigo' de Touriño de que o acordo de financiamento que saia de Galicia vai ser asumido en Madrid?       
Eu creo que non podemos contar nin con 'gobernos amigos', nin con 'gobernos inimigos', o que temos é que contar e reclamar respecto institucional. Eu estou convencido de que se en Galicia facemos un Estatuto de nación, un Estatuto ambicioso, cun modelo de financiamento xusto, que nos reporte suficiencia e autonomía financeira e marque por lei o que ten que ser a inversión do Estado en Galicia para os próximos anos, se conseguimos facelo así, é imposible debater en Madrid.       
¿Quedará algunha vítima no chan, como lle ocurreu a Maragall?       
Eu espero que non. Dende logo, non entendo o debate do Estatuto como unha guerra na que ten que haber vencedores e vencidos. Eu quero e espero un debate do Estatuto pensando en Galicia, nos galegos e nas galegas, e no que todos saiamos vencedores. O proceso ten que rematar nun referendo en Galicia que sexa histórico en participación e en aceptación, como sinónimo da aposta do pobo galego polo seu autogoberno.       
¿Contempla a posibilidade de que non se aprobe?       
A día de hoxe, estou convencido de que hai marxe para o acordo.       

Bipartito       
¿Quen incordia máis: os seus xemelgos ou os socios do bipartito?       
Ningún dos dous. Os xemelgos fan o que teñen que facer: medrar. Dan algún traballo, como é normal. E os socios, traballan no mesmo Goberno con responsabilidade, que foi o noso compromiso cos galegos. O nacionalismo sempre cumpre as súas palabras, e nós temos un compromiso cos cidadáns galegos de formar un Goberno estable e eficaz.       
As veces saltan chispas entre conselleiros do BNG e do PSOE.       
Eu penso que se fai unha lectura disto, que é normal que se produza, porque sempre son moito máis noticia, por exemplo, as discrepancias ca os múltiples encontros. Creo que non é a tónica habitual do Goberno. O que sucede é que en todo Goberno, sexa de coalición ou monocolor, hai sempre un celo de cara á conservación das competencias propias. E ao que temos asistido hai ben poucas semanas no Goberno do Estado, que é un Goberno monocolor, no que diferentes departamentos se disputan competencias. Isto é consubstancial nun Goberno. E un dos temas onde hai unha asociación de estratexias dispar é o do canon das eléctricas polo aproveitamento de recursos en Galicia.       
¿Cal é a súa postura?       
R- son favorable, como sempre fun, a que os galegos sexamos os primeiros beneficiarios nos recursos que Galicia ten. O nacionalismo sempre o defendeu, e eu teño unha enorme satisfacción porque, a día de hoxe, non o defende só o nacionalismo, senón tódalas forzas políticas. Hai ben pouco tempo non era así. Cando o nacionalismo defendía isto recibiamos improperios e mesmo insultos. Eu non vexo unha disputa entre as diferentes fórmulas que se están presentando, senón unha complementariedade, que é sempre saudable.       
Supoño que falará a miúdo deste asunto con Touriño. ¿Que opina o presidente?       
Touriño é o presidente do Goberno, e polo tanto é responsable de tódalas decisións de todos e cada un dos departamentos. Coñéceas, deféndeas e valóraas, e ten unha valoración positiva do que se está facendo na Consellería de Innovación e Industria, e está tamén ilusionado, igual que estamos os demais, porque esa actuación que se está levando poida ser complementada con outras.       
Tamén falarán dos desencontros con Fenosa e Pescanova.       
As poucas manifestacións puntuais que se teñen feito a este respecto creo que non representan o sentir xeral do empresariado galego. Eu creo que o sentir xeral do empresariado galego é de normalidade, e penso, incluso, que de complicidade cun Goberno que dá estabilidade e que fala claro do seu proxecto económico e do seu proxecto de desenvolvemento do país. Eu hoxe percibo que, ademais diso, na relación do empresariado co Goberno, pola miña parte, unha gran responsabilidade ao respecto da labor do nacionalismo. A guía do BNG no Goberno está servindo para derrubar muros e abrir portas que parecían infranqueables hai pouco tempo para o BNG.        ¿Non ve risco de que se xere desconfianza e receos á hora de investir en Galicia?       
Ao contrario. Eu creo que hoxe a estabilidade que o Goberno está dando á política en Galicia, a presentación de proxectos claros e ben definidos, xera confianza. Penso que os empresarios levaban demandando desde había moito tempo que houbera, por exemplo, un auténtico programa de dotación de solo empresarial en Galicia. Hoxe poden comprobar como as consellerías de Vivenda e Innovación e Industria puxeron en marcha o Programa Galicia Suma para que haxa solo empresarial estratéxico e definido dende unha perspectiva de auténtica demanda e non unicamente dende unha perspectiva localista, e creo que os empresarios hoxe comproban que cando queren investir en materia enerxética teñen a Consellería de Innovación e Industria que está poñendo en marcha un novo plan eólico guiado pola equidade e polo compromiso co país e non por criterios puramente conxunturais e de amiguismo. Iso xera confianza. Eu creo que hoxe os empresarios poden comprobar como hai unha Consellería de Vivenda que puxo en marcha un auténtico programa social de vivenda, pero que, ao mesmo tempo, quere que sexa a iniciativa privada o motor fundamental. Os empresarios ven todo un Goberno con todos os seus departamentos empeñados en que haxa un diálogo social para xerar un auténtico plan de emprego. Eu creo que iso xera confianza.       
O bipartito enarborou a bandeira do cambio. ¿En que fase está a mudanza?       
Maniféstome satisfeito, aínda que non totalmente compracido. Eu creo que se teñen feito moitas cousas, que se ten visto que agora as cousas funcionan, que o nacionalismo funciona. Eu creo que este Goberno cumpriu cunha función primordial, que é tomar decisións. Viñamos arrastrando un Goberno que non gobernaba, que non tomaba decisións. Este Goberno, nos últimos nove meses, ten tomado máis decisións que o de Fraga nos últimos nove anos. Pero non podemos caer na autocompracencia. Creo que se pode facer moito máis e mellor.       
¿Que nota lle poría?       
Eu creo que a cualificación téñena que dar os cidadáns. De todas formas, eu penso que estamos moi por enriba do aprobado e que o máis importante é que imos pelexar polo notable.       
¿Que falta para que, parafraseando a Alfonso Guerra, a Galicia non a coñeza nin a nai que a pariu?       
Eu espero que a Galicia sempre a recoñeza a nai que a pariu, porque son dos convencidos de que non é posible deseñar o futuro dun país se non se recoñece e coñece o seu pasado. O que si é certo é que Galicia precisa un novo culto, un novo camiño.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.