noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Rosa Cedrón, cantante e violonchelista:
"Quero queixarme de exceso de traballo, non de aburrimento"


Rosa Cedrón (Monforte de Lemos, 1972), asegura que precisa cambios na súa vida. Con pouco máis de 20 anos, cambiou a Orquestra de Cámara Municipal de A Coruña e o ensino no Conservatorio de Ferrol por subirse a un escenario con Mike Oldfield e percorrer medio mundo de xira con Luar na Lubre. Sorprendeu a prensa e aficionados hai ano e medio, anunciando a súa marcha do grupo porque, "precisaba un salto ao baleiro". Dentro duns meses sairá o seu primeiro disco en solitario, no que poderemos ver unha nova faceta de Rosa Cedrón, a de compositora.
      
Parece que o chelo foi a túa vocación dende pequena, ¿de onde che vén a afición pola música?       
Pois mira, eu diría que por parte de nai e de pai... porque nas dúas familias houbo sempre músicos. Eu creo que desde antes de nacer xa estaba escoitando música na casa, así que era lóxico que seguira na mesma liña. E foi unha oportunidade, cando cheguei aos sete anos, de aprender aprender a tocar un instrumento, collín o chelo e ata agora.       
Cando che propuxeron ser a voz de Luar na Lubre deixaches un traballo, por así dicilo, "estable" no conservatorio de Ferrol para "lanzarte" ao espectáculo. ¿Dá vértixe?
      
Siii... pero é que eu son así, cando pego un cambio, dou un cambio radical destes, un salto ao baleiro. Gústanme os retos, deixar o seguro polo intrépido, que de feito foi o que fixen agora tamén cando deixei o grupo. Cando estou demasiado afincada e algo, o corpo pídeme aventura. Un salto ao baleiro.       
Logo é forma de ser, non é a crise dos 30...
      
(Risas) Eu penso que si, que vou por ciclos, porque máis ou menos vai coincidindo cada certos anos, que sinto a necesidade de novas aventuras, de facer cousas distintas.       
¿E que destacarías do teu paso polo grupo?    
   
Bufff... pois todo o que aprendín, e un montón de experiencias moi bonitas. Porque en nove ou dez anos, a cantidade de cousas que fas, moitas viaxes preciosas, moita festa... Pero sobre todo, aprendín o que é o mundo da música.       
¿E que tal foi tocar con Mike Oldfield?
      
¡Ja! iso si que foi unha experiencia alucinante, porque claro, nin contaba con coñecelo algún día, e moito menos estar encima dun escenario con el. Iso si que o lembro con vértixe, cunha sensación de uuuffff!. Pero é majete, (risas).       
¿Hai posibilidade de que se repita unha colaboración Oldfield- Cedrón?     
  
Uuuuy... non creo... Nunca se sabe, porque este home aparece e desaparece, pero non creo, porque esas cousas cando xorden é de forma espontánea e o lóxico non é que volvan a repetirse, anque nunca se sabe...       
¿Lembras especialmente, con máis cariño, algunha actuación en concreto?   
    
Si, houbera unha actuación de Luar na Lubre en Palestina que para min foi moi especial. Nunca na miña vida vin un público tan, tan agradecido de escoitar música. Aínda que non entendían o que estabamos dicindo ou cantando, chegaron a unha comprensión total da música, aínda sendo unha música que non ten nada que ver con eles. Escoitaron moi ben... E tamén pola situación que hai alí, porque é unha viaxe na que aprendes a afrontar a vida. Nós temos unha vida moi cómoda comparada coa que teñen eles, e a maneira en que tiran para adiante a min alucinoume... E unha viaxe que eu recomendaría a moita xente.       
¿E qué balance fas deste ano e medio sen Luar na Lubre?
      
Pois estou moi tranquiliña, traballando moito... Empezamos agora en dous ou tres meses a gravar o disco, así que traballando moito. Pasei un verán moi divertido con Doa, facendo concertos e a verdade é que foi para min aire fresco e novas experiencias, que é o que andaba a buscar. E agora tocará centrarme un pouquiño no meu.       
¿Para cando sairá 'Entre dous mares', o teu primeiro disco en solitario?
      
Pois non creo que tarde moito... eu penso que para novembro ou un pouco antes pode estar. ¿E cómo vai ser este disco, qué novedades vai traer?       
Para min a gran novidade é que me puxen a compoñer. Dos doce ou trece temas, oito son meus, e os outros catro son varianzas de temas que significaron algo no meu pasado, nos meus anos de carreira. O disco é un pouco unha viaxe entre eses dous mares, do pasado e do futuro, do galego e o castelán, de tradición e modernidade. Para min é un disco moi especial porque é algo moi de corazón.       
Supoño que no teu traballo non é doado ter vacacións nestas datas...
       R.-Non, porque precisamente adicámonos a alegrarlle as vacacións aos que traballan durante todo ano, que é cando rascamos nós a barriga (risas).       
Entón, para cando as vacacións?  
     
Buff, pois eu espero que para nunca (risas)... Eu sempre digo o mesmo, quero queixarme de exceso de traballo, "estou cansadísima de tanto traballar", eso de cansarme de aburrimento non vai comigo. Home, sempre se pode facer unha escapada unha semaniña... non é tan difícil. Pero de momento vai ser que non, as vacacións van ser no estudio, gravando.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.