noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Ignacio Louzao, xerente de "Galicia Calidade":
"Algo pasa cando nunha década só 26 empresas forman parte de Galicia Calidade"

• "Esixiremos que os produtos coa nosa marca teñan algo extra, unha calidade superior aos do mesmo sector"

noticiasgalicia.- Trala súa aparición en escea hai quince anos nun famoso anuncio de televisión, o distintivo 'Galicia Calidade' pretende chegar a ser un símbolo de excelencia entre os produtos feitos integramente na comunidade. Ignacio Louzao é o xerente da sociedade pública que explota este distintivo, dependente da Consellería de Innovación. Hai unhas semanas, presentábase en sociedade a nova imaxe corporativa o mesmo ano en que a empresa cumpre unha década de vida
      
Pregunta: ¿A que se debe este cambio de imaxe?        Resposta: A propia empresa estaba estancada, había que darlle un novo impulso. A nova imaxe gráfica non racha co anterior, e ao mesmo tempo representa a innovación, a tecnoloxía e o avance. Empregouse o azul porque é a cor da Xunta e da bandeira galega.       
Sen embargo, mantense a cuncha...
      
Moitas veces confundíase a cuncha da nosa imaxe coa do Xacobeo, pero iso non nos preocupa porque o que importa é vender Galicia. Non temos problema en aproveitar esas sinerxias.       
¿Que balance fai destes catro meses no cargo?  
     
Cando me nomearon para este cargo e cheguei aquí, a situación era patética e ségueo sendo. Dende que se creou a empresa, en 1996, só hai 26 empresas que teñan algún produto coa especificación 'Galicia Calidade', así que aquí algo pasa. O primeiro que fixen foi tentar saber porque ocorre isto.       
¿E cales cre que son as causas?  
     
Unha das cuestións máis claras é que a pesar de que somos un país especilista en produtos agroalimentarios, hai moi poucos dentro de Galicia Calidade porque a Consellería de Agricultura vetaba no seu momento os productos coa marca Galicia Calidade. Ademais, outras empresas marcharon polo alto prezo das tarifas.       
¿Pensan corrixir esta situación?   
    
As tarifas estámolas revisando, nós temos que cobrar porque as empresas teñan os produtos na marca, pero igual hai que adecualas máis á realidade. Non queremos que o custo sexa unha barreira para a entrada das empresas. Queremos que a única barreira sexa a calidade do producto e que despois non teña ningunha outra barreira.       
¿Que produtos son os que máis se poden aproveitar desta
identificación?       
Os nosos sectores fundamentais son agroalimentación e pesca, aínda que non nos centramos só neles, imos traballar en segmentos turísticos e no termalismo. Agora mesmo, dentro das 26 empresas hai un universo moi diverso, e incluso non todas teñen os mesmos requisitos de entrada. Iso non pode ser, non podemos crear agravios e máis sendo unha empresa pública.       
¿Como se fai a entrada dunha empresa en 'Galicia Calidade'?
      
Nós analizamos o produto, facemos unha auditoría e se cumpren os requisitos outorgamos a licenza de uso. A licenza de uso é por un ano, e ao ano seguinte facíase outra auditoría.       
¿Van cambiar as condicións?       

Si. O que pretendemos agora é outorgar a licenza por tres anos, pero iso non implica deixar de facer os controles oportunos. Este sistema vai seguir existindo porque creemos que é válido. Por outro lado, as auditorías poden ser máis ou menos esixentes e aí pode estar a diferencia.       
¿Cales serán os requisitos básicos?
      
Cando falamos de calidade, significa que o produto ten que cumplir a lexislación específica para ese produto, e ter implantado un sistema de xestión de calidade. E xunto a isto, esixiremos requisitos que nos aseguren que ese produto vai ter algo extra, unha calidade superior a produtos do mesmo sector que non teñen 'Galicia Calidade'.       
¿Ata que punto o consumidor asocia Galicia con calidade?      
 
Por agora non hai ningún estudo sobre a percepción da marca no mercado, niso estamos traballando. O que pasa é que en España, o produto galego como tal xa é sinónimo de calidade. Hai produtos de fóra que se lle poñen "embasado en Galicia" ou "fabricado en Galicia" ou mesmo nomes galegos para entrar mellor no mercado. Aí xa estaríamos falando de fraudes.       
¿Teñen estudado como é a repercusión a nivel comercial?       

'Galicia Calidade' permitiulles a algunhas empresas entrar de forma máis doada en mercados de fóra de Galicia, fundamentalmente en Madrid e Cataluña, pero aínda non temos datos do impacto que poda xerar a marca no mercado.       
Cando se teñan, potenciarán a saída cara ao exterior?
      
Si. Queremos potenciar a nosa imaxe fóra de Galicia e tamén en Francia, Portugal ou Estados Unidos. Pero somos conscientes de que Galicia ten que ser un mercado fundamental para os produtos galegos, porque somos tres millóns de consumidores, un mercado importante.       
¿Seguirá sendo 'Galicia Calidade' un club reducido?     
  
Non queremos dar entrada a moitas empresas se iso significa que a marca se devalúa. Hai que buscar un equilibrio, sabemos que temos unha boa imaxe no mercado e non podemos entregar a marca a empresas que poñan en tela de xuizo a nosa imaxe. Eso implicaría unha perda de confianza por parte do consumidor.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.