noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación:
"Imos detectar o fracaso escolar antes de que o neno vaia mal na ESO "

O vindeiro curso, Educación terá implantada na súa práctica totalidade a figura do acompañente escolar, seguirá adiante coa gratuidade dos libros de texto e ampliará a outros concellos a proposta de abrir novos comedores baixo a inspiración dos plans piloto que funcionan nas cidades de Pontevedra e Lugo. Haberá tamén unha atención preferente para Primaria e a Administración local comezará a recuperar parte deses 47 millóns de euros que gasta anualmente en atender diversos servicios dos colexios. Ao amparo da Lei Orgánica de Educación (LOE) desenvolveranse, ademais, políticas para mellorar a calidade do ensino e para impedir que Galicia deixe de ser una das comunidades cun maior fracaso escolar, segundo recoñece a titular do departamento, Laura Sánchez Piñón       

¿Hai moitas novidades para o próximo curso?
      
Despois dun primeiro ano de cambios tranquilos na política educativa, queremos afianzar o ensino de calidade, baseándonos nos principios de equidade. Está tamén o reto da sociedade do coñecemento, da formación ao longo da vida, da investigación e tamén todo o que se refiere á conciliación da vida familiar.       
¿Haberá máis comedores?      
 
No que refire ao tema dos comedores non está todo desenvolvido. Tivemos dous plans pilotos en dous concellos moi importantes, Lugo e Pontevedra, que van a continuar, e vaise ampliar a experiencia a outros lugares. Tamén está próximo un decreto de comedores que irá acompañado de medidas directas que cheguen ás familias.       
¿Que aportará dito decreto?       

Había unha lexislación dispersa e o decreto vai regular todos os comedores e vai permitir desenvolver moitas cousas que non se podían facer, precisamente, por falta de lexislación. O que fixemos en Lugo, por exemplo, foron plans piloto para ter máis comedores coa lexislación antiga. Agora, imos abrir moitos máis pero tamén imos elaborar unha lexislación que nos permitirá aproveitar mellor os recursos que temos.       
¿A que se refire cando di que o vindeiro curso vaise pór ao ensino de Infantil e Primaria no lugar que lle corresponde?   
    
Entre as novidades está, precisamente, unha nova dotación de profesorado para alumnos de tres a seis anos e que, naqueles casos de grupos con máis de 23, 24 ou 25 alumnos, teñamos reforzos. E posible que esteamos a falar para o próximo curso de 80 novos profesores na etapa de tres a seis anos e de 40 novos orientadores específicos para a etapa de Infantil e Primaria. Tamén estamos a traballar na educación especial, que contará, posiblemente, cun novo diseño, poñendo una serie de centros de referencia nas sete grandes cidades. Estamos a traballar igualmente nas ensinanzas especiais na música e na arte, con algúns novos programas e a posibilidade de que profesores que estean nunca orquestra poidan dar clases nos conservatorios.       
¿Como está a situación en Galicia no que se refire ao fracaso escolar?     
  
Estamos un pouquiño por debaixo da media. O que pasa é que o fracaso escolar mídese de moitas maneiras. Unha ten que ver co número de nenos que non están no curso que lle correspondería pola súa idade, aí estamos un pouco por debaixo, pero podemos remontalo. Pero onde si nos encontramos máis por debaixo é no número de estudiantes que rematan o ensino obrigatorio e posobrigatorio. Iso si que é moi importante, porque, un neno que non remata a ESO, pérdese xeralmente para todo o sistema educativo. Polo tanto, imos deseñar políticas da man da LOE de todo o que significan os desdobres en ciencias, especialmente nas matemáticas e en linguas, para detectar problemas de xeito temperán, como se fai nos países nórdicos, e actuar xa desde Primaria e non esperar a que o neno vaia mal na ESO.       
¿O vindeiro curso vaise por en marcha o Plan Integral de Convivencia, con medidas para atallar a violencia e o acoso, ¿cando se terán resultados?       

Eu penso que se están tendo xa resultados froito de accións en ocasións non coordinadas, como as que se desenvolven desde a Vicepresidencia, a Consellería de Educación, os concellos e os propios cetros. Nós, o que pretendemos co plan e ter unha política absolutamente transversal e poñer unhas directrices comúns para que centros e profesores teñan un marco común. O plan, efectivamente, porase en marcha a principos de curso, posto que prácticamente está xa rematado. Neste caso é moi importante a participación dos pais, mestres e profesores e dos propios alumnos. Obviamente, pártese dunha educación en valores, na cal, estas actitudes moitas veces non son detectadas e, no fondo, trátase dunha actuación que vai en contra da liberdade doutras persoas. A fronteira entre o que é ou non acoso pode ser moi fráxil.       
Como está a funcionar o plan de drogas posto en marcha polo Goberno cental?   
    
Houbo algunhas actuacións nas grandes cidades coa maior discreción. Nós estivemos en contacto en todo momento co delegado do Goberno e pensamos que estas accións teñen que facerse cando hai algo que excede ao propio centro, como é a venta de droga nas proximidades. As medidas policiais dentro dos colexios falando destas idades non teñen ningún sentido. Polo tanto, a aposta é pola educación, prevención, concienciación e, só en casos moi particulares debe contarse coa intervención da polícia, que deberá traballar coa máxima discreción para non facer máis grande un problema que non se pode dicir que non existe, pero que non se debe magnificar.       
¿A Formación Profesional segue a estar infravalorada?       

Penso que iso é unha cousa xa do pasado. Agora mesmo, nós notamos unha valoración maior. Tamén é certo que temos que traballar este ano na reordenación do sistema da Formación Profesional, porque tiñamos máis de 800 lugares en donde se impartían ciclos de FP e no País Vasco, por exemplo, tiñan a metade. Nós o que queremos é unha oferta acaída coas necesidades empresariais e sociais e un novo mapa da FP. Este ano definimos xa 14 centros integrados coa Consellería de Traballo. Penso que nun curso ou dous estará totalmente reordenado o sistema.       
¿Xa se decidu a partida económica coa que se axudará aos concellos en 2007 para financiar eses 47 millóns que se estima que gastan en educación primaria?      
 
Non, negociarase no marco dos novos orzamentos. Faremos coa Fegamp un calendario, porque non se pode abordar todo de golpe, para empezar polos concellos con menor número de habitantes, que son os que teñen menos recursos.       
¿Cal será o grao de implantación da figura do acampañante nos autobuses escolares en setembro?
      
De 90 por cento. En Ourense e Lugo implantación está casi xa agora preto xa desa porcentaxe.       
¿Chegarese ao cen por cen ao remate do curso?    
   
Ao cen por cen non, pero sí ao 97 ou o 98 por cen. A idea é que no 2007 estea rematado, pero vai ser casi un ano antes, xa que quedarán moi poucas liñas sen atender.       
Canto costará ao final este servizo?   
    
O transporte creo recordar que son 109 millóns de euros e o do acompañante pode supor ata 15 millóns de euros.       
A ampliación da gratuidade dos libros continúa...     
  
Si claro, continuará e quedarían os dous cursos por rematar da ESO.       
Os que si se queixan son os libreiros polo sistema de gratuidade...  
     
Xa falamos moitas veces cos libreiros. Unha parte do seu negocio son os libros de texto pero, obviamente, o peche dunha librería non pode depender dunha medida coma esta, porque non depende en ningún país nin en ninguna comunidade. O que si habería que plantexarse, e eu xa o fixen, son políticas coas Consellerías de Industria e Cultura, porque non só venden libros de texto. Por iso, facer recaer o peche dunha librería en Educación penso que é unha equivocación, porque non é certo. E, por outra banda, o que teñen que ver é que, despois de Madrid, Galicia é a que ten máis librerías. Entón, podemos pensar se isto está ben dimensinado ou non. E certo que temos moitos puntos de poboación, pero moitas das que hai non son estrictamente librerías. Nós temos moitas medidas de apoio á lectura ou de apoio as bibliotecas, que son inversións que chegan ás librerías e que moitas veces non se cuantifican. Nos últimos meses foi especialmente polémico tamén o uso do galego nas aulas, ¿estanse a cumprir os mínimos?       
Estanse a cumprir moi ben. En Primaria, os datos que temos de inspección é que estamos por enriba do 50 por cento que indica o Plan de Normalización Lingüística. O que si hai que facer na ESO é outro tipo de políticas, e non só en Educación, senón noutras áreas, para que os rapaces sigan a facer uso o galego, porque hai descenso de utilización. Desde a consellería, o que temos que lograr ao final é que os alumnos da ESO teñan unhas competencias lingüísticas igual que no castelán, cumprindo o Plan de Normalización. Iso pode facerse, pero necesitamos tamén unha formación máis específica para algúns profesores, polo que estamos a traballar en novos plans, e puxemos en marcha as liñas en galego nos centros para nenos de tres a seis anos.       
A Xunta revisará no 2008 o plan de financiamento das universidades galegas, ¿os recursos empezan a ser insuficientes?
      
No Goberno anterior acadouse un acordo que foi bo no seu momento. Cos compromisos que ten acadado o Partido Socialista de que o gasto en universidades represente o 1 por cento do PIB, co plan de financiamento que temos iso non se acada. A nosa predicción é que no 2007 se empece a falar da remodelación do plan, o que non quere dicir que sexa en toda a súa extensión, porque é un plan moi complexo. Pensamos en determinados apartados como o fondo de calidade ou os contratos programa. Nesa parte poremos máis recursos nas universidades para que ao remate da lexislatura o gasto chegue e ese 1 por cento do PIB.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.