|
Alfredo
Suárez Canal, Conselleiro de Medio Rural
"Seguro
que a todos nos gustaría ter más medios, pero estivemos ao pé do
canón dende o primeiro día"
 |
Alfredo
Suárez Canal foi deputado polo BNG na Cámara Galega dende 1993 a
2005, ano no que pasou a dirixir Medio Rural, a antiga Consellería
de Agricultura. Doce meses despois, enfróntase a un dos momentos
máis difíciles da súa vida política e de todo o Goberno bipartito.
Hai quen ve similitudes entre esta traxedia e o afundimento do
Prestige, ¿vostede que pensa?
O Prestige acabou tendo consecuencias medioambientais, socioeconomicas
moi importantes para Galiza, e isto tamén, son dúas situacións en
que se producen danos. Esas son as similitudes, dous acontecementos
que producen danos.
¿Sentiu impotencia cando os lumes crecían como fungos? Non.
Cando un está como responsable dun dispositivo contra incendios
e ten que defender 50 núcleos e outras 50 casas aisladas, sinte
que a situación é moi complicada. Seguro que a todos nos gustaría
ter máis medios nese momento para atender esa situación, pero estivemos
ao pé do canón todo o tempo que puidemos, intentando que esas situacións
non se saldasen con danos maiores dos producidos.
¿Botou en falta máis apoio dentro do Goberno?
En absoluto. Estivemos en coordinación dende o primeiro día, todo
menos sentirme solo. Aquí o que sentimos foi a solidariedade, o
apoio e a consideración de todas as Administracións autonómicas,
da central, de voluntarios e de veciños.
¿Foi o peor momento da Xunta?
Está claro que é unha situación de crise que produciu un impacto
medioambiental importante, e que se saldou co falecemento de catro
personas. Isto representa unha situación complexa e preocupante,
pero que foi resolta con compromiso, responsabilidade e dedicación
dende o primeiro momento.
¿Pensou en dimitir?
Neste momento, pensar en calqueira cousa que teña que ver coa peripecia
persoal sería unha irresponsabilidade. O que teño que pensar é en
como resolver a situación, como conseguir que acabe remitindo a
vaga. Hai que adicar os pensamentos á xente que sufriu os efectos
da actividade criminal, que pasaron angustia e zozobra.
.Nun
espazo de media hora, a conversa co conselleiro do Medio Rural vese
interrumpida ata en seis ocasións por chamadas telefónicas e outros
requerimentos. Alfredo Suárez Canal (Allariz, 1951), o máximo responsable
do dispositivo contra incendios da Xunta, recoñece que ten que haber
"un antes e un despois" na loita contra o lume en Galicia.
¿Podemos falar xa de que a situación remite?
Os incendios activos están dentro dunha marxe razoable e nunha situación
de franca melloría comparado cos días anteriores. Parece que estamos
nunha dirección clara de controlar esta situación, pero é posible
que haxa moita xente solta que quere facer dano. O verán é largo,
e aínda poden volver darnos algún disgusto.
Empézase xa a falar das consecuencias. ¿Preocúpanlle? Aínda
estamos apagando os incendios. Unha vez que os apaguemos, as consecuencias
de todo tipo haberá que avalialas. As máis urxentes e inmediatas
poden ser a afectación das escorrentías, a calidade de determinades
zonas de augas moi sensibles para bancos marisqueiros, ou para abastecemento
humano.
¿Como explica que o lume afectase menos en Lugo e Ourense que no
resto de Galicia?
Ourense xa tivo moitos lumes estes días, o que pasa é que se ían
apagando. En Lugo si se produciu unha situación parecida aos incencios
estruturais, entre comillas, que se producían noutros anos. O excepcional
non é o que aconteceu en Lugo, senón o número e a calidade dos incendios
en Pontevedra e A Coruña, todo concentrado en moi curto espazo de
tempo. Iso é o que temos que analizar.
A oposición di que a situación é similar a doutros anos.
Eu co PP non quero polemizar, creo que se equivoca quen quere facer
polémica con este asunto. Os datos poñen de manifesto que si houbo
unha situación excepcional, pero xa o evidenciaremos máis adiante.
En Ribeira viron a señores con pasamontañas, dicir que non hai unha
situación excepcional é negar a evidencia, e senón que llo pregunten
aos múltiples bombeiros que tivemos aquí.
¿Cre que os incendiarios mudaron a súa forma de actuar?
E certo que houbo unha explosión os tres primeiros días. Pero o
martes e o mércores tiñamos medios inxentes e seguía habendo incendios
cunha calidade profesional moi significativa, e cun coñecemento
moi importante para producir moito dano. Non hai ningún dos bombeiros
profesionais que se atreva a negalo.
¿Está canso das críticas verquidas polo PPdeG ao dispositivo?
Cando un está na responsabilidade política ten que estar para recibir
críticas, o que non entendo é que se digan cousas que non se axustan
en absoluto á verdade, e algunhas foron de groso calibre. Nunha
situación problemática como esta, parece un contrasentido.
Falouse do galego, de convenios suprimidos cos concellos...
O dispositivo é practicamente o mesmo que había, algúns dos cambios
se produciron por concurso de traslado ou porque os responsables
non quixeron continuar. A columna vertebral é, con matices, a mesma
do PP. Usamos os mesmos mecanismos para as brigadas do plan Infoga
e para dotar ás brigadas municipais, o único que se introduciu foi
uns criterios para darlle publicidade ás contratacións.
Máis de 7.000 persoas traballando na loita contra o lume. ¿Galicia
podería manter un dispositivo así cos propios medios?
O dispositivo que temos hoxe aquí non o pode manter Galicia nin
ninguén, é un auténtico exército. Telo aquí 'sine die', permanentemente,
é un auténtico exército. Nin tan sequera en proporción co territorio
non o pode ter ninguén. Chegamos a ter 50 medios áereos e cantidade
de máquinas, un dispositivo impresionante.
¿Inda así, cre que se puideron evitar algúns dos incendios?
Non é o momento, as analises e reflexións farémolas a posteriori.
Dende logo é necesario un potentísimo traballo para perseguir aos
delincuentes, porque se non acabamos con delincuentes seguirán queimando
o monte.
¿Inflúe esa cultura do lume existente en Galicia?
Eu non entro niso, pero ten que haber un antes e un despois co que
ocurriu este ano. A forma en que a xente participou defendendo as
súas casas e propiedades evidencia que hai unha base para que no
futuro, fagamos as políticas adecuadas para que non volva ocurrir.
Dende a súa chegada á Consellería apostou pola prevención. ¿Esta
catástrofe significará un cambio de política?
Defendín no Parlamento a importancia de facer unha política que
primase a prevención, dedicando recursos a valorizar o monte, a
ordenalo e a asegurar que os perímetros da poboación estean limpos.
Mentras esa política non se vaia articulando hai que seguir cun
potente dispositivo de extinción, non se pode cambiar da noite á
mañá.
¿Gustoulle a mensaxe televisada de Pérez Touriño?
Acabamos de ter unha situación que afectou a moitas persoas, que
afectou a vías principais, que introduciu o medo a moita xente que
veu o lume preto das casas. E normal que o presidente do país se
dirixa á xente para tranquilizala.
¿E como valora a presenza de Rodríguez Zapatero na comunidade?
Tamén é normal que os dirixentes políticos teñan proximidade á xente.
Temos que valorar esa cercanía, porque así coñeceu de primeira man
esa situación.
¿Existiu coordinación co Goberno Central?
Dende o primeiro día que existiu a crise empezamos a ter contactos
con Medio Ambiente para pedir máis medios. O sábado falamos coas
comunidades limítrofes, e o domingo á noite xa estaba a alerta 2
declarada. O Goberno central foi dispoñendo segundo as súas posibilidades,
ata ter un potentísimo dispositivo de prevención..
|