|
Gastón
Juan, candidato a delegado del Consello de Comunidades Galegas:
"Os
emigrantes propoñemos ser Galicia fóra de Galicia pero baixo a acepción
de cidadáns galegos na diáspora"
 |
Os centros galegos no exterior pretenden reformular
o concepto de emigración e substituír esta acepción pola idea dunha
sola Galicia, integrada, en boa medida, por un conxunto de cidadáns
que colaboran con esta terra "desde fóra". Esta é unha das
propostas de renovación que o candidato a delegado do Consello de
Comunidades da Arxentina, Gastón Juan, expoñerá no VIII Consello
de Comunidades Galegas que se celebra entre mañá e pasado en Santiago.
Estase a falar dun aire renovador nas comunidades galegas de
Arxentina, ¿en que se basea ese cambio?
Falamos de ser Galicia fóra de Galicia pero dun xeito distinto,
xa non como emigrantes, senón mudando esa acepción pola de galegos
que están fóra, na diáspora. A idea de emigrante segue a manter
a idea dos 'galegos de aquí' e 'os de alí' e nós queremos falar
dunha sola Galicia e traballar todos xuntos deste xeito. Coido que
estamos deixando de lado, das dúas beiras, por exemplo o potencial
económico que pode representar a participación dos produtos e empresas
galegas no Mercosur. E necesaria a renovación. Nós en Arxentina
estamos a darlle un cambio ao tema, sobre todo na mentalidade, unha
apertura.
A súa ponencia no Consello de Comunidades Galegas introduce novos
conceptos como o dunha 'Galicia Universal'. ¿A que se refire este
termo?
Galicia hoxe ten un entramado a nivel universal verdadeiramente
importante. Poucas nacións do mundo realizan unha participación
tan activa e contan con tanto alcance como a emigración galega.
Mais coido que non está a ser ben aproveitada, nin por Galicia nin
polos colectivos emigrantes, así que é o momento para ver aos colectivos
no exterior como puntos xeopolíticos de Galicia, fóra dela e así
posibilitar cambios desde o económico, o comercial, o social e o
cultural e conseguir un intercambio tal que permita crecer a Galicia
e ás comunidades galegas fóra de Galicia.
¿Trátase de buscar un modo de non deixar á emigración no esquecemento?
No principio da emigración o fluxo viña de América para aquí e pouco
era o que podía darlle Galicia aos emigrantes. Hoxe coido que se
pode dar un camiño de dobre vía no que os emigrantes cooperen con
Galicia en determinados aspectos e que ésta colabore con nós, formando
así un entramado que nos permita crecer a todos, os que están dentro
e os que están fóra. E necesario comprender que galegos somos todos,
os que estamos facendo Galicia fóra e os que constrúen Galicia desde
aquí.
¿Cales son as principais carencias en relación ao recoñecemento
da súa identidade como cidadáns galegos?
Nós non queremos centrarnos só en axudas, non falamos de caridade,
porque nin no pasado a emigración axudou por compaixón a Galicia,
nin hoxe temos que pensar que Galicia teña que ser caritativa coa
emigración. Só pedimos un recoñecemento mutuo, porque formamos todos
parte dun mesmo pobo. En Arxentina, Venezuela e outros países percíbese
esa 'Galicia fóra de Galicia'.
¿Que aspectos centran as súas principais demandas de cara á reforma
do Estatuto de Galicia e da Lei da Galeguidade?
Propoñemos cambios que teñen que ver coa integración dos galegos
no exterior no caso do Estatuto e, en relación coa galeguidade,
reclamamos algo máis que o seu recoñecemento para fillos e netos,
como a inclusión na educación xeral de Galicia a emigración, xa
que cando se fala da súa Historia este fenómeno queda fóra. Desexariamos
obter un recoñecemento que as novas xeracións non lle dan á emigración,
alomenos unha gran parte deles.
|