|
Xosé
Manuel Budiño, gaiteiro :
"Creo
que non aguantaría quince días sen estar facendo músicas "
 |
Xosé
Manuel Budiño leva un verán de non parar. Despois de dous 'macro-concertos'
coa xira do centenario de 'Estrella Galicia', no Festival de Ortigueira
e en Compostela no Día de Galicia, continúa deitando por Galicia
o seu 'Zume de Terra'.
Parece que tés un verán movidiño,
¿en cantos proxectos andas metido agora mesmo?
Pois sobre todo na xira coa miña banda, co disco 'Zume de Terra',
e compaxinándoo co novo disco que sairá o ano que vén, no que ademais
se cumpren 10 anos da saída do meu primeiro traballo, Paralaia'.
Quero que sexa unha celebración especial, cun disco un tanto especial.
Levo todo o inverno compoñendo e gravando no meu estudio. Sobre
todo a partir de setembro centrareime en serio, para facer un bo
traballo que sacar o ano que vén.
Volves ser o teu propio xefe neste disco, gravando, producindo,
compoñendo...?
Si, xa non me deixan sair dese papel. Eu mesmo creo que me obrigo
a ter esa inquietude de investigar, de probar... E sobre todo, o
poder ter o meu propio estudio obrígame. Porque para min o meu traballo
é un luxo; poder ter o estudio, estar probando, compoñendo, gravando...
todo ao mesmo tempo. E un traballo moi gratificante que me gusta
moito.
Pero supoño que non é fácil: adicarse á música, folk, galega, e
por conta propia...
E complicado, pero digamos que cando tés un terreo abonado detrás
non o é tanto como para un grupo que empeza. Porque hai xa tres
discos detrás, moitos festivais recorridos. A xente, non só de Galicia,
coñece o traballo de Budiño, e dalgunha forma sempre hai un público
que está esperando o novo disco. E os festivais están sempre moi
pendentes para facer xiras noutros países. Levamos unha boa andaina:
este ano estivemos en Bulgaria, na inauguración do Instituto Cervantes
alá, en Arxentina e México... E coa saída do novo disco preséntase
un ano moi esperanzador.
¿E que tal foi tocar na 'Galicia Exterior'?
Pois sorprendeume moito porque é un público moi distinto. En Arxentina
atopamos a toda esa xente que emigrara polos anos 40, 50, 60...
Había xente de tódalas idades no concerto, desde 80 anos ata os
seus bisnetos con dous anos. Foi moi emocionante, coa xente case
chorando de escoitar a gaita, nun teatro no que acabaron todos de
pé bailando. Logo en México un público moi espontáneo, moi directo,
que baila moito e que merca moitos discos tamén (risos)... Estannos
chamando de novo, e nós estamos encantados de poder volver.
Con tanto traballo as vacacións quedarán apartadas...
Eu estou de vacacións continuamente. Se che digo a verdade nunca
escapei de vacacións a ningún sitio porque estou sempre viaxando
e teño tempo para todo, para o traballo e o turismo. E cando volvo
a Moaña sempre podo estar ao lado do mar, que é onde máis me gusta
estar. Non preciso irme 15 días de vacacións a ningun sitio, creo
que non aguantaría 15 días sen poder estar facendo cousas coa música,
porque me sinto privilexiado nese sentido.
Entón, ¿sempre quixeches ser músico?
Si. Teño o recordo da música sempre moi presente. Empecei a tocar
con sete anos a frauta e non deixei nin un día de tocar un instrumento.
Formou parte do meu entorno natural estar rodeado de músicos, de
viaxes.... Creo que foi un soño que sempre foi realidade.
¿E por que a gaita, por que o folk?
Supoño que formaba parte dese entorno musical que había no pobo
onde nacín. En Moaña había moita tradición de gaiterios, de corais,
de bandas de música, de grupos de baile... Crieime con toda esa
música arredor de min e creo que era inevitable que a gaita chegaría
un día.
Pero despois mesturaches moito, ¿de onde ven ese afan de mesturar
cousas tan dispares? Supoño que das viaxes... Con 15 anos estiven
no festival de Lorient, en Francia, onde atopas xente de Xapón,
de Escocia, Bretaña, Irlanda, de Australia... Creo que eso che sorprende
neses momentos: música tan dispar e xente que vive dela. Dalgunha
forma méteseche dentro e empezas a desfrutar non só da música galega
senón de todas as músicas do mundo. E eu sempre fun como unha esponxa
que absorbe todo, eso pasa por un filtro e ao final sae a música
que lle sae a Budiño. Sempre con matices, coa base da música tradicional
galega que é a música que sinto desde moi pequeno.
¿Hai algunha viaxe, algunha actuación que recordes de xeito especial?
Non, eu decidín desde fai moitos anos que ningunha ía ser máis especial
que outra... Recordo que cando tiña 18 ou 19 anos tocamos nun festival
pequeno, con 100 ou 200 persoas. O grupo que viña despois de nós
entregouse exactamente igual que se houbera 100.000 persoas diante.
Foi unha lección que non olvidei nunca, entregarse ó máximo haxa
unha persoa ou 100.000 e nese sentido non pode haber un concerto
máis especial que outro.
¿Tes algunha manía cando saes ao escenario?
Nada, non son nada supersticioso, a única preocupación que teño
é que o micro inalámbrico teña pilas (risos).
|