noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Manuel Lovelle, presidente del Consello Regulador de la Denominación Específica "Mel de Galicia":

"Calculamos que nos próximos sete ou oito anos imos ter mermas de produción polos incendios deste ano
"

"A nosa principal lacra é que aínda moitos consumidores estiman que o que se vén en chamar mel caseiro é mellor"
A vaga de lumes que asolou Galicia durante a primeira quincena de agosto amais de acabar coa vida de catro persoas supuxo un duro golpe para o sector primario, que nestes momentos aínda está a contabilizar as perdas. Os produtores de mel asentados na comunidade galega -4.047 apicultores e 107.644 colmeas- figuran entre os colectivos damnificados. O presidente do Consello Regulador da Denominación Específica 'Mel de Galicia', Manuel Lovelle, lembra que os 401 apicultores asociados produciron 550 toneladas de mel o pasado ano. Antes do verán, experimentárase un incremento do 15 por cento pero os incendios levaron por diante parte das 29.965 colmeas pertencentes aos apicultores desta entidade       


¿Como valoran desde o Consello Regulador o transcurso da presente campaña?       
Poderiamos dividila en dúas partes. Antes do verán, na primavera, planteábase unha campaña moi boa pero coa chegada dos incendios aínda estamos a avaliar como vai ser. Na Coruña e Pontevedra arderon moitas colmeas e moita vexetación, sen a que non hai mel. Estamos en contacto con todos os produtores e envasadores de Galicia xa que as perdas non se limitarán a este ano. Os montes queimados tardarán varios anos en repoñerse. De momento, calculamos que nos próximos sete ou oito anos, imos ter mermas de produción polos incendios deste ano. E, sobre todo, pola considerable perda de eucalipto e o tempo que tardarán en recuperarse, quince anos como mínimo. No caso concreto do segundo máis grande apicultor galego, tén afectadas case 400 colmeas, a terceira parte do total. Este produtor calcula que perderá 15 toneladas de mel este ano.       
A perda de colmeas ¿é o maior custe para os apicultores?   
    
O problema non son só as colmeas arrasadas, porque poden repoñerse. Dentro do malo non é o peor, xa que o ano que vén poderá dispoñerse do mesmo número que as existentes antes dos lumes. O que non haberá son pastos e vexetación, así que o pouco que quede terano que repartir entre os que tiveron perdas e os que non. O problema virá a partir de agora.       
Algúns manteñen que as abellas son especialmente sensibles á contaminación ambiental, ¿temen as repercusións neste senso?   
    
A relación das colmeas co medio ambiente é vital para a produción de mel. Se non hai abellas acábase o campo. Houbo casos de mortandade por uso de pesticidas, pero en Galicia, dubido bastante desa teoría, xa que non é unha zona na que se utilicen pesticidas de forma extensiva. Por ben ou por mal non temos ese tipo de agricultura. Si, poden morrer algunhas colmeas por algunha patoloxía propia das abellas. Aos produtores que están dentro de 'Mel de Galicia' non lles morren as abellas e eso énos bastante significativo.       
Dependendo das árbores que arderon cos lumes ¿que tipo de mel pode verse máis afectada?    
   
Este ano ardeu practicamente toda Pontevedra e a zona costeira de A Coruña, onde máis predomina o eucalipto. O mel de castiñeiro procede sobre todo da zona interior de Ourense e aí todos os anos vése afectado. Sen embargo este verán non foi así. Logo están o mel milflores, o típico de bosque galego, e o de brezo, que é un matorral que se dá na zona das montañas de Lugo e Ourense, ou o de silva. Neses casos aínda estamos a valorar as repercusións.       
¿Cal é o volume de produción anual dos apicultores adscritos?
      
En 2005 certificamos 550.000 quilogramos de mel e este ano, antes do verán, levábamos un crecemento do 15 por cento. De feito, desde 2001, a produción anual incrementouse a un ritmo do 5 por cento e tamén aumentouse o número de colmeas.       
¿Como é unha explotación apícola media de Galicia?
      
En Galicia, a diferencia do que pasa no resto de España, o apicultor medio é pequeno malia que está a crecer o número de colmeas por produtor, sobre todo nos que teñen máis de 50 colmeas. Nótase que cada ano vai aumentando moito o volume de produción das explotacións. Sen embargo, a produción de mel é basicamente para o autoconsumo, non como no caso de Estremadura, no que un apicultor media conta con 1.000 colmeas, mentres aquí tén 20.       
¿Cales son os principais mercados de 'Mel de Galicia'?    
   
Principalmente na comunidade galega dado o alto consumo de mel dos galegos, aínda que agora tamén se atopa en toda España a través de grandes centros comerciais como Eroski, Mercadona, El Corte Inglés, Carrefour, Alcampo ou grazas ás tendas de delicatessen. Fóra do Estado, 'Mel de Galicia' está presente na Alemaña, no Xapón, nos países árabes e mesmo se está a introducir nos Estados Unidos. 'Mel de Galicia' vai para arriba e non para abaixo       
A loita contra o mel 'negro', ¿preocupa ao Consello Regulador?  
     
A lacra que temos é que aínda moitos consumidores estiman que o que se chama mel caseiro é mellor. Está ben se está ben feito, pero ninguén o controla. Ademais, dentro do caseiro hai moitísimo fraude: nin é caseiro nin ten calidade ningunha. Por eso nós esiximos que para introducir o noso mel en grandes centros comerciais ou teñen a etiqueta de 'Mel de Galicia' ou non entra. Non se pode vender mel sen calidade. Aí só atoparás 'Mel de Galicia', 'Mel de Alcarria' ou de Granada, por dispor de certificado de calidade.       
¿Cales son os retos principais de 'Mel de Galicia' para a vindeira campaña?       
Principalmente que se acolla máis mel a esta denominación para abarcar máis mercados aos que non chegamos por pouco volume. Ademais, hai que seguir concienciando aos consumidores de que non todo o que se vende no mercado como mel é mel. Queremos que coñezan o mel de calidade e despois que o demanden, xa sexa de Galicia ou de outra denominación, porque o mercado é grande abondo para todos. Tamén que o mercado se regule para que os produtores poidan gañar un pouquiño máis.



VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.