|
Luis
Tosar, actor
"Atráenme
as personaxes atormentadas"
A piques de estrear 'Hotel Tivoli' e en plena promoción, Luis Tosar
(Lugo, 1971) pasou estes días por Santiago para acudir ós Encontros
co Cine Galego. Tosar está pendente de presentar este mes no Festival
de San Sebastián outro dos seus traballos, 'Las vidas de Celia'.
Aínda que nada comparado coa tolería que supuxo para el a promoción
de 'Miami Vice'.
¿Cal será a próxima película de Luis Tosar?
Esta tempada toca promoción. Non creo que volva a rodaxe ata principios
do ano que vén.
Despois de Hamlet, ¿algún outro proxecto no mundo do teatro?
Estamos
intentando sacar un espectáculo novo, musical, dos Magical Brothers,
pero non creo que sexa para este ano.
Agora
que é actor de proxección estatal, e incluso internacional, ¿como
ves o futuro?
A
proxección internacional de momento foi algo anecdótico, co de 'Miami
Vice'. Non teño moi claro se vai ir a máis. Tampouco houbo ofertas
en serio, só tanteos de historias, cousas da BBC, pero alí os proxectos
son moi raros.
¿En
que sentido?
Sempre
están falando de proxectos que non sabes se realmente xa están avanzados
ou non, ou incluso se están financiados. E un mundo de incertidume.
E aquí empeza a pasar un pouco tamén esto. Estamos nunha etapa de
cambio, estase reorganizando o mundo do cine, probando se seguir
con proxectos de grande investimento ou se seguir producindo películas
máis pequenas... 'Alatriste' parece que está funcionando, así que
pode ser unha vía para intentar crear algo do que sempre quixemos,
unha industria que teña algo que dicir fóra da Península, como no
caso de Francia, que ten películas exportables. Se funciona aquí,
sería beneficioso para todos.
¿Cres
que o descoñecemento do cine galego fai máis dura a carreira dos
actores de aquí?
O
cine galego non é tan galego. Ademais agora é bastante coñecido,
porque se dan moitas coproduccións con empresas de fóra de Galicia.
Hai anos, os profesionais de aquí si que eramos uns descoñecidos.
Agora a xente anda tanteando en varios sitios, facendo traballos
en televisión en Madrid e aquí, tamén no teatro. As dificultades
hainas coma en todas as profesións.
¿Que
che decide para aceptar un papel?
Depende
do momento, do que tivera feito xusto antes. Se acabo de facer de
maltratador, non me apetece facelo de novo, porque son personaxes
que marcan moito. E depende tamén das apetencias do momento. Déixome
levar polo que leo, por unha personaxe que me inspira algo...
En
xeral, adoitan ser personaxes profundas...
Si,
son personaxes que teñen conflicto por dentro ou por fóra, que interesan.
O conflicto é a base da interpretación, se non o hai, tes que crealo.
A mín atráenme as personaxes atormentadas, pero tamén é algo que
cansa. A xente acaba véndote como un atormentado de verdade.
No
caso de 'Hotel Tívoli', ¿que foi o que che decidiu?
'Hotel
Tivoli' era todo o contrario, porque aínda que o personaxe ten unha
pequena pena, ten ganas de vivir. A mín as historias de amor gústanme
moito, e as de desamor, máis. Esto era unha historia de desamor,
de algo que foi bonito no seu momento, pero que despois esvaeceuse,
o que pasa con todas as historias. Ademais estaba baseada nunha
historia real, un galego que montou un 'karaoke' no Polo Norte.
Cando veu Antón [Reixa] con esa historia, apeteceume facela, porque
era moi poética.
¿Se
poidese elixir un director co que traballar, cal elixiría?
(Canturrea)
Con varios dos que traballei, volvería facelo: Icíar Bollaín, Fernando
León, Gutiérrez Aragón, Borau,... estiven moi a gusto con eles.
Fliparía traballando con Stephen Frears, supoño. O mellor resulta
que despois traballo con el e é un desastre.
No
caso de Reixa, xa é unha relación de anos...
Si,
é case familiar (risas). Entendémonos moi ben e nunca chegamos a
extremos, xa nos coñecemos e sabemos por onde temos que ir. Nunca
chega a haber confrontación, temos unha conexión moi especial.
¿Que metas tes para o futuro?
Puf...
¡de todo! Eu considérome moi novo.
Si,
pero a pesar diso, xa tes moito traballo detrás...
Si,
pero considero que son etapas. Agora con esa experiencia, hai que
sabela utilizar para aprender cada día máis do oficio. Isto é interminable.
Podería estar facendo esto toda a vida, mentres os ósos aguanten.
E inimaxinable o que podes chegar a facer nesta profesión. As personaxes
sempre están incompletas. Son como a xente que coñeces, ó cabo dos
anos decátaste de que non o coñecías realmente. E un proceso do
que hai que disfrutar.
|