|
Camilo
Nogueira, ex-eurodiputado e membro da Executiva do BNG
"Galiza
é un país urbano e industrial como outro calquera de Europa"
Aldara Iglesias.- O que fora elixido deputado no Parlamento
Europeo, Camilo Nogueira, foi motivo nestes días dunha grande sorpresa
na sociedade galega ó confirmar a súa decisión de impulsar unha
candidatura alternativa que disputará ó portavoz nacional
do Bloque, Anxo Quintana, a presidencia do Consello Nacional na
XII Asamblea Nacionalista, que terá lugar a comezos de decembro.
Aquel ó que Suso de Toro evocou nun dos seus escritos por "pagar
uns altos prezos persoais por defender os seus ideais" está
preparado para defender ao seu país "dende unha postura
plural, de esquerdas e nacionalista".
Señor
Nogueira, ven de presentar en rolda de prensa a súa intención de
impulsar unha candidatura ao consello nacional coa intención de
servir como "alternativa política". Quen está con vostede
nesta labor?
Máis
que quén está comigo debería dicirse con quén estou eu. Eu só son
un máis neste grupo; despois está Esquerda Nacionalista, moitos
da lista dos Non AdscritosŠ Pero é unha candidatura aberta
a todo o mundo.
O
día 7 do vindeiro mes reuniránse os membros desta candidatura para
perfilar o seu programa político. Cáles serán as liñas de actuación
a seguir?
O día
7 faremos unha conferencia co fin de presentarnos de maneira oficial
na próxima Asamblea. Debatiremos o noso documento e prepararemos
a nosa candidatura á dirección do Consello. En canto ás liñas de
actuación, queremos manter unha posición política que responda aos
intereses da sociedade galega de hoxe. Actualmente propóñense programas
que non son compatibles coa nosa realidade social. Galiza é un país
urbano e industrial como outro calquera de Europa, aínda que segue
a ser marxinado en moitos aspectos.
Esquerda
Nacionalista apoiou e adscribiu o documento elaborado polo seu grupo
e presentado ó público en xullo deste verán. Qué fins o unen a vostede
e a Rodríguez Feixoo?
Pois
que ambos queremos responder ás necesidades de Galiza dende unha
postura plural, de esquerdas e nacionalista. Queremos falar da economía,
sentar as bases da nosa nación e perfilar cal é a súa relación con
España así como entendela dentro de Europa.
Neste
documento invitábase á reflexión dentro do Bloque. Hai dentro do
partido disposición de reflexionar?
A reflexión
paréceme indispensable. O Bloque pasou de ser en 2001 a primeira
forza da oposición a estar moi por detrás do PSOE nas últimas eleccións.
Non compartimos a súa visión só por ter chegado á Xunta; trátase
dunha visión desvirtuada. O Bloque cae en picado e eles chámanlle
renovación. Parécenos unha grave falta de comprensión á sociedade
galega.
Hai
quen non seu momento viu detrás do documento unha especie de "plataforma
anti-quintana"Š
Nós
non temos a Quintana como referencia, é só unha peza máis dunha
directiva equivocada.
X.M.Beiras
presentou, pouco despois de vostedes, outro documento crítico coa
actual directiva do BNG xunto con outros membros do Consello. Van
as súas posturas por camiños paralelos?
Eu
non son quen de falar por outros, pero nós non teríamos problema
con que se uniran ós nosos obxectivos.
Cómo
se perfila ó seu parecer, o novo Estatuto?
Non
sei ao final cómo quedará, pero se Galiza non é recoñecida como
nación o BNG non debería asinar ningún acordo porque racharía
coa súa base ideolóxica.
O
Consello botou abaixo o fin de semana pasado a proposta de Quintana
de sustituír o sistema de asamblea actual polo de delegados comarcais.
Foi unha proposta precipitada?
Este
tipo de decisións hai que levalas a debate valorando as necesidades
de conxunto. Por eso Quintana saíu derrotado, só quixo garantir
un resultado favorable na Asamblea Nacional.
Xa
para rematar, como viviu vostede a oleada de incendios e como valoraría
a xestión de Suárez Canal?
De
Suárez Canal non quero falar, é o meu compañeiro. Sen dúbida estamos
ante unha nefasta política anti incendios que xa ven de atrás. Aínda
así, a posición do BNG de ao falar de terrorismoŠ non me parece
unha terminoloxía progresista, precisamente.
|