|
José
Manuel Barreira, director de Bren Entertainment:
"Preferimos
as historias clásicas, ás que lle aportamos unha visión diferente"
noticiasgalicia.- Galicia é xa toda unha factoría
da animación. En parte, grazas a Filmax Animation, que conta cun
estudio de animación en Santiago. Bren Entertainment, dirixido por
José Manuel Barreira (A Fonsagrada, 1960), acaba de rematar a película
de animación en 3D 'Donkey Xote', que se estreará en breve.
¿Como xurdiu 'Donkey Xote'?
A hora de escoller proxectos, preferimos historias clásicas, ás
que lle aportamos unha visión diferente. Aínda que non rexeitamos
facer historias orixinais, como 'Gisaku' ou 'Nocturna', a verdade
é que tanto 'El Cid', como 'Pinocho', 'Donkey Xote', ou 'Pérez,
o ratiño dos teus soños', están baseadas en historias moi coñecidas.
'Donkey Xote' pensouse como algo en clave de comedia dando a visión
de Rucio da historia do Quixote.
Debe ser curioso traballar con actores creados por un mesmo...
Eu teño experiencia en traballar con actores e con debuxos. A verdade
é que os animadores son actores, que actúan a través do boneco,
é algo que temos moi claro. Eles poñen o punto de interpretación
e crean a personaxe. A expresividade, a actuación da personaxe,
é deles, que lles dan vida a través das ferramentas informáticas.
¿E fácil atopar animadores 3D en Galicia?
Si, en España en xeral sempre houbo unha tradición de bos animadores
en 2D, e moitos deles pasaron xa ó 3D. O que sabe animar, faino
igual en 2 ou en 3D, porque é un arte. O único que cambia é a ferramenta.
Hai unhas fornadas interesantes que saen das escolas, no Máster
de Animación Dixital da Universidade de A Coruña, e tamén hai moito
autodidacta. Hai moi bos animadores en Galicia, pero non temos problema
en traer a traballar a Santiago a xente de Italia, Canadá, Francia,...
Veñen a Bren sen problema.
¿Como valora a situación do cinema de animación en Galicia?
Galicia está na primeira fila dende hai algúns anos, porque aquí
confluíron as iniciativas dalgúns emprendedores de poñer aquí a
súa división de animación, como Filmax, cun proxecto que calificaría
de moi ambicioso, ou Dygra e Continental, coa súa sección de animación.
Filmanova ten interese en poñer en marcha proxectos de animación...
Dende o punto de vista de volume de investimento e de risco que
se toma, o volume de producción de Bren Entertainment, de seis películas
en seis anos, maioritarias ou en coproducción con outros países,
é dunha dimensión que nos sitúa como unha das empresas referentes,
non só en España, senón a nivel europeo.
¿Cales son eses riscos ós que se enfronta Bren?
Temos feito proxectos de 2D e 3D arriscados, como 'Gisaku', que
é o primeiro 'anime' feito en Europa, ou películas puramente en
3D como 'Pinocho' ou 'Donkey Xote', con orzamentos moi grandes e
retos tecnolóxicos importantes. Agora fixemos un reto novidoso na
industria europea con 'Pérez, o ratiño dos teus soños', que integra
imaxe real e 3D, que tivo un grande éxito en Arxentina.
Iso require moito investimento, ¿con que axudas contan?
O principal activo que temos é a nosa ferramenta de ventas internacional,
Filmax International, a nosa distribuidora, que nos permite financiar
as películas, máis que con axudas, con realidades de ventas internacionais.
Eso dános grandes satisfaccións e a posibilidade de seguir apostando
por esa liña.
¿Notan perxuízos pola piratería?
Aínda non hai moito estiven manifestándome cos videoclubes de Galicia,
pioneiros en España en empezar a denunciar o grande problema que
ten a industria dos contidos no mundo enteiro e en particular en
España, porque somos o primeiro país do mundo en pirateo. Estános
afectando moitísimo, fainos plantexar moitas cousas e afecta a moitísimos
postos de traballo nas produtoras e en empresas tan próximas como
os videoclubes.
Distribúen a nivel internacional, pero aquí podemos ver as animacións
en galego...
Julio Fernández [presidente de Filmax] foi pioneiro na distribución
das cintas en galego e en castelán cando aínda non ofrecían axudas
por iso. 'O pico das viúvas', do ano 93, é unha das primeiras dunha
longa lista de títulos distribuidos ou producidos por Filmax dobrados
ó galego. Dende o principio, houbo esa sensibilidade por parte de
Filmax e creo que demostramos que se podía facer. Na animación,
non temos feito ningunha que non estea dobrada ó galego.
¿E como é aceptado polo público?
Eu creo que eso está resolto, a TVG fixo un gran traballo nese sentido
e hoxe pode ver un producto audiovisual en galego e xa non chama
a atención. A dobraxe non é un problema, e incluso ás veces incluso
ten maior calidade cá dobraxe en castelán ou outra lingua. Creo
que ninguén rexeita ver unha copia de cine en galego.
|