|
Fernando
González Laxe, coordinador do monográfico "O sector pesqueiro: presente
e perspectivas":
"Galicia
non debe destinar os próximos fondos europeos de pesca á destrución
ou redución de barcos"
 |
"O pesqueiro é o sector económico galego que asumiu máis
riscos ao longo da súa historia"
noticiasgalicia.- O sector pesqueiro de Galicia vive un
proceso de adaptación constante, nun contexto no que o conxunto
de países dedicados a esta actividade están a revisar e redefinir
as súas estratexias. Así o afirma o director do Instituto de Estudos
Marítimos da Universidade da Coruña (UDC), Fernando González Laxe,
que vén de presentar un estudo monográfico da Revista Galega de
Economía centrado na xestión deste eido en Galicia.
O ex presidente da Xunta, coordinador da publicación xunto coa profesora
de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC), María do
Carme García Negro, considera que o reparto do Fondo Europeo de
Pesca (FEP) para o vindeiro período 2007-2013 debe servir para axustar
os recursos existentes ás capacidades da frota e para decidir cantos
barcos faenarán sempre "baixo criterios de sostenibilidade".
¿A
que obxectivos debe dirixir Galicia o fondo comunitario de pesca
do vindeiro exercizo 2007-2013?
Nunca para destruír ou reducir barcos. O obxectivo da política pesqueira
comunitaria ten que ser o de axustar os recursos existentes ás capacidades
da frota, aplicando primeiro o coñecemento científico para medir
cantos recursos temos e podemos extraer para non poñelos en perigo,
e logo adaptalo á potencialidade da frota, o número de embarcacións
e o caladoiro ou zona onde se faenará.
¿Como se poden combinar os factores socioeconómicos e políticos
da pesca coa explotación sostible dos recursos? Hai que
garantir a explotación racional dos recursos e evitar poñelos en
perigo para as xeracións futuras. Até hai pouco tempo pensabamos
que o mar era libre e que os peixes e mariscos eran bens comúns
que pertencían a todo o mundo. Hoxe os bancos marisqueiros e pesqueiros
están pechados ou limitados porque hai un efecto contaminante procedente,
non dos pescadores ou dos mariscadores, senón doutro tipo de sectores,
aos que debemos chamar a atención para que corrixan os seus verquidos.
¿De que xeito se compatibiliza esa racionalidade dos recursos coa
competitividade económica?
Non se trata de prohibir a pesca, senón de poñer vedas temporais
ou recurtes territoriais, entre outros mecanismos de regulación
posibles. Galicia afrontou nos últimos anos todos estes desafíos.
[O pesqueiro] é o sector económico que asumiu máis riscos ao longo
da súa historia. Pasoulle de todo, desde grandes cambios internacionais,
xurídicos, comerciais, avances tecnolóxicos e mesmo as consecuencias
derivadas de cambios climáticos ou de quecemento do planeta. Sempre
é quen [a comunidade galega] de bordealos sen problemas.
¿Pódese falar na actualidade dun proceso de reconversión no sector
pesqueiro galego?
Non, estamos nun momento de adaptación, que neste sector é constante.
A súa grande vantaxe é que a poboación medra e, polo tanto, necesita
alimentos. O peixe é un dos alimentos e dos máis saudables, polo
que sempre haberá unha gran demanda de peixe. Temos que coidar moito
a trazabilidade, garantir aos consumidores que o peixe que van consumir
foi capturado, manipulado e distribuído baixo criterios racionais.
¿Atravesa o sector un momento de redefinición no plano comunitario?
Si, están todos os países redefinindo as súas estratexias. O Reino
Unido, a Francia, o Portugal e a España, entre outros, debaten agora
se deben asignarse dereitos individuais de pesca a cada embarcación
ou debe manterse os dereitos territoriais.
Tamén se discute sobre quen decide a exclusividade de poder
pescar, ¿unha empresa ou un territorio? Neses debates, ¿que
papel xoga o comercio dos produtos pesqueiros?
Hai que introducir o comercio responsable no plano internacional
e prohibir aquelas especies pesqueiras que foron capturadas con
artes non regramentarias, en épocas non aconsellables ou en zonas
prohibidas. Aí débense poñer todo tipo de obstáculos. Temos que
pescar e comerciar todos de maneira responsable e buscar que o ecosistema
mellore e non se altere.
|