|
María
José Rubio, conselleira de Sanidade:
"A
Consellería non está en crise, isto non é máis que un reaxuste de
equipo"
 |
noticiasgalicia.- Rubio
confirma que proporá ó ex xerente do Meixoeiro de Vigo para relevar
a Rodríguez á fronte da Secretaría Xeral do Sergas
Os rumores de crise na Consellería de Sanidade non cesan dende que
onte se fixo público o relevo de parte da cúpula do Servizo Galego
de Saúde (Sergas). Sen embargo, a titular do departamento sanitario,
María José Rubio, é taxante ó respecto: "Aquí non hai ningunha crise,
isto non é máis que un reaxuste de equipo", afirma en referencia
ó cese voluntario do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas,
Pablo Vaamonde, e á destitución "por exclusión" do secretario xeral,
Antolín Rodríguez, o número dous da Consellería.
Son múltiples as especulacións acerca das causas que provocaron
a marcha destes dous altos cargos, ¿a que se debe?
Pois tal e como dixemos dende un primeiro momento isto non responde
máis que a un reaxuste de equipo que decidín facer aproveitando
a circunstancia de que Pablo Vaamonde me viña manifestando o seu
desexo de deixar a política para voltar á práctica clínica. Pareceume
adecuado facelo agora, pero baixo ningun concepto, e isto quero
deixalo claro, responde a un motivo de falta de confianza ou deslixitimación.
Todo o contrario, as dúas persoas que se van son dous profesionais
de gran valía que fixeron un traballo absolutamente encomiable.
Aínda que a saída de Vaamonde sexa voluntaria, o secretario xeral
foi destituido. Hai quen vincula a súa caída a desencontros políticos
no seo da Consellería, ¿que hai de certo nisto?
Rexeito absolutamente ese argumento porque en ningún momento houbo
disensións políticas no meu departamento. A marxe de todas as discusións
que poida haber nun equipo, afortunadamente porque senón non seríamos
un grupo activo e dinámico, sempre acadamos por acordo todas as
decisións políticas.
A partida que se destina a Sanidade nos presupostos de 2007 crece
por debaixo da media. ¿O reaxuste no seu departamento ten algo que
ver con estes orzamentos?
Absolutamente nada que ver. Os presupostos de 2007 son uns orzamentos
bos. O ano pasado Sanidade creceu case un 12 por cento e era moi
difícil manter ese ritmo de crecemento. Pero foi un crecemento que
xa se consolidou e en 2007 sube máis dun sete por cento. Estes presupostos
son unha gran aposta social e dentro do ámbito social son uns bos
presupostos para Sanidade.
Listas de espera
O PPdeG atribúe os ceses ó incremento das listas de espera e considera
que a situación estalou no seu departamento...
A situación que herdamos si que estaba estalada, con 7.000 pacientes
agochados, aínda que daquela estas cousas non se sabían porque a
transparencia era nula. En canto ó incremento, dicir que durante
2006 a lista disminuiu dunha forma importante, obtendo un resultado
boísimo que non se deu en toda a traxectoria do Goberno do PP. Evidentemente
no verán incrementáronse as listas, pero iso para nada é unha situación
catastrófica nin caótica senón esperable, o que nos permite manter
o obxectivo de chegar ós 95 días en decembro. Polo tanto que a oposición
utilice outros argumentos porque eses non son para nada creíbles.
Sen embargo a oposición insiste en ver os datos do Complexo Hospitalario
de Pontevedra como maquillados...
Este tema si que ten ironía, porque pretenden utilizar os bos resultados
deste hospital para falar de maquillaxe, cando o descenso das listas
de espera neste centro son resultado do traballo dun equipo de profesionais
que realmente son merecedores de todas as felicitacións, xa que
demostran que todos os hospitais galegos poden acadar estos resultados.
No seu día xa dixen que unha auditoría externa confirmou a veracidade
dos datos, o que pasa é que estes non lle interesan ó PP. Xa me
gustaría a mín que no conxunto da comunidade as listas de espera
fosen como as do CHOP pontevedrés.
Relevos
Unha vez confirmados os ceses soan xa varios nomes para relevar
os que se van, ¿asumirá o ex xerente do Meixoeiro de Vigo a Secretaría
Xeral do Sergas?
Efectivamente a miña vontade é propoñer a Cayetano Rodríguez Escudero
para ese cargo, aínda que será o Consello da Xunta quen terá que
confirmar o seu nomeamento o vindeiro xoves.
¿Quen relevará a Vaamonde?
Indudablemente teño á persoa na cabeza, pero permíteme que todavía
non prantexe o seu nome, xa que ó longo da semana teremos tempo
de revelalo.
¿E a nova reubicación do xa ex secretario xeral do Sergas?
Proximamente tamén poderemos anunciar as súas novas responsabilidades.
Eu agardo que siga dentro do sistema pola súa cualificación, ademais
de porque é unha persoa absolutamente leal coa nosa política.
|