 |
noticiasgalicia.- LO
presidente e impulsor da SAT Monte de Trabada, Daniel Villapol, recolleu
este venres en nome do grupo o galardón do décimo segundo Premio Aresa
de Desenvolvemento Rural, promovido pola empresa luguesa Aresa e a
Universidade de Santiago, nun concorrido acto que tivo lugar na Facultade
de Veterinaria de Lugo.
A cerimonia estivo presidida polo reitor da Universidade de Santiago
de Compostela, Juan Casares Long, e contou coa presenza dos membros
do xurado desta edición, composto polo propio reitor; o presidente
do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación
e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o reitor
da Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro, Carlos Alberto
Sequeira; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia,
Antonio Fontenla Ramil. Tamén asistiron a conselleira de Medio Rural
e do Mar, Rosa Quintana, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo e
outras personalidades do eido político, social e económico de Galicia,
vinculados moitos deles á economía do rural, así como varios dos premiados
en edicións anteriores.
Mellora da economía rural
Galicia, especialmente a provincia de Lugo, é unha gran potencia forestal
e o proxecto gañador constitúe a un claro exemplo das vantaxes da concentración
de propiedades para a xestión e o aproveitamento da madeira de maneira
sostible. O galardón deste ano recoñece a traxectoria da Sociedade,
con sede no Concello lugués de Trabada, e a súa contribución ao desenvolvemento
da economía galega xa que uns dos grandes problemas que padece é a
dispersión da propiedade e a gran superficie improdutiva. Valorouse
así o traballo desenvolvido na explotación forestal, que tras diversas
concentracións parcelarias permitiu agrupar baixo a fórmula de S.A.T.
a 327 propietarios e un total de 1.157 hectáreas efectivas nos montes
do Concello de Trabada, o que supuxo converter 7.338 fincas en 513,
facéndoas produtivas. A xestión conxunta desta superficie facilita
o traballo mecanizado e reduce os custes de transporte, o que incrementa
sensiblemente a súa rendibilidade económica.
Conferencia
No transcurso do acto, o reitor da Universidade de Trás-os-Montes e
Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira, pronunciou a conferencia ŒO sector
primario, a crise económica e un mundo sustentable¹ na que fixo unha
pormenorizada análise do sector primario, destacando como fitos fundamentais
a Teoría de Malthus -a poboación progresa xeometricamente e os alimentos
aritmeticamente-, a Revolución Verde, a introdución da P.A.C. e a revolución
que se produciu na gandería co aumento da demanda da carne e a leite.
Rematou a súa intervención argumentando cómo o sector primario pode
supoñer unha saída da complicada situación actual e as oportunidades
que esta crise abre para o sector.
Sete candidaturas
O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, ao que este ano se presentaron
un total de sete candidaturas, está dotado con dez mil euros. Recoñece
e incentiva o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais
cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan
na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da
economía luguesa, dando prioridade á sustentabilidade dos recursos
naturais e ao respecto á natureza. No certame prémianse traballos de
investigación, iniciativas emprendedoras ou traxectorias profesionais.
Doce anos de traxectoria
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 por iniciativa
do presidente da corporación coa intención de favorecer o desenvolvemento
e a promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á
Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ó sector labrego
polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura
e a gandería que ofrece. Os doce anos de traxectoria fan del un certame
recoñecido e asentado na sociedade galega e no sector profesional ao
que se dirixe, acadando gran importancia pola súa permanencia, polos
currículos dos premiados en todas as edicións e pola dotación económica.
Gañadores
Na primeira edición do certame, o premio recaeu na industria cárnica
Novafrigsa; na segunda foi Javier Guitián, profesor da USC, o que viu
recoñecido o seu traballo como investigador; o terceiro Premio Aresa
destacou o labor desempeñado pola Aula de Produtos Lácteos de Lugo;
na cuarta convocatoria foi distinguido o chantadino Xosé Manuel Silva
Rodríguez como director xeral de Agricultura na Comisión Europea. O
quinto Premio Aresa foi para a IXP Ternera Gallega; a sexta convocatoria
do galardón mereceuna o programa televisivo ŒO Agro-Labranza¹; o Consello
Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra foi recoñecido na
sétima convocatoria e a Queixería Casa Macán de Taboada acadou o galardón
na oitava edición. O noveno premio recaeu no traballo da Facultade
de Veterinaria de Lugo. Cando o premio cumpriu unha década, recaeu
en Ingapan; e na ultima edición foi galardoada a Asociación Nacional
de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega.
|