|
noticiasgalicia.-
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes
resolveu a primeira fase do concurso de ideas para a construción
do novo auditorio da cidade de Lugo en Magoi. O xurado, como
órgano colexiado, seleccionou a cinco concursantes de entre
os 18 arquitectos que presentaron solicitudes en función dos
seus méritos e logo de comprobar a súa capacidade, solvencia,
experiencia, calidade contrastada e premios obtidos no exercicio
da súa profesión. Eses cinco concursantes, segundo o procedemento
restrinxido polo que se convocou o concurso o pasado 25 de
abril, serán invitados agora a participar na segunda fase
do concurso. Os seleccionados son:
-Frechilla & López-Peláez Arquitectos FLP. S.L.
-Paredes Pedrosa Arquitectos, S.L.
-Mangado y Asociados, S.L.
-Martínez Lapeña-Torres Arquitectos, S.L.
-Andrés Perea Ortega
Os invitados a participar na segunda fase que agora se abre
deberán presentar un anteproxecto do edificio. Sobre eses
cinco anteproxectos o xurado elixirá a mellor proposta e encargará
ao seu autor ou autores que elaboren o proxecto final do novo
auditorio. Para esta segunda fase, os traballos presentados
serán valorados en función dos criterios de valor arquitectónico,
artístico e calidade do deseño; de viabilidade funcional,
técnica e económica; e de sostenibilidade do deseño e custe
de mantemento e conservación. Tamén se avaliarán aspectos
como a integración no contexto urbano, a idoneidade dos medios
que os concursantes de comprometen a achegar para a redacción
do proxecto e o prazo no que se comprometen a entregar o proxecto
básico e de execución. O obxectivo da Consellería de Política
Territorial é que o vindeiro ano se poidan empezar as obras.
A CPTOPT destina un total de 100.000 euros en premios para
este concurso de ideas de xeito que o autor do anteproxecto
gañador, ademais de ser o encargado de elaborar o proxecto
definitivo, recibirá un premio de 50.000 euros. Outorgaranse
tamén premios de 30.000 euros ao segundo clasificado e de
20.000 euros ao terceiro.
O xurado deste concurso está formado polo seu presidente (o
cargo de director xeral de Urbanismo), cinco vogais (dous
representantes da Consellería de Política Territorial, un
designado polo Concello de Lugo, outro pola Consellería de
Vivenda e Solo e outro en representación do Colexio de Arquitectos
de Galicia), un representante da Asesoría Xurídica Xeral da
Xunta de Galicia e outro da Intervención Xeral da Xunta.
Datos técnicos O investimento estimado pola Dirección Xeral
de Urbanismo para a construción do auditorio de Lugo ascende
a 15,5 millóns de euros. Con estas previsións, a Consellería
de Política Territorial xa ten reservado un fondo inicial
de 14 millóns de euros (fronte aos cinco previstos polo anterior
Executivo) para garantir a materialización do novo edificio,
que terá unha superficie total construída de 9.000 m2.
Segundo o prego de características técnicas establecidas no
concurso, o futuro auditorio de Lugo contará cun gran salón
de actos con aforo para 900 persoas (entre patio de butacas
e anfiteatro), e con outra sala de teatro, concertos e conferencias
con aforo para 300 persoas.
Así mesmo, disporá dunha área complementaria para congresos
e exposicións (de 500 m2 de superficie), escola de música
(con catro aulas con almacén para instrumentos), mediateca
(dotada con sala de lectura e consulta, área de información
e préstamos, arquivo, sala de proxeccións e cabinas individuais)
e zonas de usos públicos colectivos e área administrativa.
Tamén se construirá un aparcadoiro que contará con 300 prazas
como mínimo.
|