 |
noticiasgalicia.-
O
Arde Lucus 2012 quenta motores a catro meses de que se celebre e a
casa consistorial acolleu onte unha reunión na que se decidiu impulsar
unha iniciativa nova, a elaboración por parte de locais de hostalería
de toda a cidade de menús e tapas romanas e castrexas nas semanas previas
á festa, que este ano será entre o 22 e o 24 de xuño.
A concelleira de benestar social, igualdade e mocidade, Carmen Basadre,
entrevistouse cunha vintena de hostaleiros de diferentes zonas da cidade
para deseñar esta proposta que pretende dedicar gran parte do mes de
xuño, entre os días 8 e 22, á gastronomía romana e castrexa.
"Haberá menús degustación e tapas en todos os locais que se somen,
que se poderán apuntar de xeito gratuíto entre o 15 e o 29 de febreiro»,
comentou Basadre, quen indicou que os hostaleiros interesados poderán
pedir información no teléfono 010, na dirección de correo electrónico
xuventude@concellodelugo.org ou na oficina de información xuvenil do
centro social Uxío Novoneyra. A edil engadiu que todos os inscritos
aparecerán nunha guía na que se explicará cales son os participantes
nesta actividade. Basadre destacou ademais que o encontro foi unha
reunión «moi satisfactoria na que se dialogou moito" e explicou
que a partir de agora centraranse en dar difusión a esta iniciativa
co obxectivo de que se somen locais de todos os barrios da cidade.
Ademais, reiterou que a proposta non é un concurso e que os hostaleiros
teñen liberdade á hora de pór prezo aos menús e tapas romanas e castrexas.
|