 |
noticiasgalicia.-
A Concelleira de Benestar
Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, anunciou
que a undécima edición do Arde Lucus, Festa de Interese
Turístico de Galicia, vai ter lugar os días 22, 23 e 24,
que cadra co último fin de semana de xuño.
Carmen Basadre explicou que a data escollida foi porque
"non temos unha data fixa senón que o facemos dependendo
de cando coincide a festividade do Corpus e este ano cadra
xusto os dous fins de semana anteriores co cal non hai máis
días dentro do mes de xuño."
Tamén quixo lembrar que esta festa naceu para conmemorar
o solsticio de verán polo cal as datas desta celebración
sempre son as máis próximas ao día 21 de xuño.
A Concelleira aproveitou para agradecer aos veciños, as
asociacións culturais, as entidades públicas e privadas
todo o apoio e o traballo que realizaron durante estes anos
e invitounos a seguir participando na undécima edición da
festa. Tamén destacou que "esta cita festiva se está
consolidando como unha das actividades máis recomendadas
a nivel español e europeo, polo que temos que seguir traballando
para seguir mellorando en cada edición."
Neste sentido, avanzou que xa mantivo as primeiras reunións
con asociacións para comezar a traballar no Arde Lucus 2012
e que durante as dúas semanas previas se vai celebrar o
Lucus Cultural, co que se pretende levar aos barrios diferentes
talleres e actuacións para que todos os veciños se impliquen
nesta festa de época romana. Basadre salientou que "a
pesares de reducir nun 15% o presuposto para esta festa
non vai a baixar en calidade xa que apostaremos por unha
maior implicación dos cidadáns" aínda que destacou
que "teremos que tirar de imaxinación para seguir innovando
e presentando un cartel sorprendente."
Cartel Anunciador
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude,
informou que por primeira vez o cartel anunciador vaise
seleccionar a través dun concurso de carteis aberto a toda
a población que queira participar. O prazo para poder presentar
os traballos é entre o xoves 12 de xaneiro e o 29 de febreiro
e para seleccionar ao gañador valorarase o predominio da
cor vermella como simboloxía do lume. O premio para o gañador
é de 1.000 euros.
|