USC ofrecerá
o vindeiro curso un máster oficial en Arquitectura da paisaxe
|
noticiasgalicia.-
Formar especialistas no deseño, planificación e xestión de contornos
naturais é o obxectivo do novo Máster Oficial en Arquitectura
da paisaxe, unha transformación do título propio das Universidades
de Santiago e A Coruña que se imparte dende hai catro anos e
que agora se adapta ao Espazo Europeo de Educación Superior.
Neste programa interuniversitario, que promove e financia a
Fundación Juana de Vega, participan a Escola Politécnica Superior
de Lugo e a área de Xeografía da USC xunto á Escola Politécnica
Superior de Arquitectura Técnica da UDC. O novo máster en Arquitectura
da paisaxe pretende converterse en referente da formación de
arquitectos paisaxistas en España. O seu programa abrangue a
planificación, a análise e o deseño da paisaxe en xeral, o uso
da vexetación, e todo o que se refire á integración de proxectos
de infraestruturas no entorno natural.
Ademais, este curso aborda tamén a execución e posterior mantemento,
xestión, conservación e restauración da paisaxe, tanto pública
como privada, no medio urbano, rural e forestal. Profesores
da USC, da Universidade da Coruña e doutras universidades españolas,
así como arquitectos paisaxistas de países como Portugal, Reino
Unido ou Escocia, e profesionais do ámbito privado con ampla
experiencia en actuacións sobre a paisaxe participarán neste
máster que se impartirá en dous cuadrimestres, de luns a venres
en horario de tarde, na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros
(A Coruña). Este renovado curso de posgrao presentárono este
martes na Escola Politécnica Superior de Lugo a súa coordinadora
na USC, María Isabel Iglesias; o director da Escola Politécnica
Superior de Lugo, Javier Bueno; o director da Fundación Juana
de Vega, José Manuel Andrade; e a directora da Escola Galega
da Paisaxe, Isabel Aguirre.
Destinatarios e matrícula
O máster en Arquitectura da paisaxe conta un total de vinte
prazas, que se dirixen principalmente a arquitectos, biólogos,
xeógrafos, xeólogos e a enxeñeiros agrónomos, de montes, de
camiños, de minas ou de canles e portos. Tamén poderán ser admitidos,
logo de valorarse o seu currículo, arquitectos técnicos, enxeñeiros
técnicos agrícolas, forestais, de obras públicas ou enxeñeiros
técnicos de minas que acrediten tres anos de experiencia profesional
nunha empresa pública ou privada. Os interesados en realizar
este máster poden matricularse nas Universidades de Santiago
e da Coruña nos prazos establecidos por cada institución.
O máster
A formación en arquitectura da paisaxe está amplamente estendida
e constitúe en moitos países unha titulación universitaria de
grao dende hai moitos anos. O Máster de Arquitectura da Paisaxe
Juana de Vega nace no ano 2006, froito dun convenio de colaboración
entre a USC, a Universidade da Coruña e a Fundación Juana de
Vega, co ánimo de cubrir o burato formativo que existía no sistema
universitario español e galego en relación á disciplina da arquitectura
da paisaxe e os coñecementos a ela vinculados.
|
|
canal
islas
atlánticas
|
canal
vinos
|
canal inmobiliario
|
canal
viajar
|
canal
empleo
|
canal
pueblos
|
canal
golf
|
canal
museos
|
canal
directorio
|
canal
empresas
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|