O Concello tratará de volver a poñer en marcha
os paneis solares do Ceao, que levan máis dun ano sen producir enerxía
|
|
|
noticiasgalicia.-A
concelleira de lnfraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira,
informou esta mañá de que o Concello de Lugo tentará volver poñer en
funcionamento a área de novas tecnoloxías do Ceao, que leva máis dun
ano parada. Ao remate da Comisión de Urbanismo, Medio Ambiente e Infraestruturas,
que analizou a situación destas instalacións, a responsable de Infraestruturas
indicou que foi encargado un informe técnico para avaliar o estado real
da planta de enerxías renovables, así como o custo necesario para a
súa posta en funcionamento.
Paz Abraira explicou que este proxecto custou no seu momento 756.000
euros e contou cunha subvención do Ministerio de Industria de 181.000
euros. Neste momento non está a producir enerxía por unha serie de problemas
nestas instalacións. A concelleira nacionalista explicou que houbo "deficiencias
construtivas que non foron subsanadas por parte da empresa adxudicataria
polo que a obra non foi aínda recibida polo Concello, que se incautará
da garantía depositada".
A responsable de Infraestruturas anunciou que ademais de funcionar como
centro experimental e de divulgación das enerxías alternativas, o Concello
tentará sacarlle un rendemento económico tanto ás placas solares como
ao aeroxenerador, para que produzan ingresos ao Concello, pero xa avanzou
que "vai custar cartos volver a poñelo en funcionamento".
A decisión final que se tome en relación a estas instalacións vai depender
deses custos. Con todo, Paz Abraira reiterou que o obxectivo no que
se traballa inclúe tres eixos fundamentais: - valorizar as instalacións
xa construídas mediante a súa posta en funcionamento. - evitar deste
xeito ter que devolver ao Ministerio a subvención de 181.000 euros concedida
no seu momento. - aproveitar as primas autorizadas ao Concello para
a produción de enerxías limpas alternativas A responsable de Infraestruturas
e Axenda 21 indicou que a solución a estas instalacións será incluída
dentro das actuacións enmarcadas dentro da Axenda 21 como medida de
promoción das enerxías limpas e de concienciación social de uso responsable
das fontes de enerxía.
|
| |
|
|
|
|
|
|
|