|
noticiasgalicia.-
As mellores compañías de teatro clásico volverán darse cita en Lugo
no mes de febreiro na XII edición da Mostra de Teatro Clásico, que
este ano abre o abano de xéneros e acollerá dende obras en formato
clásico a montaxes máis contemporáneas sobre textos clásicos ou mesmo
comedias de humor sobre personaxes coma Shakespeare. O tenente alcalde
e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, presentou esta
mañá esta programación, que se extenderá do 5 ao 14 de febreiro.
As representacións serán ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo
Freire. Abrirá a mostra o domingo 5 a compañía vasca Ur Teatro, que
porá en escena Macbeth, de William Shakespeare. Antón Bao destacou
a espectacular montaxe desta obra, dirixida por Helena Pimenta, que
ven de ser nomeada Directora do Centro Dramático español e que é a
especialista máis destacada na obra de Shakespeare a nivel de todo
o estado. Ademais, esta montaxe conta ademais coa peculiaridade de
que a música corre a cargo do Coro de Voces Graves de Madrid, que interpretarán
composicións da ópera de Verdi como ambientación musical da obra. Ao
día seguinte, o luns 6 e baixo a dirección de Quico Cadaval, Evaristo
Calvo e Víctor Mosqueira interpretarán Shakespeare para Ignorantes,
unha divertida comedia sobre o destacado escritor inglés que foi representada
no principal certame de Teatro Clásico a nivel estatal, o Festival
de Teatro Clásico de Almagro, obtendo un enorme éxito. O mércores 8
será o turno de La Celestina, un dos tres grandes mitos universais
creados pola literatura española xunto ao Quixote e a Don Juan. A obra
de Fernando de Rojas será posta en escena pola compañía Secuencia 3.
Entre o reparto atópase Genma Cuervo, unha das máis destacadas actrices
españolas, no papel de Celestina.
O sábado 11 Lugo renderá homenaxe ao centenario de Cunqueiro representando
unha das súas obras imprescindibles, O incerto señor don Hamlet, que
porá en escena a compañía Sarabela Teatro. Baixo a dirección de Ánxeles
Cuña, a compañía ourensá porá enriba do escenario o texto escrito polo
autor de Mondoñedo, a última montaxe do destacado escenógrafo galego
Suso Díaz, recentemente falecido. Para rematar, o sábado 14 pechará
a Mostra de Teatro Clásico de Lugo deste ano outra obra mestra, Auto
de la Sibila Casandra, do autor portugués Gil Vicente, interpretada
pola compañía Nao d¹Amores, unha das mellores compañías de teatro clásico
do estado español. Esta obra ten a particularidade de contar con ambientación
musical en directo, con instrumentos de época ao vivo como viola de
gamba, frautas ou clave. A obra de Gil Vicente foi a primeira obra
de teatro na península que tratou abertamete un tema feminista: o dereito
da muller a elixir libremente o seu destino. Política de prezos asequibles
Antón Bao explicou tamén que dentro da nova política de prezos do Concello
para as actividades culturais optouse por rebaixar sensiblemente o
prezo das entradas da Mostra de Teatro Clásico co obxectivo de popularizar
a cultura e facela accesible a toda a poboación. Os prezos para as
distintas representacións están entre os 4 e os 10 euros, con descontos
para parados, estudantes e pensionistas. Tamén existen bonos con descontos
para as 5 funcións. O tenente alcalde e responsable de Cultura destacou
que un parado, un xubilado ou un estudante poderá asistir ás cinco
representacións por tan só 20 euros, que era o prezo que o ano pasado
custaba algunha das obras.
Outra das novidades da edición deste ano é que se habilita un novo
punto de venda anticipada para as entradas e os bonos. Ademais de poder
adquirirse a través de internet, no portal de venda online de NovaGaliciaBanco,
e unha hora antes do comezo de cada espectáculo na taquilla do propio
Auditorio Municipal Gustavo Freire, tamén se poderán mercar anticipadamente
na Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, a partir
do día 4 en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas. Antón
Bao tamén detallou, a preguntas dos xornalistas, o orzamento da Mostra
de Teatro Clásico deste ano, que é de 50.000 euros. O tenente alcalde
destacou o importante aforro conseguido con respecto á edición do ano
pasado, de préto de 35.000 euros, grazas á boa xestión realizada e
a un arduo traballo de negociación coas distintas compañías, "sen
que esta importante redución supoña unha merma na calidade da Mostra",
destacou.
|