|
noticiasgalicia.-
O presidente e impulsor da SAT Monte de Trabada, Daniel
Villapol, recolleu este venres en nome do grupo o galardón
do décimo segundo Premio Aresa de Desenvolvemento Rural,
promovido pola empresa luguesa Aresa e a Universidade de
Santiago, nun concorrido acto que tivo lugar na Facultade
de Veterinaria de Lugo. A cerimonia estivo presidida polo
reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares
Long, e contou coa presenza dos membros do xurado desta
edición, composto polo propio reitor; o presidente do grupo
Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación
e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón;
o reitor da Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e
Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira; e o presidente da Confederación
de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla Ramil. Tamén
asistiron a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana,
o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo e outras personalidades
do eido político, social e económico de Galicia, vinculados
moitos deles á economía do rural, así como varios dos premiados
en edicións anteriores Mellora da economía rural Galicia,
especialmente a provincia de Lugo, é unha gran potencia
forestal e o proxecto gañador constitúe a un claro exemplo
das vantaxes da concentración de propiedades para a xestión
e o aproveitamento da madeira de maneira sostible.
O galardón deste ano recoñece a traxectoria da Sociedade,
con sede no Concello lugués de Trabada, e a súa contribución
ao desenvolvemento da economía galega xa que uns dos grandes
problemas que padece é a dispersión da propiedade e a gran
superficie improdutiva. Valorouse así o traballo desenvolvido
na explotación forestal, que tras diversas concentracións
parcelarias permitiu agrupar baixo a fórmula de S.A.T. a
327 propietarios e un total de 1.157 hectáreas efectivas
nos montes do Concello de Trabada, o que supuxo converter
7.338 fincas en 513, facéndoas produtivas. A xestión conxunta
desta superficie facilita o traballo mecanizado e reduce
os custes de transporte, o que incrementa sensiblemente
a súa rendibilidade económica.
Conferencia No transcurso do acto, o reitor da Universidade
de Trás-os-Montes e Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira,
pronunciou a conferencia 'O sector primario, a crise económica
e un mundo sustentable' na que fixo unha pormenorizada análise
do sector primario, destacando como fitos fundamentais a
Teoría de Malthus -a poboación progresa xeometricamente
e os alimentos aritmeticamente-, a Revolución Verde, a introdución
da P.A.C. e a revolución que se produciu na gandería co
aumento da demanda da carne e a leite. Rematou a súa intervención
argumentando cómo o sector primario pode supoñer unha saída
da complicada situación actual e as oportunidades que esta
crise abre para o sector.
Sete candidaturas
O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, ao que este ano
se presentaron un total de sete candidaturas, está dotado
con dez mil euros. Recoñece e incentiva o I+D nos eidos
agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar
a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan
na zona rural galega, con especial atención ás particularidades
da economía luguesa, dando prioridade á sustentabilidade
dos recursos naturais e ao respecto á natureza. No certame
prémianse traballos de investigación, iniciativas emprendedoras
ou traxectorias profesionais.
Doce anos de traxectoria
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000
por iniciativa do presidente da corporación coa intención
de favorecer o desenvolvemento e a promoción do medio rural
galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago
de Compostela, vinculada ó sector labrego polas múltiples
titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura
e a gandería que ofrece. Os doce anos de traxectoria fan
del un certame recoñecido e asentado na sociedade galega
e no sector profesional ao que se dirixe, acadando gran
importancia pola súa permanencia, polos currículos dos premiados
en todas as edicións e pola dotación económica. Gañadores
Na primeira edición do certame, o premio recaeu na industria
cárnica Novafrigsa; na segunda foi Javier Guitián, profesor
da USC, o que viu recoñecido o seu traballo como investigador;
o terceiro Premio Aresa destacou o labor desempeñado pola
Aula de Produtos Lácteos de Lugo; na cuarta convocatoria
foi distinguido o chantadino Xosé Manuel Silva Rodríguez
como director xeral de Agricultura na Comisión Europea.
O quinto Premio Aresa foi para a IXP Ternera Gallega; a
sexta convocatoria do galardón mereceuna o programa televisivo
'O Agro-Labranza'; o Consello Regulador da Denominación
de Orixe Ribeira Sacra foi recoñecido na sétima convocatoria
e a Queixería Casa Macán de Taboada acadou o galardón na
oitava edición. O noveno premio recaeu no traballo da Facultade
de Veterinaria de Lugo. Cando o premio cumpriu unha década,
recaeu en Ingapan; e na ultima edición foi galardoada a
Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto
de Raza Rubia Galega.
|