|
noticiasgalicia.-
A edil responsable da área de infraestructuras, a nacionalista
Paz Abraira, anunciou hoxe a adxudicación definitiva das
obras de rehabilitación da ponte romana de Lugo. Unha obra
segundo Paz Abraira "vai transformar completamente
a fisionomía da ponte romana de Lugo" e que vai permitir
"recuperar un importantísimo elemento patrimonial do
concello e poñer en valor o barrio da Ponte". Adxudicouselle
a obra de Rehabilitación da Ponte Romana a empresa Misturas
S.A, con sede en Ourense, por un importe de 688.048,56 ¤
e un prazo de execución de 113 días (4 meses), obténdose
polo tanto unha baixa de 261.901.44 ¤ sobre o prezo do contrato
(27% menos) e unha redución do prazo de execución de 2 meses.
Para a execución destas obras presentáronse 21 empresas,
das que 3 foron excluidas por non presentar a documentación
administrativa requerida. 3 delas estaban en baixa temeraria
polo prezo (UTE Xestión Ambiental, UTE Jesús Martínez e
UTE Alvac-Ros Zapata), e 4 en baixa temeraria polo prazo
(UTE Ribedurero, Antalsis S.L, Misturas S.A e ExtracoS.A)
Non se aceptan por parte dos técnicos municipais as propostas
de xustificación das baixas temerarias por prezo, nin a
baixa temeraria por prazo dunha das empresas, a de Extraco
S.A., e si as das outras 3 empresas.
A rehabilitación da vella ponte romana de Lugo executaráse
neste verán e servirá para que o viaducto recupere a súa
imaxe orixinal. Os traballos, que consistirán na retirada
dos elementos engadidos en reformas posteriores e na substitución
das canalizacións e do cableado que hoxe cruza pola ponte,
durarán catro meses e terán un 688.048,56 ¤ de euros, segundo
explicou hoxe a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista
Paz Abraira. O Ministerio de Fomento financiará o 75% da
obra con fondos do 1% Cultural e o Concello porá o 25% restante.
Será necesario agardar aos meses de verán para acometer
os traballos, segundo explicou Paz Abraira, xa que será
necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para
poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana.
A ponte está cimentada directamente sobre a pena que aflora
nesa entreseca do río Miño e debido a enchentas e acometidas
do río algúns dos sillares sufriron deterioro co paso do
tempo que é preciso reparar. Está previsto asemade baixar
a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que
se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario
e ao Paseo do Miño. O proxecto contempla tamén retirar a
actual estrutura metálica colocada nos anos 70 para ensanchar
a ponte e colocar barandas de sillería. Tamén se cambiará
o pavimento, que volverá a ser de pedra posta de punta,
tal como era orixinalmente. Ao mesmo tempo, aproveitarase
para renovar todas as canalizacións de auga, luz, gas e
telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte e que actualmente
cruzan polo viaducto, que pasarán a ir agochadas.
Durante as obras garantirase o acceso aos veciños e o paso
do bus urbano
A concelleira mantivo diversas xuntanzas coas asociacións
de veciños do barrio para organizar o desenvolvemento das
obras e todos os temas relativos ao tráfico e o transporte
público no camiño de causar aos residentes as menores molestias
posibles pois mentres duren as obras non van poder facer
uso da ponte romana. Durante o tempo que duren as obras
será necesario cortar ao tráfico a vella ponte, polo que
se adoptarán medidas para garantir o servizo de bus urbano
ou outros. A responsable de Infraestruturas reiterou que
quere "que as obras que vai acometer o Concello a partir
de agora estexan ao servizo dos veciños", polo que
defendeu que "os veciños serán os primeiros informados
das obras que se van a acometer nos seus barrios para que
poidan opinar sobre elas". "Esta é unha práctica
que queremos aplicar en diante: a colaboración permanente
cos veciños e veciñas para evitar molestias innecesarias",
afirmou a concelleira nacionalista.
|