banner   p   banner
linea
linea
    Galicia iconotiempo España
noticiasvigo  
p confidencial
  CORUÑA   SANTIAGO   FERROL   LUGO   OURENSE   PONTEVEDRA VIGO  Envio de titulares   Agregar a favoritos   Recomienda esta Página
linea
          google callejero cine trafico labolsa

Nace a plataforma en defensa da Radiotelevisión pública galega

 

noticiasgalicia.- Este mércores día 14 de marzo presentábase no CGAC a plataforma en defensa dos medios públicos que se crea ante a vaga de recortes que están a pór en perigo a supervivencia dos medios públicos e outros servizos públicos; ante as intencións dos gobernos galego e estatal de desmantelar os medios de comunicación propios, que cualifican de "superfluos, deficitarios e que non consideran servizo público esencial" e en defensa de medios imparciais, plurais e con control democrático por parte da cidadanía. Candido Pazó e Lola Ferreiro, foron os encargados de presentar a plataforma e expor as razóns que levaron á súa constitución. Xunto a eles, e para manifestar o seu apoio ao manifesto ao que se deu lectura ao remate do acto, asistiron tamén representantes das xa 30 organizacións políticas, sindicais e sociais adheridas á plataforma. Nas súas interevencións denunciaron que a recente modificación da lei de creación da CRTVG abre as portas á privatización encuberta do ente público e á súa redución a unha institución de valor anecdótico.

Unha lei que, explicaron, non recolle as melloras reais que precisan os medios públicos galegos e que mesmo compromete seriamente o seu futuro. Medidas que deberían garantir a pluralidade, a independencia, a profesionalidade e a eficiente xestión da compañía de radiotelevisión pública de Galiza. A plataforma parte da necesidade de que os galegos e galegas contemos cun vehículo de comunicación, expresión e difusión "da nosa esencia e do noso ser como país". E alerta de que "se desaparecen a radio e a televisión públicas acabará desaparecendo parte do noso acervo histórico, cultural, lingüístico e audiovisual", alén do garante dun dereito fundamental da cidadanía: "o dereito á información rigorosa, á emisión de programas do interese de todas e todos, desde unha orientación ampla, imparcial, non partidista, que contribúa a deconstruír os prexuízos e fomente a pluralidade e a igualdade de xénero".

Preténdese, xa que logo, buscar un compromiso de cambio que, explicaron, debe ser real e debe ser exixido tanto a goberno como a oposición "como mulleres e homes suxeitos de dereito e non obxecto de privilexios de quen goberna". En consecuencia, a plataforma aposta por uns medios públicos profesionais, honestos, transparentes na súa xestión, sustentábeis e responsábeis coa sociedade "á que se deben, que finalmente é quen as paga". Antes de dar lectura ao manifesto, Lola Ferreiro explicou tamén que os medios audiovisuais públicos son un servizo esencial de interese xeral, que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a diversidade cultural e lingüística, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social, a promoción dos dereitos cívicos e as liberdades públicas e a calidade da propia democracia. Os integrantes da plataforma coinciden en considerar que estes contidos non son simples mercadorías destinadas ao consumo, senón que transmiten valores, contribúen a construír un xeito de ver o mundo e a xerar estados de opinión.

"Por iso requiren dun control democrático, exercido pola cidadanía, que debe estabelecer os criterios orientadores sobre eses contidos e vixiar o seu cumprimento". Este é o servizo que consideran que debería e que só pode prestar o servizo público de radiodifusión. Porén, consideran que hoxe, a radiotelevisión pública está sometida a unha "estratexia xeneralizada de acoso e derribo".

Estratexia que, advertiron, vai máis alá das tradicionais críticas de carácter ideolóxico, legal ou financeiro e que busca "cuestionar a natureza mesma da súa existencia". O obxectivo, denuncian, é facer "innecesario, insostíbel e mesmo indesexábel o mantemento da radiotelevisión pública", aproveitando a coartada da crise económica para impor recortes no gasto público, introducindo as receitas neoliberais, do mesmo xeito que se está a facer co resto dos servizos públicos. De feito, afirman que "o desmantelamento dos medios de comunicación públicos non é un feito illado, senón que forma parte dunha estratexia xeral para a desarticulación dos servizos públicos e, xa que logo, dos dereitos da cidadanía". Por iso denunciaron que, de fondo, están os intereses políticos e privados de favorecer as canles privadas e de pago, que buscan asegurarse o beneficio económico á conta da calidade do servizo público e das condicións do emprego. Unha estratexia na que se inscribe, ao seu entender, a Lei de Medios público de comunicación audiovisual de Galiza.

Candido Pazó deu lectura ao manifesto, no que se recollen os principais aspectos que defende a plataforma, desde a identidade nacional e o impulso á normalización lingüística, até o respecto aos dereitos humanos, pasando pola promoción da igualdade entre mulleres e homes, con especial atención á infancia e á mocidade; cunha programación e servizos audiovisuais variados e gratuítos; veraz, imparcial, independente, respectando a pluralidade de fontes e actores; que estimule a participación democrática e que fomente o acceso universal aos servizos relacionados coa Sociedade da información. Todo isto contando cos medios materiais e humanos necesarios para desenvolver con autonomía o papel encomendado e cumprir ademais coa súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual.

MANIFESTO EN DEFENSA DA CRTVG
Neste contexto, as persoas abaixo asinantes, representantes de organizacións sociais, sindicais, políticas, profesionais e académicas, e cidadás e cidadáns particulares, consideramos que a sociedade galega está ante un momento crucial para mellorar e afianzar o seu modelo de servizo público de comunicación, e expresamos a nosa vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:

1. Que defenda a identidade nacional de Galiza, promova o coñecemento e a difusión da súa historia e a súa cultura e impulse a normalización da súa lingua. O galego será a lingua vehicular de todas as emisións e contidos dos medios audiovisuais públicos, debéndose atender e coidar a calidade lingüística das mesmas.

2. Que impulse o coñecemento e o respecto aos dereitos humanos (dos homes, das mulleres e da infancia), cívicos e políticos recoñecidos nos tratados e normas internacionais. 3. Que promova a igualdade entre mulleres e homes, desde o uso dunha linguaxe non sexista, ata a introdución da perspectiva de xénero en todos os contidos (económicos, políticos, sociais, culturais, deportivos, etc), incluíndo o tratamento informativo da saúde, da educación e da violencia de xénero e, en xeral, a imaxe que se ofrece das mulleres.

4. Que dedique especial atención, pola súa importancia futura para a sociedade, á infancia e á mocidade, reforzando a función educativa e socializadora dos medios audiovisuais na transmisión dos valores cívicos e democráticos, incluíndo expresamente a promoción da igualdade de xénero.

5. Que ofreza gratuitamente un conxunto de programacións e servizos audiovisuais variados, equilibrados e de calidade para todos os públicos e que asegure aqueles contidos destinados a satisfacer as necesidades e demandas das minorías máis desfavorecidas da nosa sociedade, atendendo ás súas problemáticas específicas, a prol da integración e a cohesión social. 6. Que informe con veracidade, imparcialidade e independencia, con respecto á pluralidade de fontes e actores, afastándose da banalización e o sensacionalismo e coa profundidade e contextualización necesarias para a cabal comprensión dos feitos que se informan.

7. Que estimule a participación democrática mediante unha regulación que asegure a aplicación efectiva e sistemática do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos significativos, segundo criterios obxectivos de representación ou implantación social, sen que poida excluírse a expresión dos grupos sociais que representan as minorías lexítimas da sociedade nin as formacións políticas sen representación parlamentar, en atención ao respecto ao pluralismo.

8. Que fomente o acceso universal aos servizos relacionados coa Sociedade da Información, participando no progreso tecnolóxico e na utilización das novas técnicas de produción e difusión de programas e servizos audiovisuais, incluídos os dixitais e en liña, susceptíbeis de enriquecer e completar a súa oferta de programación.

9. Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas, mantendo en todo caso o equilibrio entre a utilización efectiva e eficiente dos seus propios recursos e o obrigado cumprimento das cotas que, conforme á lexislación vixente, lle corresponde á industria audiovisual independente.

10. Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente con transparencia, evitando as contratacións opacas e a concentración das compras nun número reducido de provedores.

Por último, instamos ao Parlamento de Galiza a regular por lei, á maior brevidade posíbel, a creación dunha autoridade audiovisual independente do goberno e dos operadores, que vele polo cumprimento da normativa reguladora do sector audiovisual xestionado pola Xunta, nomeadamente das obrigas de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados neste manifesto.

 
 
síguenos también en Facebook
l
canal islas
atlánticas
canal vinos
canal inmobiliario
canal viajar
canal empleo
canal pueblos
canal golf
canal museos
canal directorio
canal empresas
islasn
vinon
inmobiliarian
descubren
empleon
pueblosn
golfn
museosn
directorion
empresan
©Publicidad & noticiasdegalicia S.L.
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad | Tarifas Publicidad