|
noticiasgalicia.-
Expertos
en acuicultura de Galicia e representantes da Organización
de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO)
viaxan a Centroamérica e Perú nunha misión de diagnose sobre
a acuicultura rural, dentro do proxecto "Acuicultura
rural e de pequena escala para o desenvolvemento sustentable
en América Latina e o Caribe", que levará a cabo o Centro
Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR por encargo da Consellería
de Pesca e Asuntos Marítimos. A realización do devandito proxecto
enmárcase dentro do Memorando de Entendemento que a titular
do citado departamento autonómico, Carmen Gallego, asinou
con representantes de FAO en Roma no mes de xullo.
Entre as accións contempladas dentro dese acordo de cooperación
atópase esta inicitiva para o desenvolvemento da actividade
acuícola en América Latina e o Caribe, cuxo obxectivo é mellorar
os resultados da acuicultura rural e de pequena escala mediante
módulos de produción que fomenten a capacidade técnica e a
formación dos acuicultores dos países interesados. Nese contexto,
a delegación conxunta FAO-Xunta de Galicia visitará entre
o 23 de agosto e o 12 de setembro
El Salvador, Nicaragua, Costa Rica, Panamá e Perú co fin de
coñecer sobre o terreo o desenvolvemento da acuicultura neses
países, así como a súa infraestrutura. Ademais, os integrantes
da misión manterán reunións con autoridades e representantes
de organismos de investigación para identificar as institucións
que poderán participar activamente neste proxecto. Por parte
de Galicia participarán na misión de diagnose José Luis Rodríguez
e María del Carmen Andrés, do Instituto Galego de Formación
en Acuicultura (Igafa); Grabriel de Labra, do Centro Tecnolóxico
do Mar, e os investigadores José Iglesias e José Peleteiro,
do Centro Oceanográfico de Vigo.
Por parte de FAO viaxarán Doris Soto, oficial do servicio
de Ordenación y Conservación de la Acuicultura (FIMA) do departamento
de Pesca y Acuicultura, e Jorge González de la Rocha, oficial
principal de dito departamento. Como resultado da misión elaborarase
un documento de proxecto para a súa posterior aprobación por
parte dos países e organismos participantes. Prevese que a
formulación definitiva do proxecto estará finalizada en novembro
de 2008 de cara a súa posta en marcha no primeiro trimestre
de 2009.
|