O BNG
propón a compra do 51% das accións do FROB por parte da
Xunta como única alternativa á absorción de Novagalicia
pola gran banca
|
|
|
 |
noticiasgalicia.- O
portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o portavoz
nacionalista no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera,
presentaron en rolda de prensa unha iniciativa para impedir
a previsíbel absorción de Novagalicia Banco pola gran banca".
A iniciativa, presentada en forma de proposición de Lei no
Congreso dos Deputados, propón unha serie de cambios na normativa
estatal para facer posíbel que os poderes públicos galegos,
a través dun plano de financiamento, se fagan co 51% de Novagalicia
banco -actualmente o FROB, é dicir o Estado, ten o 92% do
seu capital- e garantir así que o seu centro de decisión se
manteña en Galiza e conservar o seu carácter público, ao servizo
da economía galega.
En palabras de Francisco Jorquera, "o plano para que
a Xunta de Galiza se faga con ese 51% é perfectamente viábel:
un investimento ao longo de 10 anos de 1.350 millóns de euros,
a razón de 135 millóns ao ano, o que representa tan só o 1,2%
do orzamento da Comunidade Autónoma". "Se hai vontade
política é posíbel, e o PP terá que aclararse permitindo a
nivel de Estado estes cambios normativos e, na Xunta de Galiza,
elaborando este plan para preservar o carácter galego e público
da nosa principal institución financeira", subliñou Francisco
Jorquera.
Evitar que se Novagalicia banco se entregue á gran banca a
prezo de saldo
E é que, segundo advertiu o portavoz nacional do BNG, Guillerme
Vázquez, de non acometerse este plan proposto polo BNG "Novagalicia
banco será absorvida irremediablemente pola gran banca a prezo
de saldo". Guillerme denunciou que "neste proceso
de liquidación das caixas galegas o señor Feijoo foi un cooperador".
Como mostra do que cualificou como "rotundo fracaso do
presidente da Xunta para defender as caixas galegas"
lembrou "non so o FROB entrou en Novacaixagalicia e fíxose
co máis do 90% das accións, senón que a nova dirección de
Novagalicia banco fracasou tamén no proceso de captación de
capital: dos até 700 millóns que anunciaban tan só se quedou
en 70 millóns, apenas un 10% do previsto".
"E iso si, cos novos directivos con salarios multimillonarios
outra vez, e diso debería dar conta tamén Feijoo, porque algo
tivo que ver el con esta nova dirección", advertiu Guillerme.
Neste sentido, o portavoz nacional do BNG subliñou que "hoxe
é máis imprescindíbel ca nunca que se constitúa xa unha Comisión
de Investigación no Parlamento Galego para que a sociedade
galega coñeza a verdade do que pasou". Por último, Guillerme
volveu defender a necesidade de ³camiñar cara a banca pública
ante a evidencia de que a banca privada non cumpre coas súas
funcións".
|
| |
|
|
|
|
|
|
|