|
O
sector audiovisual esixe a Touriño que cumpra
coas medidas de apoio comprometidas
noticiasgalicia-
Máis dun mes despois da reunión mantida co presidente
da Xunta, Emilio Pérez Touriño, as asociacións
de profesionais e empresarios do sector audiovisual
piden o cumprimento dos compromisos adoptados
polo máximo mandatario galego para superar as
dificultades que atravesa o denominado sector
estratéxico. Ante todo, as oito organizacións
subliñan a necesidade de convocar "urxentemente"
as mesas de traballo que reúnan os profesionais
e empresarios involucrados no sector así como
coas distintas administracións con competencia
no audiovisual, tal como anunciara o titular do
Goberno autonómico.
O pasado día 30 de maio, as asociacións enviaron
unha carta a Touriño na que sinalaban a urxencia
da convocatoria da mesa, "sen obter ata o momento
resposta algunha". Os implicados lembran ademais
que o presidente acordara unha segunda reunión
co sector para setembro ou outubro coa fin de
repasar os logros acadados.
Dende o sector, indican que a situación "empeora
día a día", e evidencian que a día de hoxe "non
se realizaron gran parte dos pagos" correspondentes
ás convocatorias de axudas a proxectos audiovisuais
do ano 2007, uns retrasos que afectan a "máis
da metade dos proxectos aceptados", segundo afirma
o presidente da Asociación de Actores e Actrices
de Galicia, Vicente Montoto. Ademais, critican
que aínda non se convocaran as axudas anuais á
produción e promoción de longametraxes, xa que
consideran que a convocatoria "nunca se retrasara
tanto".
|