A Secretaría Xeral de Comunicación pon en marcha a campaña "Comunícate"

noticiasgalicia.- O director xeral de Comunicación Audiovisual presentou a nova campaña para a promoción e uso da rede de telecentros de comunicación Comunícate e o estudo realizado pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual sobre o funcionamento actual da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC). A campaña, nace, tal e como destacou Fernández Iglesias, "unha vez coñecido o resultado do estudo posto en marcha para detectar os problemas e as necesidades dos diferentes concellos onde hai situado un telecentro de comunicación". Coa campaña búscase, segundo Fernández Iglesias, que os concellos "logren o máximo rendemento posible da Rede de Telecentros de Galicia".

A través da campaña presentada, a Secretaría Xeral de Comunicación pretende dinamizar os telecentros e dar a coñecer todas as súas potencialidades naqueles concellos onde están instalados. Así, a campaña Comunícate inclúe unha serie de accións coas que se pretende dar resposta aos aspectos menos alentadores detectados polo informe sobre os telecentros.

Na súa intervención, Fernández Iglesias destacou que a campaña se vai desenvolver polo convencemento de pór en valor as instalacións despregadas pola Secretaría Xeral de Comunicación. Queremos converter os telecentros "en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías", salientou. Así, destacou que o obxectivo dos telecentros pasa por "aplicar un modelo de traballo en rede e dar formación á cidadanía, fomentar o uso das tecnoloxías da comunicación e a alfabetización audiovisual".

Así, entre as medidas concretas que se levarán a cabo, o director xeral de Comunicación audiovisual citou: a identificación axeitada dos telecentros nos concellos nos que están instalados; a realización de xornadas informativas sobre o seu funcionamento e posibilidades para os responsables, asociacións e colectivos de interese; a axuda aos concellos na posta en marcha de iniciativas locais, aproveitando as sinerxías que xorden entre administración local e autonómica; detectar usuarios potenciais e darlles información para que usen o telecentro; utilizalos para achegar os proxectos nos que traballa a Dirección Xeral, así como concienciar aos concellos da importancia dun responsable local que dinamice as accións a desenvolver para sacarlle unha maior rendibilidade.

O director xeral de Comunicación Audiovisual destacou que con estas accións se pretenden conseguir varios obxectivos. Así, explicou que se pretende dar a coñecer a Rede de Telecentros e os recursos que ofrece aos responsables dos concellos e usuarios potenciais; conseguir que sexan puntos de encontro e sirvan como canles de comunicación; acadar que se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía; crear unha comunidade virtual de usuarios e responsables; e xerar a destreza e práctica adecuada que fomente a autoxeración de actividades por parte dos usuarios. Todo elo encamiñado a conseguir que o concello poida liderar o telecentro con total operatividade e autonomía. "O concello debe xerar dinámicas internas de traballo para avanzar na difusión e uso das novas tecnoloxías da comunicación", subliñou.


canal islas
atlánticas
canal vinos
canal inmobiliario
canal viajar
canal empleo
canal pueblos
canal golf
canal museos
canal directorio
canal empresas
©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad | Tarifas Publicidad