O buque "Irmáns García Nodal" de gardacostas acompaña a un boniteiro vasco que regresa a porto por unha vía de auga

noticiasgalicia.- O buque de apoio "Irmáns García Nodal" do Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, está acompañando ao boniteiro vasco "Mariñel", que participaba na Costeira do Bonito e se viu obrigado a regresar a porto despois de sufrir unha vía de auga a 75 millas ao Suroeste de Irlanda.

O "Irmáns García Nodal" navega pegado ao pesqueiro con porto base na localidade de Hondarribia e está previsto que, sobre as 15 horas de hoxe, as dúas embarcacións se atopen cun remolcador a 360 millas desa localidade vasca, a onde o barco chegará previsiblemente na madrugada do vindeiro xoves.

Os feitos remóntanse á xornada de onte a mediodía, cando o buque de Gardacostas foi informado de que o ³Mariñel² sufrira unha vía de auga que, se ben lle permitía seguir navegando, o obrigaba a regresar a terra anticipadamente. Por precaución, o Goberno vasco púxose en contacto coa Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia solicitando o apoio do "Irmáns García Nodal" mentres o pesqueiro non se atopara cun remolcador enviado polo devandito Executivo.   

Deste xeito, unha vez remate o acompañamento ao "Mariñel", o buque de apoio da Consellería de Pesca regresará aos caladoiros onde continúan faenando outros pesqueiros adicados á captura de bonito para seguir prestándolles a asistencia necesaria ata finais deste mes.

A Administración pesqueira galega apoia habitualmente á frota que participa na Costeira do Bonito con medios do Servizo de Gardacostas, concretamente a través dos buques "Sebastián de Ocampo" e "Irmáns García Nodal", que viaxan xunto cos pesqueiros aos caladoiros do túnido. O obxectivo da súa presenza é prestar apoio e asistencia á frota boniteira, comprobar que as embarcacións autorizadas para a pesca cumpren coa normativa vixente e cerciorarse de que as frotas comunitarias participantes cumpren coa prohibición do emprego de artes de enmalle á deriva.

Entre a tripulación dos barcos de Pesca atópase un ATS que presta a atención médica de emerxencia necesaria aos tripulantes das embarcacións e ademais viaxa cos axentes de Gardacostas un biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) que realiza labores de observador co fin de procurar documentación e datos sobre avistamento de cetáceos e de mamíferos mariños.

Así mesmo, os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, do Servizo de Gardacostas, colaboran durante a campaña en todas aquelas actuacións para as que son requiridos, dentro do seu radio de acción.

canal islas
atlánticas
canal vinos
canal inmobiliario
canal viajar
canal empleo
canal pueblos
canal golf
canal museos
canal directorio
canal empresas
©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad | Tarifas Publicidad