|
noticiasgalicia.-
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de asinar
un convenio de colaboración co Instituto Tecnolóxico
para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar)
e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón
de Galicia para levar a cabo a segunda anualidade do
subproxecto "Avaliación do impacto dos métodos
e niveis utilizados para o control de toxinas de mexillón",
enmarcado no Plan Nacional "Cultivo de Mitílidos:
expansión e sostibilidade", aprobado a finais de
2006 pola Junta Asesora de Cultivos Marinos (Jacumar)
e no que tamén participan Andalucía, Baleares, Canarias
e Cataluña.
Esta iniciativa na que participan Pesca, o Intecmar
e o Consello Regulador trata de centrarse na avaliación
do impacto dos métodos e niveis empregados para o control
das toxinas do mexillón, causantes das mareas vermellas.
De feito, na nosa comunidade autónoma o maior problema
do cultivo de mitílidos radica na presenza de toxinas,
principalmente PSP e DSP, que provocan importantes perdas
económicas, tanto pola súa incidencia no recurso como
polo alto custo dos sistemas de control empregados.
Segundo o cronograma previsto, nesta segunda anualidade
continuarase, como xa se fixo o exercicio pasado, coa
recollida de mostras e co estudo comparativo da eficacia
técnica e económica dalgúns dos novos sistemas de cuantificación
de toxinas e a súa repercusión no sistema de control.
Ademais, realízase un estudo da sensibilidade das metodoloxías
dispoñibles e as posibles consecuencias económicas derivadas
da aplicación de diferentes niveis de toxicidade. Para
levar a cabo o seguimento, interpretación e avaliación
das accións derivadas do convenio créase unha comisión
de seguimento integrada por representantes das tres
partes que asegure o bo fin e o cumprimento do mesmo.
Ademais, dende o Intecmar e o Consello Regulador adquírese
o compromiso de informar periodicamente da marcha dos
traballos a través dos correspondentes informes ao responsable
do proxecto e investigador principal do mesmo. A importancia
desta actuación radica en que Galicia é un dos principais
produtores de mexillón a nivel mundial, á vez que o
mitílido das nosas augas foi o primeiro produto do mar
en acadar o distintivo Denominación de Orixe Protexida
outorgado pola Unión Europea. De feito, no ano 2007
as bateas do noso litoral produciron máis de 208.000
toneladas deste recurso, o 94 por cento da produción
de acuicultura mariña da nosa comunidade autónoma.
|