Pesca libera 1.800 xuvenís de lumbrigante en Lira no marco do plan de repoboación de especies mariñas

noticiasgalicia.- Técnicos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), situado na Illa de Arousa e dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, realizaron esta mañá a solta de 1.800 xuvenís de lumbrigante en Lira, no concello coruñés de Carnota. Os exemplares, cunha talla media de 5,5 centímetros e que teñen sete meses de vida, foron liberados no entorno da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro "Os Miñarzos", concretamente nas proximidades da praia Mar de Lira, ante a atenta mirada dunha vintena de estudantes.

Esta acción, enmarcada no Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, constitúe a terceira solta de xuvenís de lumbrigante realizada en 2008 e permite elevar a preto de 11.000 as unidades desta especie introducidas no litoral da nosa comunidade dende que escomezou esta iniciativa. Ademais, hai que lembrar que en toda a costa galega xa foron soltados 33.000 exemplares de rodaballo, os últimos foron liberados o pasado venres nas praias de Mexilloeira e O Carreiro, do Grove. Para levar a cabo o cultivo destes lumbrigantes, recóllense no medio natural femias ovadas que se mesturan con outras que son fecundadas nas propias instalacións do Igafa.

As larvas naceron, neste caso, entre os meses de marzo e abril deste ano e o seu preengorde realizouse en batea ata que acadaron a talla ideal para a súa solta no mar. Posteriormente, os exemplares foron marcados cunha etiqueta magnética e codificada dun milímetro de tamaño, que se introduciu no seu interior e que dá un sinal positivo ao seu paso por un detector de metais. Unha vez marcados, os lumbrigantes xa estiveron preparados para poder ser soltados.

Os técnicos do Igafa encargaranse agora de facer un seguimento exhaustivo dos exemplares liberados no medio natural mediante a realización de mostraxes periódicas, aínda que haberá que agardar un par de anos para ter resultados definitivos do proxecto. Non entanto, calcúlase que hai lumbrigantes soltados anteriormente que en breve poderían comezar a quedar retidos nas nasas, polo que técnicos do Igafa están informando ao sector para que presten a súa colaboración en caso de capturar algún destes individuos. Nas instalacións do Igafa continúan, aínda en fase de crecemento, ao redor de 3.500 exemplares de lumbrigante que xa poderán ser soltados a principios do vindeiro ano 2009.


canal islas
atlánticas
canal vinos
canal inmobiliario
canal viajar
canal empleo
canal pueblos
canal golf
canal museos
canal directorio
canal empresas
©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad | Tarifas Publicidad