Carmen Gallego visita as obras do minicriadeiro de moluscos do Freixo para o que Pesca achega máis de 1,2 millóns

noticiasgalicia- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada pola delegada territorial de Pesca na Coruña, Rosa Liaño Pedreira, desprazouse no día de hoxe ata as obras do criadeiro de moluscos de Sabarde (O Freixo), ubicado no concello coruñés de Outes, unha actuación para a que o departamento autonómico achega máis de 1,2 millóns de euros. A súa presenza enmárcase na visita institucional realizada pola titular da Administración pesqueira galega ao Concello de Noia, quen tamén se achegou ata o edificio de apoio á lonxa do Testal.

No percorrido participaron, ademais, o delegado comarcal da Consellería en Ribeira xunto co patrón maior da Confraría de Pescadores noiesa e o portavoz de Pesca do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia. Así, a Conselleira reuniuse primeiramente co equipo de goberno do Concello de Noia, encabezado polo seu alcalde, Rafael García Guerrero, na Casa do Concello. Posteriormente, nun encontro cos medios, Carmen Gallego destacou que o seu departamento leva realizados investimentos, por un importe próximo aos 3,4 millóns de euros dende a súa chegada á Consellería, para actuacións coas que se quere dar resposta ás necesidades manifestadas polos profesionais do mar da zona. Desa partida, unha porcentaxe significativa destinouse á posta en marcha do criadeiro de moluscos de Sabarde; á construción dunha nova lonxa para o porto pesqueiro do Freixo; e ao edificio de apoio á "rula" existente no porto do Testal. Ademais, están previstas, para 2008, outras actuacións por valor de 336.412, polo que a inversión da Consellería en Noia superará os 3,7 millóns de euros ao remate do actual exercicio.

Trala rolda de prensa, a Conselleira e o resto de autoridades desprazáronse ata o veciño concello de Outes para visitar as obras das instalacións do criadeiro de moluscos que xestionará a confraría de Noia e para o que Pesca aporta máis de 1,2 millóns de euros entre as anualidades de 2007 e 2008 (a metade do custo total da infraestrutura). A planta, que suporá a creación de nove postos de traballo fixos e seis eventuais, contará cunha capacidade de produción de 80 millóns de unidades de ameixa ao ano (entre fina e babosa), así como 20 millóns de unidades anuais de ostra.

Ademais, Gallego destacou que esta "hatchery" permitirá ao sector da zona autoabastecerse de semente para trasladar aos bancos naturais e ás praias e así incrementar a produción desas áreas. Neste punto, hai que sinalar que as obras estarán rematadas no mes de outubro e despois aínda serán precisos seis meses máis para completar as instalacións interiores. Así, o criadeiro terá unha superficie de máis de 2.000 metros cadrados, distribuídos entre unha nave de dúas alturas e un invernadeiro. Deste xeito, a primeira das dúas zonas disporá dunha área seca (con salas de equipos, oficinas, despachos, comedor, almacén, vestiarios, sala de reunións e aseos) e unha área húmida. Nesta última haberá unha sala de reprodutores con 240 bandexas, oito estanterías e tres tanques de indución á posta de reprodutores; unha sala de cultivo larvario con 60 litros de capacidade unitaria; unha zona para post-larvas con 48 depósitos de 900 litros de capacidade unitaria e área de 19 piscinas para sementeiro de moluscos de 5.000 litros de volume unitario; e unha sala de cultivo de fintoplancton. Pola súa banda, o invernadeiro adicarase ao cultivo de microalgas en tres alturas de 28 tanques.

Edificio de apoio á lonxa
As autoridades, encabezadas pola titular de Pesca, retornaron con posterioridade ao Concello de Noia, onde se achegaron ata o porto pesqueiro do Testal para visitar o edificio de apoio á lonxa existente, que alberga aseos, vestiarios, almacéns e unha cafetería. Neste caso, a axuda do departamento autonómico ascendeu a case 400.000 euros e a instalación conta cunha superficie construída de 704,06 metros cadrados, se ben a superficie útil é de 660,44 metros.

Neste eido, tamén cabe destacar que Carmen Gallego inaugurou o pasado mes de febreiro a nova lonxa do porto pesqueiro do Freixo, unha obra para a que a Administración pesqueira galega achegou algo máis de 843.000 euros. A nova edificación sitúase no mesmo terreo que ocupaba a anterior ³rula² máis o local e a báscula da Asociación de Produtores Mexilloeiros da Ría de Muros e Noia. A estrutura, de dúas alturas, conta cunha superficie construída de 784,61 metros cadrados e unha superficie útil de 658,07 metros. Na parte baixa conta coa lonxa, unha cámara de conxelación, un almacén, unha oficina, tres vestiarios e un vestíbulo/distribuídor, mentres que na alta ten oficinas, un almacén/arquivo, unha sala de reunións, aseos, un distribuídor e un vestíbulo.


canal islas
atlánticas
canal vinos
canal inmobiliario
canal viajar
canal empleo
canal pueblos
canal golf
canal museos
canal directorio
canal empresas
©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad | Tarifas Publicidad