 |
noticiasgalicia.-
O pasado 31 de decembro a Televisión de
Galicia estableceu unhas novas condicións para o convenio
que desde hai anos mantiña este medio de comunicación con
Meteogalicia para a información do tempo.
O convenio, agora modificado, establecía o asesoramento
técnico para a elaboración dos espazos meteorolóxicos da
cadea que se encargaban de supervisar e presentar científicos
especialistas nese campo procedentes de Meteogalicia e que
a TVG formou como comunicadores.
De feito, a canle autonómica galega foi unha canteira de
meteorólogos especializados en información televisiva da
que se nutriron outros medios públicos para ofrecer a súa
información meteorolóxica. Desde o 1 de xaneiro os espazos
do tempo están supervisados e presentados por redactores
do cadro de persoal da TVG e non por meteorólogos, ao contrario
do que acontece nos restantes medios de comunicación audiovisual.
O Comité de Empresa da Televisión de Galicia manifesta todo
o seu respecto a estes xornalistas, pero considera que prescindir
dos físicos especialistas representa unha grave perda de
rigor e calidade da información meteorolóxica, un servizo
fundamental para un país cun importante sector primario
tanto marítimo como agrario.
Para os representantes sindicais o novo convenio, que podería
terse reducido dos 120 mil euros anuais ata os 60 mil, non
representa ningún aforro económico, xa que a TVG debe asumir
os custos laborais dos novos presentadores cando antes era
Meteogalicia quen se facía cargo do salario dos meteorólogos.
Para o Comité resulta sospeitoso que a cadea tomase esta
decisión pouco despois de que os tres físicos e presentadores
dos que agora se prescinde interpuxesen nos tribunais do
social demandas de recoñecemento de dereitos que afectan
á CRTVG.
|