|
noticiasgalicia.-
A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet
e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), entidade que
aglutina as empresas que desenvolven contidos
para Internet e novas tecnoloxías en Galicia e
cuxa misión é defender os intereses do sector
para así contribuír ao desenvolvemento e adaptación
da cidadanía galega á sociedade da información,
estreou esta semana unha nova sede na capital
de Galicia, máis acorde coas dimensións que adquiriu
desde a súa creación no ano 2000. En concreto,
42 empresas do sector integran na actualidade
a que é a asociación representativa do sector
en Galicia.
A facturación do conxunto das empresas asociadas
a Eganet suma 17.696.171 euros e o número de empregados
directos ascende a 456 persoas. En relación á
dimensión das firmas asociadas, o 98% son microempresas,
é dicir, facturan menos de 2.000.000 de euros.
En canto á antigüidade das firmas que conforman
a entidade, destaca que a metade delas leva no
mercado entre 5 e 10 anos, mentres que o 17 por
cento supera a década de vida.
A traxectoria de Eganet remóntase a hai 8 anos,
cando 17 empresas xuntaron esforzos para constituírense
en asociación. Co tempo, máis firmas se sumaron
na defensa dos intereses comúns, ata as 42 actuais.
En canto ao reparto provincial, a metade das firmas
asociadas teñen a sede na provincia da Coruña,
o 40% na de Pontevedra, e en Lugo e Ourense o
5%, respectivamente. Por cidades, cómpre destacar
que, por exemplo, Vigo concentra o 35% das empresas
asociadas, seguida de Santiago de Compostela,
cun 22 por cento do total e A Coruña, cun 16%.
GABINETE DE TRÁNSITO E NOVOS SERVIZOS
O novo local que acolle a sede de Eganet desde
a presente semana ten unha dimensión de 220 metros
cadrados, o que lle permite á entidade ofrecerlles
aos asociados novos servizos, como son o gabinete
de tránsito, mediante o cal todos os socios poden
acceder ao local para aproveitar o tempo entre
xestión e xestión. No espazo estreado en Santiago
de Compostela, os usuarios dispoñen de acceso
a Internet por WIFI e poden empregar o equipamento
existente. Así mesmo, a asociación pon a disposición
dos asociados unha sala de xuntas para as empresas
que non teñen a súa sede na capital ou que, téndoa,
non está emprazada no centro da cidade. Dado que
Santiago é o centro administrativo de Galicia,
Eganet ofrécelles tamén aos socios a posibilidade
de que o persoal de xestión da asociación realice
os trámites que precisen os asociados. En concreto,
tres son as persoas que traballan a tempo completo
na entidade, que conta así cunha estrutura profesionalizada
da que se benefician as empresas.
OS CONTIDOS SI IMPORTAN
Dentro das reivindicacións realizadas pola Asociación,
entre as que destaca a eliminación da fenda dixital,
a dos contidos é unha das máis significativas.
Neste sentido, asumiu a tarefa de contribuír a
diferenciar as empresas que se dedican a este
labor dentro do sector TIC e evitar que a globalización
terminolóxica que se lle aplica ás firmas dificulte
o recoñecemento dos contidos e do seu valor. Por
iso, Eganet defende a especialización das empresas.
Como obxectivo global, as firmas que conforman
a entidade teñen como liña de traballo conseguir
un sector forte, de calidade, cun futuro con capacidade
para chegar á internacionalización das empresas.
DIRECTIVA A actual directiva de Eganet está constituída
do seguinte xeito: ocupa a presidencia Beatriz
Legerén Lago (en representación da empresa Interacción);
a vicepresidenta primeira é Mª Luz Castro Pena
(Imaxin); vicepresidente segundo, José Miguel
Casal Lage (Shylex); secretaría, Víctor López
García (AVA); tesourería e responsable de comunicación,
Daniel Cerqueiro García (Galinus).
|