|
O PPdeG pide a intervención do Valedor do Pobo
ante a censura e falla de pluralidade na TVG
noticiasgalicia.
-
O PPdeG requeriu hoxe a intervención do Valedor
do Pobo, ante a situación de censura, falta de
pluralidade, neutralidade e imparcialidade informativa
que se produce na TVG no que atinxe ao partido
maioritario en Galicia. Os populares presentaron
unha queixa polo tratamento que da o TVG ao PPdeG,
acompañada dun amplio dossier sobre a manipulación
nos informativos da canle galega.
A canle silencia de xeito habitual as actividades
do partido, conculcando o dereito dos cidadáns
a recibir información veraz e poder formarse unha
opinión libre. Ante a reiterada negativa da CRTVG
a correxir a situación de censura reclamada tanto
no Parlamento de Galicia como no Consello de Administración,
os asinantes desta queixa, no seu propio nome
e en representación do PPdeG, requiren a intervención
do Valedor do Pobo para que adopte as resolucións
que estime oportunas para garantir os dereitos
constitucionais e legais vulnerados.
A queixa está firmada por Alfonso Rueda, secretario
xeral do PPdeG; Enrique López Veiga, membro do
Grupo Popular na Comisión Permamente non Legislativa
de Control da CRTVG e, Mar Sánchez Sierra, Secretaria
Executiva de Comunicación do PPdeG. En concreto
o PPdeG solicita a realización dun recordatorio
aos responsables da TVG dos deberes constitucionais
e legais que teñen que cumprir no funcionamento
televisivo.
Tamén pide a adopción dunha recomendación para
que se tomen as medidas oportunas por unha banda,
para garantir en xeral o pluralismo na TVG e a
realidade da diferente distribución de forzas
entre os diversos partidos; por outra banda, e
xa máis en particular, que se garanta o pluralismo
e a verdadeira distribución de forzas entre os
partidos nos programas informativos, nas entrevistas
e debates que se emitan, e no tratamento dos actos
políticos.
|