Novo Regulamento
de Aguardentes e Licores tradicionais de Galicia
|
|
|
 |
noticiasgalicia.-
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería
do Medio Rural e do Mar pola que se aproba o Regulamento das indi-cacións
xeográficas Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia,
Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia, e do seu consello
regulador común, o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das
Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Unha novidade importante a destacar é que, con esta regulación, o Consello
Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia configúrase
como corporación de dereito público, con personalidade xurídica de seu,
autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos
seus fins. A tutela administrativa será exercida pola Consellería do
Medio Rural e do Mar. Así mesmo, o máximo órgano de goberno do Consello
Regulador é o seu Pleno, que estará formado por un presidente e dez
vogais.
Novo marco legal
A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade
alimentaria galega e o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se
regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario
e os seus consellos reguladores, estableceron o marco legal autonómico
ao que deben axustarse as denominacións de orixe e indicacións xeográficas
e os seus consellos reguladores. Este novo regulamento adáptase a este
marco legal así como ao establecido na nova normativa europea sobre
bebidas espirituosas.
Modificacións técnicas
O regulamento presenta tamén diversas modificacións técnicas, algunha
delas orientada á adaptación aos gustos dos consumidores actuais. Cómpre
destacar que, con estas actualizacións, rebáixase ao 25% a cantidade
de alcohol procedente da destilación de bagazo (augardente) necesaria
na elaboración dos licores de herbas e café. A situación que se está
a dar no mercado é que unha alta porcentaxe da produción comercializada
deste tipo de licores está sen o amparo das indicacións xeográficas
correspondentes, debido a que as características do augardente se fan
notar excesivamente nestas bebidas espirituosas. Por iso o sector optou
por rebaixar ao 25% a cantidade mínima de alcohol de bagazo necesaria
na elaboración destes dous licores de calidade, co fin de que as súas
características organolépticas non se vexan tan influídas polo augardente
utilizado. Con este cambio técnico elaboraranse licores máis ao gusto
dos consumidores, que queren unha bebida máis suave, que non estea tan
personalizada polo augardente de base, pero sen perder a súa tipicidade,
que ven dada fundamentalmente por un xeito de elaboración tradicional.
Augardentes de Galicia
A Augardente de Galicia é unha bebida espirituosa que se elabora mediante
fermentación e destilación de bagazos e lías obtidas a partir de uvas
colleitadas no ámbito xeográfico da Comunidade galega. Esta pode ser
comercializada no ano da súa obtención ou inmediatamente despois dun
período de repouso. De aspecto transparente e incolora, a Augardente
de Galicia presenta un aroma intenso, fino, delicado, con presenza de
notas florais e/ou froitais. O seu sabor é o propio da materia prima
da que procede, con características percibidas na fase olfactiva. Pola
súa parte, o Augardente de Herbas de Galicia elabórase mediante maceración
e/ou destilación do alcohol en presenza das herbas que o caracterizan
(destacan a menta, macela, herba luísa, romeo, ourego, tomiño, coandro,
azar, fiúncho, regalicia, noz moscada e canela). O seu aspecto caracterízase
por unha cor que irá dende amarela pallosa a amarela verdosa. O seu
aroma estará marcado pola augardente de bagazo pero con grandes notas
a herbas aromáticas e especias.
Licores de Galicia
O Licor de Herbas de Galicia faise a partir de augardente amparada pola
indicación xeográfica Augardente de Galicia e alcohol etílico de orixe
agrícola, mediante a maceración das herbas (empregaranse un mínimo de
tres especies de plantas) que o caracterizan en alcohol e/ou destilación
do bagazo en presenza das herbas. Na mestura de alcohois, o contido
mínimo de augardente acollida á indicación xeográfica Augardente de
Galicia será do 25% do total do alcohol absoluto. O seu aspecto presenta
unha cor dende amarela pallosa a amarela verdosa, cun aroma intenso,
fino, delicado, saboroso e amplo, con notas florais, balsámico, con
lembranzas da augardente de bagazo da que procede complementado coas
herbas que o caracterizan. O Licor Café de Galicia elabórase tamén a
partir de augardente amparada pola indicación xeográfica Augardente
de Galicia e alcohol etílico de orixe agrícola, mediante maceración
de café de tostadura natural no alcohol e/ou destilación do bagazo en
presenza de café de tostadura natural. A súa cor, dente tostada ámbar
a tostada caoba, reflexa a intensidade do seu aroma e sabor a café recén
tostado, cacao e chocolate nun fondo dun destilado de augardente de
bagazo fino e elegante.
|
|
|
|
|
|
|
|