|
noticiasgalicia.- As empresas
xornalísticas que realicen publicacións periódicas integramente en lingua
galega poden solicitar ata o próximo venres as axudas convocadas o pasado
13 de xullo no Diario Oficial de Galicia. Estas subvencións, que ascenden
a 63.566 euros, teñen por obxecto a expansión e promoción do uso do
galego nos medios de comunicación e están dirixidas a aquelas empresas
xornalísticas radicadas en Galicia que durante o 2009 difundisen as
súas publicacións periódicas integramente nesta lingua.
Características das publicacións
Para poderen optar a estas axudas, as publicacións deben reunir as seguintes
condicións. En primeiro lugar, é necesario que estean escritas integramente
en galego conforme a normativa oficial vixente. En segundo lugar, deben
publicarse periodicamente e contar cun mínimo de doce números durante
o ano 2009. En terceiro lugar, teñen que ter un mínimo de 20 páxinas
en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou equivalente
noutros formatos) e deben incluír o pé de imprenta con todos os datos
que estableza a lexislación vixente. Finalmente, para recibiren estas
axudas, as publicacións non deben distribuírse como suplementos nin
de forma conxunta con outra publicación.
Afianzar a presenza do galego nos medios de comunicación
As publicacións periódicas escritas integramente en galego teñen unha
importante incidencia na presenza desta lingua nos medios de comunicación.
Consciente disto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística realiza
un importante esforzo para afianzar o uso do galego neste ámbito, así
como para aproveitar esta canle de chagada masiva á cidadanía.
A través da Secretaría Xeral de Medios, convócanse estas axudas no marco,
por unha banda, do Estatuto de Autonomía de Galicia, que establece no
seu artigo 5º que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes
públicos potenciarán o seu uso en todos os planos da vida pública, cultural
e informativa. Por outra banda, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización
lingüística establece tamén o apoio económico e material para os medios
de comunicación que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.
Finalmente, esta convocatoria de subvencións contribúe ao cumprimento
da medida do Plan xeral de normalización da lingua galega de aumentar
a presenza da lingua galega nos medios de comunicación de masas, nas
industrias culturais e na publicidade, de tal xeito que se garanta unha
oferta informativa, lúdica, cultural e formativa completa en galego.
|