 |
noticiasgalicia.-
A que será nova eurodeputada do BNG, Ana
Miranda, e o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, ofreceron
esta mañá unha rolda de prensa na que presentaron as liñas
estratéxicas do traballo que levará adiante o nacionalismo
galego en Europa e na que Guillerme enfatizou que, "co
BNG en Bruxelas, Galiza voltar ter presenza no Parlamento
Europeu".
Guillerme lembrou que "se o BNG non está, Galiza non
está, por iso estamos ante unha boa noticia porque a eurodeputada
do BNG será útil para demandar solucións aos problemas de
Galiza".
Así, o portavoz nacional enfatizou que «os problemas dos
sectores produtivos galegos, dende o naval ao lácteo, pasando
pola pesca, non atoparon solución nos sucesivos gobernos
centrais nin nas xestións do goberno galego en Europa".
"É necesaria unha voz como a do BNG nun momento en
que hai unha discusión sobre o modelo da UE, un modelo que
fai augas, que evidencia a necesidade dunha reformulación
a fondo", afirmou Guillerme, "un modelo abrazado
ao neoliberalismo extremista hexemonizado pola Alemaña de
Merkel e que ofrece como única receita o límite ao défice".
O BNG quer contribuír a dar un debate, tal e como apuntou
Guillerme, "por outro modelo de Europa democrática,
dos pobos, da cohesión social e territorial e non este modelo
ao servizo do capital financeiro que ten repercusións no
noso país como concreta o novo goberno de Rajoy que se apresta
a recortar dereitos laborais e sociais. Recortes que se
cifran en 16.500 ME, pero que seguro van ser máis".
OBXECTIVOS DO BNG NO PARLAMENTO EUROPEO
A eurodeputada afirmou que esta presenza do BNG no Parlamento
Europeo «significa que Galiza volta ter representación na
defensa dos seus intereses. Así será a partir do 1 de xaneiro
e éste é un momento moi importante para o BNG, pero sobre
todo para Galiza". "Este vai ser o escano europeo
do pobo galego", explicou Miranda e, por iso, neste
tempo comprometeuse a realizar «un intenso traballo coa
sociedade galega en defensa dos intereses de Galiza porque
queremos facer iniciativas en beneficio dos sectores produtivos
e da cidadanía".
Neste sentido, os principais reptos do BNG no Parlamento
Europeo serán «a defensa dos sectores produtivos e da economía
produtiva galega e faremos propostas concretas; a defensa
dunha Europa social e dos pobos, que aposte por un cambio
de políticas en favor do benestar social; a defensa dunha
economía territorial e enerxética que teña en conta a Galiza
e na que Galiza conte; a defensa dos dereitos democráticos
e das liberdades públicas, cun respeito do dereito ás minorías
porque ser un non significa ser ninguén, senón estar nun
grupo de eurodeputados e eurodeputadas nacionalistas e de
esquerdas que é estar con xente que quere unha Europa da
xente e non dos mercados; finalmente, o BNG defenderá unha
política internacional solidaria, no respeito dos dereitos
dos pobos e das nacións».
Ana Miranda destacou a oportunidade que supón estar no Parlamento
Europeo no momento «en que se inician tres reformas de calado
para o país como a dos fundos europeos, a da política pesqueira
e da agraria". "Queremos transmitirlle ás galegas
e galegos que éste é o seu escano, o seu altofalante, que
terán en nós unha interlocución directa no Parlamento Europeo
para transmitir as súas inquedanzas e problemas", explicou
a eurodeputada. A eurodeputada destacou asemade algunhas
das iniciativas que levará a Europa como a petición de levantamento
do veto á construción naval en ferrolterra ou unha solución
para o tax lease.
|