Un total de 283 comerciantes de 129 concellos
galegos benefícianse dos máís de 1,8 millóns
de euros de economía e industria para modernizar o comercio rural
|
noticiasgalicia.-
A Consellería de Economía e Industria ven de conceder máis de 1,8 millóns
de euros á modernización e implantación de comercios situados nas zonas
rurais de Galicia, así como en diversas rutas do Camiño de Santiago co
obxectivo fundamental de dinamizar a actividade comercial nos concellos
con poboación inferior a 10.000 habitantes ou núcleos rurais ubicados
en concellos de máis de 10.000 habitantes.
Así o explicou en rolda de prensa a directora xeral de Comercio, Nava
Castro, quen adiantou que a resolución desta orde de axudas, que supón
un incremento de case un 27% con respecto á anterior, beneficiará a un
total de 283 comerciantes de 129 concellos das catro provincias galegas,
"nun novo impulso para promocionar e incentivar a modernización
e a implantación de comercios situados en zonas rurais de Galicia, así
como en diversas rutas do Camiño de Santiago".
Do total de comerciantes beneficiados, 113 están ubicados en 46 concellos
da provincia da Coruña, que se repartirán case 742.000 euros, seguidos
dos 76 instalados en 36 concellos da provincia de Lugo e dos 52 con negocio
en 29 concellos da provincia de Ourense, que se beneficiarán dunhas achegas
globais de 540.000 euros e case 329.000 euros, respectivamente. Os 42
comerciantes dos 18 concellos beneficiados da provincia de Pontevedra
repartiranse máis de 256.000 euros en axudas da Consellería de Economía
e Industria.
Os comerciantes, ao abeiro desta orde xa resolta, poderán subvencionar
os custos de reforma e ampliación do local comercial sempre que a superficie
resultante non supere os 300 m2; o custo de adquisición de moblaxe, elementos
de decoración e calquera outro tipo de equipamento comercial; o deseño
e execución de campañas publicitarias ou promocionais dirixidas á captación
e fidelización de clientes no territorio; a adquisición de vehículos
comerciais, debidamente rotulados co nome e enderezo do establecemento
comercial, para a distribución dos seus productos.
A directora xeral de Comercio apuntou que a orde que ven de resolverse
incluíu "un novo e importante colectivo de beneficiarios, como son
os comerciantes ambulantes, ademais de impulsar unha nova promoción e
incentivación para os comercios situados nas diversas rutas do Camiño
de Santiago", ao tempo que se promocionan produtos de denominación
de orixe galega e produtos amparados pola etiqueta Artesanía de Galicia
e/ou recollidos baixo a marca de Galicia Calidade.
Coa resolución desta orde, a Consellería de Economía e Industria puxo
en marcha novos criterios de selección que responden máis axeitadamente
á realidade da distribución comercial do rural galego. Así, tívose en
conta á hora de valorar as solicitudes a declaración-compromiso de uso
e posterior utilización da lingua galega en campañas publicitarias, elementos
promocionais e na sinalización interior e exterior do establecemento
comercial, o acceso por primeira vez á subvención, os proxectos de nova
implantación, a pertenza a unha asociación de comerciantes, a posta a
disposición dos clientes de medios de pago eléctrónicos e a adhesión
ao sistema arbitral de consumo.
Esta orde axudas insírese no programa IV do Plan Ágora-Agora re-Comercia,
dotado globalmente cun orzamento de case 130 millóns de euros, de mellora
do aprovisionamento das zonas rurais. Os obxectivos son mellorar a accesibilidade
da oferta ao consumidor residente en zonas rurais, a partir da mellora
da competitividade do comercio rural modernizando os establecementos
comerciais e adaptando o comercio rural ás necesidades do consumidor,
e fomentar medios e novas fórmulas comerciais para a mellora do aprovisionamento
en zonas rurais, ademais de apoiar ao comercio ambulante como distribuidor
comercial nas zonas rurais.
|
 |
|
canal
islas
atlánticas
|
canal
vinos
|
canal inmobiliario
|
canal
viajar
|
canal
empleo
|
canal
pueblos
|
canal golf
|
canal
museos
|
canal
directorio
|
canal
empresas
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|