|
Amigos
da Terra celebra a directiva europea para a protección
do medio ambiente
noticiasgalicia.-
Amigos da Terra celebra a decisión do Parlamento
Europeo de aprobar a directiva que castigará con
sancións penais delitos contra o medio ambiente.
Deberá entrar en vigor en España nun prazo de
dous anos e contemplará unha lista de violacións
a leis ambientais que deberán considerarse "delitos
criminais".
Un dos obxectivos desta directiva é que se adopten
sancións penais efectivas, proporcionais e disuasorias
contra as persoas, físicas ou xurídicas, que causen
danos ao medio ambiente. Tamén, pretende homoxeneizar
o contido dos códigos penais dos Estados membros,
garantindo a existencia nos mesmos, dunha base
común de delitos ambientais castigados penalmente.
Este marco común para tipificar os delitos ambientais,
obrigará a España a asegurarse de que as empresas
poidan ser consideradas responsables das infraccións
penais cometidas no seu beneficio.
Aínda que Amigos da Terra acolleu a aprobación
da directiva coa esperanza de que se endurezan
os castigos pola comisión dunha agresión ao medio
ambiente, "plantéxanselle dúbidas sobre a
correcta aplicabilidade ou sobre a trasposición
en tempo por parte de España da citada directiva",
explica Montse Valencia asesora xurídica de Amigos
da Terra.
Con esta directiva en vigor e trasposta ao ordenamento
xurídico español, é posible que casos tan graves
coma o do vertido ocasionado pola empresa láctea
Río ao río Tórdea causando a mortaldade de preto
de 3.000 especies piscícolas en setembro de 1.999,
fora sancionado con maior severidade.
Amigos da Terra lembra, respecto a este caso,
que o dono e administrador da empresa foi condenado
a unha pena de prisión de dous anos e inhabilitación
por tres, segundo unha sentenza do Tribunal Supremo,
adquirindo só firmeza a inhabilitación o que está
posibilitando á defensa do empresario interpór
recurso ante o Tribunal Constitucional e incluso
pretenden solicitar unha petición de indulto ao
Consello de Ministros.
E todo elo ante un caso evidente de delito ecolóxico
que ocasionou unha merma na calidade do ecosistema
acuático e a morte de miles de especies de peixes.
Similitudes polo carácter de vertido garda este
caso co recentemente ocorrido en Ourense que provocou
a chegada de 50.000 litros de fuel á rede de sumidoiro
da cidade provintes dos depósitos da empresa Adif
polo que ven de ser "amonestada" polo
concello de Ourense cunha multa de 12.000 euros
o que da como resultado que "verter un litro
de gasoil e provocar unha ameaza a un importantisimo
recurso fluvial coma é o río Miño, só custa 4
euros", afirman dende Amigos da Terra.
|