|
noticiasgalicia.-
A portavoz de Cultura do Grupo Parlamentario
Socialista Concepción Burgo anunciou que rexistrou unha
iniciativa no Parlamento na que reclama ao Goberno de Feijoo
poñer en marcha un arquivo permanente "on line"
nas páxinas web da Cidade da Cultura e da Illa de San Simón,
dos vídeos e audios das gravacións de todos os encontros,
xornadas, conferencias, mesas redondas ou calquera outro
acto semellante, organizados e financiado pola Secretaría
Xeral de Cultura, as Fundacións Cidade da Cultura e Illa
de San Simón e a Axencia Galegas das Industrias Culturais
Burgo demanda na proposición parlamentaria "tomar medidas
para chegar aos acordos necesarios para incluír neste arquivo
os eventos semellantes organizados por outras institucións
públicas e privadas onde colabore economicamente a Secretaría
Xeral de Cultura ou calquera dos departamentos dela dependentes,
e que se celebren na Cidade da Cultura ou na Illa de San
Simón".
A portavoz de Cultura explica que as novas tecnoloxías da
comunicación son unha ferramenta básica, e nestes momentos
inescusable, para facilitar a transmisión de coñecementos
e de cultura. Advirte que "desgraciadamente, a anterior
Consellería de Cultura e Turismo non se caracterizou por
un uso axeitado destas novas tecnoloxías, perdendo con elo
importantes posibilidades de chegar a un público masivo
e perdendo tamén unha maior rendibilidade das inversións
feitas en actos e encontros organizados e financiados por
ela".
A deputada relata que na Cidade da Cultura e na Illa de
San Simón tiveron lugar varios encontros e actos de moi
diversa tipoloxía que quedaron reducidos a un aforo moi
limitado de público, tanto polas pequenas dimensións das
infraestruturas onde se desenvolveron como pola incapacidade
temporal de asistencia de moitas persoas que estarían, a
priori, interesadas pola súa temática. De esta maneira,
estes encontros foron simples actos efémeros, máxime cando
non se realizaron actas o publicacións.
A parlamentaria socialista afirma que esta situación pode
ter unha solución doada e de baixo custe recorrendo ás novas
tecnoloxías, porque non presenta dificultades organizar
un arquivo permanente de vídeos e audios nas páxinas web
da Consellería ou da Cidade da Cultura e a Illa de San Simón,
onde se poña a disposición de toda a cidadanía as gravacións
dos encontros, xornadas, conferencias, mesas redondas ou
calquera outro acto centrado no análise de calquera tema.
|