|
Galiza será a convidada de honra na vindeira edición
do Festival Intercéltico de Lorient 2009
noticiasgalicia.-
Delegacións de Gales, Irlanda, Escocia, Acadia,
Bretaña, Asturias e Galiza e mais dos países convidados
Canadá e Australia asisten esta semana á 38 Edición
do Festival Intercéltico de Lorient, que se celebra
na cidade bretona entre o 1 e o 10 de agosto.
O festival interlcéltico de Lorient constitúe
unha cita ineludible para os amantes da música
folk e da cultura celta e cada ano é visitado
por milleiros de persoas que asisten aos espectáculos
gratuítos que se celebran nos pavillóns dos diferentes
territorios convidados e mais aos espectáculos
de pago que albergan os diferentes recintos da
cidade. O stand xestionado pola Dirección Xeral
de Turismo a través de Turgalicia recibiu nestes
primeiros días a milleiros de persoas atraídos
pola información sobre o país que se distribúe
no mesmo e mais polas actuacións de grupos galegos
que se celebran in situ.
Doutra parte, o recinto galego contén unha parte
dedicada ao Obradoiro de Gaitas Seivane no que
os visitantes poden admirar as características
da gaita galega e aprender os detalles da súa
fabricación e utilización. Galiza tamén ten en
Lorient unha representación da súa gastronomía
a través dun restaurante no que os asistentes
ao festival poden degustar polbo á feira, licor
café ou torta de Santiago por módicos prezos.
O grande éxito que colleita o restaurante galego
fai que sexa dos máis visitados do recinto feiral.
Varios grupos de intérpretes de música tradicional
manteñen a animación no stand e nas inmediacións
do mesmo, onde tamén actúan ao caer a tardiña
grupos de danza tradicional que amosan aos paseantes
a cultura popular galega.
Concurso de gaitas
Todos os anos se celebra durante as primeiras
xornadas do festival un concurso de gaitas en
dúas quendas no que participan na primeira xornada
Galiza, Asturias e Bretaña e na segunda Irlanda,
Escocia e Bretaña. O gañador do concurso da primeira
xornada foi o gaiteiro galego Pablo Devigo. Pablo
Devigo actuou tamén na recepción que o alcalde
de Lorient ofreceu aos representantes das delegacións
participantes. O director xeral de Turismo, Rubén
Lois, foi o encargado de saudar ao resto das delegacións
asistentes e foi recibido polo alcalde da cidade.
Galiza será o vindeiro ano a convidada de honra
da 39 edición do festival e isto implica que terá
un recinto de maiores dimensións no eixo central
do recinto feiral para dar a coñecer a cultura
do noso país na Bretaña a todos aqueles que asistan
ao evento o vindeiro ano. Nesta edición participaron
en representación da música celta galega grupos
como Quempallou ou Mutenrohi, que rexistraron
unha gran acollida nos seus concertos. Tamén actuaron
nesta edicións outras agrupacións como Celtas
Cortos, os míticos Moving Hearts ou Loreena MacKennitt.
|